Feijóo 'recéitalle' a Catalunya a política lingüística da Xunta

Feijóo, tras a xuntanza do Consello © Conchi Paz

Dende que o PP retornou ao Goberno de España é habitual que, cando o Executivo central dá pé a algún tipo de polémica, os medios de comunicación interpelen ao presidente da Xunta e actual candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, polas decisións ou declaracións que chegan de Madrid. Este xoves volveu acontecer. Tras a xuntanza semanal do Consello da Xunta, sen apenas contido e con intenso arrecendo electoral, Feijóo foi cuestionado polos polémicos plans do ministro de Educación, José Ignacio Wert, encamiñados a "españolizar" o alumnado das escolas de Catalunya. Na mesma mañá na que o ministro lle adxudicou un "problema de categorías mentais" a quen non acepte as súas ideas "de sentido común" o líder dos populares galegos tentou avanzar polo camiño do medio, non apoiando pero moito menos desautorizando ao seu compañeiro de filas.

Wert atribúelle un "problema de categorías mentais" a quen non aposte por "españolizar" o alumnado catalán

"Falemos de Galicia", retrucoulle o cabeza de cartel dos conservadores ao informador que lle formulou á pregunta, encamiñada a coñecer se, na súa opinión, Galicia tamén precisa ser "españolizada". Segundo Feijóo o problema non é do ministro, senón da política lingüística e educativa da Generalitat, e "esa cuestión non xurdiría" se "se todos os programas educativos de todas as comunidades" imitasen aos da Xunta. En Galicia, explica, "non é necesario obrigar a coñecer o español porque o 50% das materias son en español", mantén. Mesmo contradicindo as cifras de presenza do galego no ensino que marca o denominado decreto do plurilingüismo o mandatario galego abonda en que o seu gabinete estableceu "o equilibrio docente entre as dúas linguas cooficiais" e, polo tanto, non existen problemas ao respecto.

A lingua  "non é un problema" no caso galego, profunda Feijóo, tal e como respondeu "o 99,9%" dos enquisados ao respecto polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), di. "Temos dous idiomas, a liberdade de utilizar os dous e a ambición de coñecer o inglés", asegura, para engadir que "ese equilibrio na lingua é unha proposta que Galicia puxo á disposición do Estado autonómico". "E me dá a sensación de que é unha proposta que cada vez conta con máis adeptos, máis seguimento e máis valoración dos cidadáns", conclúe, apenas vinte e catro horas despois de que un estudo d'A Mesa pola Normalización Lingüística concluíse, entre outros aspectos, que a lingua propia está desaparecida no 95% das aulas de educación infantil.

Feijóo, tras a xuntanza do Consello © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.