En campaña, prohibido inaugurar... pero non "achegarse"

Mato, nunha escola infantil de Oleiros, o día 13 © Xunta

A reforma da lei electoral, vixente dende o ano 2011, mudou dous aspectos esenciais das etapas previas ás campañas. Ata esa modificación os meses previos a uns comicios eran o escenario óptimo para a proliferación de inauguracións, anuncios e promesas por parte dos gobernantes que optaban á reelección mentres, nas rúas, farois e valados comezaban a poboarse de propaganda electoral, ata o punto de que a precampaña e a campaña apenas se distinguían. Mentres que a prohibición de distribuír propaganda fóra dos quince días previos á cita coas urnas está, en xeral, a ser cumprida sen problemas, a cuestión das inauguracións e vendas de logros non desapareceu, senón que pervive con certas mudanzas. Este está a ser o caso, de novo, na actual precampaña galega.

A lei prohibe organizar actos para aludiar "ás realizacións ou aos logros obtidos" durante o mandato

A lei é clara. Dende que se convocan unhas eleccións -neste caso, dende o 27 de agosto- "fica prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos" ou que "utilice imaxes ou expresións coincidentes ou semellantes ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas concorrentes ás eleccións". Do mesmo xeito, tampouco caben as "inauguración", aínda que si poidan entrar en servizo equipamentos que estean rematados, pero sen actos conmemorativos dese feito. Con estes dous preceptos sobre a mesa diversos membros do Goberno galego móvense nas últimas semanas no gume da navalla da lei electoral, en especial unha conselleira e un conselleiro: a titular de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o responsable de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

No caso de Mato o seu departamento vén convocando, ao longo de todo o mes, visitas da conselleira a diversos equipamentos sociais, algúns inaugurados recentemente e outros cun chisco máis de percorrido. Así, por exemplo, o 10 de setembro visitou un centro de día e un fogar residencial en Cerceda, o 12 unha escola en Abegondo, ao día seguinte, outra en Oleiros e vinte e catro horas despois, unha máis en Fisterra. Todos estes actos non foron convocados como inauguracións, senón que a Xunta informou previamente de que Mato se "achegaría" a estes recintos. Na mesma liña, a directora xeral de Formación, Ana María Díaz, "achegouse" a un centro de formación en Burela o día 20 e a propia Mato, o día 11, percorreu co presidente da Xunta un centro especial de emprego en Oleiros. Unha destas visitas, nun centro de menores de Rábade o día 5, foi xa denunciada polo PSdeG perante a Xunta Electoral xa que neste acto, coma nos outros, Mato salientou logros do seu departamento.

Hernández: dezasete alcaldes en 20 días

Só dous dos alcaldes que se reuniron con Hernández non son do PP

Un dos departamentos máis proclives ás inauguracións é, a priori, o de Infraestruturas, se ben as estreiteces económicas deixan a axenda do titular desta consellería sen apenas posibilidades de realizalas, aínda que sexa baixo outro formato para esquivar as restricións electorais. Así e todo Agustín Hernández si está a salientar os seus logros, aínda que a nivel municipal. Nos primeiros 20 días de mes o conselleiro reuniuse con dezasete alcaldes, xa fose en San Caetano ou nos propios concellos. Así, fotografáronse co responsables das obras públicas o rexedor de Trabada, o día 3, os de Santa Comba, Cerdido, Moeche, Narón, Ortigueira e San Sadurniño, o 4, os de Moaña e Vilanova de Arousa, o 5, o do Grove, o 6, o de Ferrol, o 7, o de Vilagarcía, o 10, o de Santiago, o 12, o de Abegondo, o 14, o de Gondomar, o día 18, o de Malpica, o día 19 e o de Foz, o día. De todos eles só dous, os de Narón (Tega) e o de San Sadurniño (BNG), non pertencen ao PP.

Aínda que cunha menor abundancia tamén é posible atopar este tipo de actos na axenda do presidente da Xunta. No caso de Alberto Núñez feijóo a xeira comezou o día 8, cunha visita ás instalacións de Proxecto Home en Santiago minutos despois de ser proclamado candidato do PP á reelección. O día 11 realizou a devandita visita a un centro de emprego en Oleiros e o día 12 achegouse ao Museo do Pobo Galego. Pola banda da exaltación dos propios logros o día 19 chegou o solemne anuncio de dous contratos da petroleira Pemex con Navantia e Barreras, mentres que o día 20 Feijóo presentou, na planta de Citroën de Vigo, as furgonetas coa "marca Galicia" que a empresa automobilística fabricará tras recibir 10 millóns de euros da Xunta.

Mato, nunha escola infantil de Oleiros, o día 13 © Xunta
Hernández, co alcalde de Abegondo o día 14 © Xunta
Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.