Pachi Vázquez: "Manexamos datos que confirman a posibilidade de cambio en Galicia"

O candidato socialista conversa coa veciñanza da Estrada CC-BY-NC-SA PSdeG

"Mobilización total". Deste xeito define o secretario xeral do PSdeG e candidato á Xunta, Pachi Vázquez, o estado interno do seu partido. A un mes e unha semana da cita coas urnas o líder dos socialistas xuntou este venres na sede nacional da súa formación a representantes socialistas no Congreso e no Senado, por unha banda, e a cargos da formación no ámbito local, por outra, para instalos a "elevar a tensión de traballo aos máximos niveis" ata o 21-O e encargarlles unha intensa axenda de traballo que inclúe percorrer todas as comarcas do país. Trátase, di, de "traballar todos unidos" ante a posibilidade de que, tras os comicios, en Galicia poida haber "un goberno de progreso".

"Feijóo xa só está preocupado de salvar os compoñentes do Goberno" nas listas do PP, asegura Vázquez

Asegura Vázquez que, ademais dun desexo, esta expectativa tamén está avalada polos "datos demoscópicos que manexamos" no seo do propio PSdeG. Eses inquéritos, di, "confirman a posibilidade dun cambio" e "cada día que pasa fano con maior intensidade", asegura. É por iso, na súa opinión, polo que o Goberno galego, ademais de "estar ausente" e "desnortado" agora xa "só pensa en salvar os seus compoñentes", situándoos en postos de saída das listas do PPdeG que garantan a súa presenza no Parlamento no caso de perder o poder, razoa. Mentres isto acontece, os "interese" dos socialistas é "sacar adiante propostas que evidencien que o engano e o sufrimento ao que nos someten Rajoy e Feijóo é reversible" e "ilusionar" con elas á cidadanía.

Algunhas desas proposta serán expostas este sábado polo propio Vázquez no compostelań parque de Bonaval, onde presentará as candidaturas electorais do partido antes de partir a Arxentina e Uruguai. Mentres o candidato viaxa á outra beira do Atlántico en Galicia os cabezas de listas das catro provincias e cargos estatais do PSOE como Trinidad Jiménez, Antonio Hernando ou Jesús Caldera protagonizarán diversos actos e visitas. Así, por exemplo, o número un da Coruña, Francisoc Caamaño, achegarase á feira de Paiosaco, na Laracha, e visitará unha feira en Ferrol, entre outros actos. En Lugo a cabeza de cartel, Concepción Burgo, percorrerá a feira de Pedrafita e pola tarde reunirase con veterinarios en Chantada. Pola súa banda a número dous de Ourense, María Quintas, presenciará a saída da Volta a Galicia no Barco de Valdeorras e manterá unha xuntanza con veciños. En Pontevedra, Abel Losada realizará un percorrido pola capital da provincia e manterá un encontro con mariñeiros en Bueu.

O candidato socialista conversa coa veciñanza da Estrada CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.