O PSdeG esixe "explicacións" de Feijóo tras "admitir que sabía das preferentes e non fixo nada"

Pachi Vázquez, nun acto preelectoral en Avellaneda CC-BY-NC-SA PSdeG

"A min dicíaseme que tiña intereses escuros na fusión das caixas e eu tiña que estar calado, porque sabía que o core capital estaba trufado de preferentes... Agora os cidadáns sábeno e eu podo dicilo sen incumprir o segredo bancario". O presidente da Xunta e candidato á reelección explicábase deste xeito o pasado domingo nunha entrevista co diario El País. Nunha conversa na que considerou que o seu "principal activo" é que "non lles mentimos aos galegos" Alberto Núñez Feijóo consideraba que o principal erro no referido ás antigas entidades de aforro galegas foi non "explicar ben" a súa situación. Este luns o PSdeG recollía as súas verbas para pedir "explicacións", porque o líder conservador veu "recoñecer que coñecía o escándalo das preferentes e non fixo nada".

Para o secretario de organización dos socialistas, Pablo García, que o presidente fose coñecedor da situación destes produtos financeiros sen facer "nada" ao respecto convérteo en "cómplice do sufrimento" das familias estafadas. Feijóo, di, asegura que "nunca mentiu" pero nesa mesma entrevista está "mentindo e enganando": "mente ata cando di que non mente", subliña García, que aproveita esta petición de explicacións para estendela tamén ao que considera "tratamento partidista e sectario" por parte da Televisión de Galicia nos últimos días a respecto da información política. Os actos de precampaña do PP ocuparon "cinco veces máis que o PSdeG" nos medios públicos. O Goberno galego "ten que dar explicacións e rectificar", subliña, porque non poden estar "ao servizo do PP" uns medios "que pagamos todos".

Pacto do PP con Mario Conde?

Os conservadores evitan aclarar se pactarían con Sociedad Civil y Democracia

As reclamacións de García prodúcense mentres o secretario xeral dos socialistas e candidato á Xunta, Pachi Vázquez, remata a súa viaxe a Arxentina e Uruguai, un periplo que Feijóo culminou este luns despois de  asegurar, dende a outra beira do Atlántico, que a única alternativa a un Goberno do PP é un Executivo sumido no "desgoberno". "Referirase a se ten que pactar con Mario Conde", ironizaba García mentres, na sede dos populares, o seu voceiro, Antonio Rodríguez Miranda, evitaba aclarar precisamente se o seu partido estaría disposto a acadar unha alianza co ex banqueiro e ex convicto se así fose necesario para manterse no poder.

Preguntado en varias ocasións polos xornalistas Miranda limitouse a reiterar que "o PP se presenta ás eleccións" co "obxectivo claro de ser a primeira forza política e ter a maioría suficiente para gobernar". Os pactos dos populares son "só cos galegos", insiste, se ben, ao tempo, evitar rexeitar un eventual pacto con Sociedad Civil y Democracia -marca electoral elixida por Conde-, repetindo que aspira a "revalidar a maioría absoluta".

Pachi Vázquez, nun acto preelectoral en Avellaneda CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.