A Xunta Electoral prohíbe un debate entre as mocidades de PP, PSdeG e BNG

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) © Google

Unha das dificultades máis habituais á hora de organizar un debate electoral é o desacordo entre os participantes no mesmo. En Galicia, por exemplo, para chegar á celebración dos encontros televisivos entre Alberto Núñez Feijóo, Pachi Vázquez e Francisco Jorquera foron necesarias complexas negociacións e renuncias por parte das formacións políticas, así como a aceptación de condicións como que as contendas só tivesen o formato de cara a cara. Estes obstáculos non existían no debate que ían celebrar este martes en Lugo representantes das organizacións de mocidade das tres forzas que actualmente teñen representación parlamentaria, PP, PSdeG e BNG. Pero a Xunta Electoral non o permitiu.

Ás autoridades electorais non lles pareceu "adecuado" o lugar elixido para o debate

Novas Xeracións, Xuventudes Socialistas e Galiza Nova acordaran intercambiar opinións publicamente sobre os comicios do vindeiro 21 de outubro e, con este obxectivo, solicitaran un local pertencente á delegación provincial da Consellería de Sanidade, que lles foi facilitado sen problemas. Todo estaba organizado ata que, segundo detallan as mocidades do PSdeG, "apenas catro horas antes de antelación nos foi comunicada a prohibición". As autoridades electorais "consideran" que o debate "non se realizaba nun lugar adecuado", explican as XSG, porque "ao ser o local da Xunta, non se pode debater alí".

En conversa con este diario a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas lucenses, Leticia Seara, amosa a súa contrariedade e sorpresa por unha decisión, que, explica, non ten precedentes, máis aínda tendo en conta que populares, socialistas e nacionalistas "se puxeran de acordo" para celebrar o debate e que a propia Xunta Electoral "nos dixo ás nove desta mañá que se podería celebrar sen ningún tipo de problema". Unha vez asumido o contratempo as organizacións de mocidade amósanse "dispostas a manter un debate entre as distintas formacións xuvenís noutro emprazamento ou mesmo nun medio de comunicación". Agardan que, desta volta, a Xunta Electoral non teña inconveniente, xa que "non sabemos se habería algunha denuncia" ou se, simplemente "o pensaron mellor e non nos deixaron".

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.