Foxe Feijóo das siglas do PP?

Rueda, na presentación do lema electoral do PP © PPdeG

Primeiro do líder e agora... das siglas? A precampaña do PP de cara ás eleccións do 21 de outubro diferenciouse nun elemento esencial a respecto da de 2009. Á marxe das evidentes diferenzas que trae consigo o feito de que Alberto Núñez Feijóo afronte a carreira electoral xa como presidente, a principal variación residiu na dosificadísima presenza de Mariano Rajoy en terras galegas para apoiar ao candidato. Fronte á omnipresencia da anterior campaña, o líder estatal dos conservadores e titular do Goberno central non apareceu na proclamación de Feijóo e os seus actos públicos foron contados, o mesmo que acontecerá durante a campaña. Ao que semella unha aposta por potenciar a figura de Feijóo fronte á de Rajoy, azoutada pola crise e os recortes, engadiuse nas últimas horas unha peza máis: a aparente desaparición do logotipo do PP nos carteis electorais do partido.

O conselleiro da Presidencia e xefe de campaña da formación, Alfonso Rueda, amosoulle á prensa "o lema" electoral do partido, Galicia primeiro, inserido xa nun modelo de cartel electoral no que non figuraban nin as siglas nin o imagotipo do partido da gaivota. Nesa montaxe figuraba unha pequena banda branca, é de supoñer que colocada para ocultar a palabra "vota" ou, o que é o mesmo, para non transgredir novamente a Lei Electoral, neste caso pedindo o voto antes do inicio legal da campaña. Esa ausencia de logotipo non pasou desapercibida nin para os informadores nin tampouco nas redes sociais. Nunha delas, en Twitter, foi onde o PP se esforzou especiamente en aplacar a treboada, insistindo en que "os carteis, valados e folletos levarán o logo do noso partido" tanto a preguntas de cidadáns e cidadás anónimos como doutros máis coñecidos, caso por exemplo do director do xornal El Mundo, Pedro José Ramírez, que comparou a decisión estética do PPdeG con algúns carteis de Zaptero. Así e todo, no caso de que o deseño presentado sexa o definitivo e o logotipo se atope por baixo da devandita banda branca, este será minúsculo fronte ao enorme "Feijóo" que domina a montaxe.

Xuventudes Socialistas denuncian outro "incumprimento" da lei

Onde si figura o logotipo dos conservadores -aínda que tamén cunhas pequenísimas dimensións- é noutro modelo de cartel electoral que xa está pendurado na sede do PP de Lugo e no que tamén figura á vista de todos a palabra "vota". Este cartel non tería problema ningún se non fose amosado antes das 00:01 do 5 de outubro, tal e como aconteceu nunha rolda de prensa celebrada nese local pola cabeza de lista popular pola provincia, Raquel Arias, e o presidente provincial da fromación, José Manuel Barreiro. Segundo alertan as Xuventudes Socialistas, "en dita rolda, recollida por diversos medios, pódese observar claramente como por tras dos propios interlocutores se atopan senllos carteis co texto "vota Feijóo". "Consideramos que este acto constitúe un presunto incumprimetno da Lei Electoral", sinalan.

Rueda, na presentación do lema electoral do PP © PPdeG
Resposta do PP ao director de 'El Mundo' CC-BY-SA Praza Pública
Acto denunciado polas XSG CC-BY-NC-SA XSG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.