O BNG anticipa que derrogará a lei da Red Madre se chega á Xunta

Un intre do acto do BNG no Obradoiro © BNG

Hai quen se ten referido en máis dunha ocasión á compostelá Praza do Obradoiro como a "praza maior de Galicia", tanto polo seu simbolismo como pola confluencia nela de diversos actos de relevancia política e social ao longo da historia. Este venres aconteceu de novo. Mentres, por unha banda da praza, o presidente da Xunta se desprazaba na compaña de varios colaboradores para facer unha foto de familia con novos membros da Policía Autonómica, no centro, diante da catedral, o BNG amosaba a súa adhesión ao Día Internacional polo Dereito ao Aborto. Agrupadas en torno a unha gran pancarta, numerosas dirixentes do BNG, acompañadas polo candidato nacionalista á Xunta, Francisco Jorquera, e diversos membros da formación frontista, expresaron a necesidade de que o "dereito a decidir" prime sobre as "contrarreformas" que prevé o Goberno central e tamén sobre parte da lexislación vixente en Galicia, leis "regresivas" que o Bloque se compromete a "derrogar" no caso de formar parte do futuro Goberno galego.

A portavoz parlamentaria dos nacionalistas, Ana Pontón, centra esta promesa en dúas leis: a promovida polo Foro Español de la Familia a través da súa plataforma Red Madre e mais a Lei de Familia, que deixarán de estar vixentes se depende do Bloque que, afirma, non consentirá "pasos atrás nos avances conquistados". Estas normas, aprobadas ao longo da lexislatura que remata no medio de importantes controversias -a de Familia recibiu críticas non só da oposición parlamentaria, e de diversos colectivos sociais, senón tamén do Consello Económico e Social- supoñen para Pontón "un atentado contra os dereitos das mulleres" ante o que cómpre "impulsar políticas que sitúen no centro do debate que pasa saírmos desta crise" cómpre potenciar "a igualdade".

Jorquera: "A dereita está valéndose da crise para impoñer un sistema de valores no que as mulleres son as principais vítimas"

Tamén Jorquera relaciona os recortes ao dereito ao aborto cos recortes económicos apoiados na crise. Para o aspirante nacionalista á Xunta "a dereita está valéndose da crise para impoñer un modelo económico e social", pero tamén "ideolóxico", cun "sistema de valores" no que as mulleres "son as principais vítimas". O PP, afirma, "quere acabar co paro pola porta de atrás, relegando as mulleres" ao "rol de nais e esposas", intención na que, ao seu xuízo, os conservadores tamén afondarán coa reforma educativa que prepara o Ministerio de Educación.

O BNG, di, oporase tamén dende as institucións á conversión "dun dereito nun delito", como prevé facer o gabinete de Mariano Rajoy co aborto. Do mesmo xeito, di, defenderá declaracións internacionais tamén "asinadas polo Estado español" nas que se garante o dereito das mulleres "ao control da natalidade" e  da súa vida e saúde sexuais. "Considérano un delito", abonda o candidato nacionalista, malia estar demostrado "con datos" que nos países "máis avanzados", con lexislacións semellantes á que aínda está vixente no Estado, o número de abortos descende grazas á combinación do recoñecemento de dereitos con accións educativas e preventivas.

Un intre do acto do BNG no Obradoiro © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.