Os controis legais fan que a participación do censo emigrante no 21-O non chegue ao 4%

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Os controis legais tradúcense en cifras. As primeiras e, con toda probabilidade, últimas eleccións galegas nas que os denominados residentes ausentes só poden participar pola vía do voto rogado -solicitando persoalmente poder participar nos comicios- baten récords, pero á baixa, na participación deste controvertido colectivo. Segundo os datos que manexa a Oficina do Censo Electoral, datados no pasado día 24, apenas o 3,7% do total do Censo de Residentes Ausentes (CERA) completou os trámites necesarios para exercer o dereito ao sufraxio. Nomeadamente, dos 397.284 electores e electoras inscritos -case un 20% mási que hai catro anos- só 14.647 rogaron o voto, o que quere dicir que a cifra final de partipación podería ser aínda máis baixa.

Mentres o Goberno central xa traballa nunha contrarreforma que permita volver ao antigo sistema -no que, por exemplo, os inscritos no CERA recibían na casa a documentación electoral sen comprobacións previas de identidade e sen nin sequera confirmar que o elector seguía vivo- as comparacións coas cifras de hai catro anos son elocuentes. Daquela emitiron o seu voto 101.708 dos 335.453 ausentes, isto é, case un 600% máis dos que o poden facer desta volta. A comparación das porcentaxes tampouco deixa lugar a dúbidas: o 3,7% de 2012 está moi lonxe do 30,3% de 2009, cifra media que na circunscrición de Lugo acadou o 35,2%. 

Os votos que non cheguen a Galicia a través dos correspondentes consulados serán considerados nulos

Neste contexto, á reforma da lei electoral aínda vixente vénse de unir unha garantía adicional que, a priori, minorará aínda máis a influencia do tamén coñecido como voto emigrante. A Xunta Electoral Central vén de emitir unha instrución segundo a cal "computarán como votos nulos os contidos nos sobres de votación remitidos dende o estranxeiro (...) que non fosen recibidos a través dos correspondentes consulados". Isto é, se os electores do CERA deciden enviar o seu sufraxio directamente a unha xunta electoral en Galicia e non a un consulado no país no que residen, o seu sufraxio ficará invalidado. En anteriores convocatorias, esta posibilidade si era legal.

Incremento exponencial do censo

A abundancia de controis legais vén amortecer en boa medida o exponencial incremento experimentado polo CERA dende as eleccións de 2009. O feito de que 397.284 residentes no estranxeiro "con municipio de inscrición en Galicia" puidesen participar supuxo un medre do CERA do 18,4% a respecto de hai tres anos. O crecemento absoluto non é menor, cunha diferenza de máis de 60.000 persoas, pero o incremento obśervase aínda con máis nitidez en termos porcentuais. A suba do CERA en apenas tres anos é do 18,4%. Mentres, o censo total apenas engordou nun 1,88%, pasando dos 2,64 millóns de persoas das eleccións de 2009 a 2,69 millóns nas de 2012.

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.