Pachi Vázquez lánzase a mobilizar o electorado que "quere cambio": "ás enquisas, nin caso"

Pachi Vázquez con Eduardo Madina © PSdeG-PSOE

A campaña electoral galega foi baixando de ritmo a medida que foron pasando os días e foi caendo, por veces, en latitudes próximas á atonía. Esta sensación semella que foi tamén percibida no equipo de campaña do PSdeG e, se cadra por iso, o candidato socialista á Presidencia, Pachi Vázquez, está a converter a mobilización do electorado que "quere cambio" nun dos eixos do seu discurso. Fíxoo o mércores e o xoves no Carballiño e en Monforte e fíxoo de novo, se cadra con máis intensidade, este venres en Santiago nun acto coas Xuventudes Socialistas. Nun dos discursos máis enérxicos dos que se lle levan escoitado ao longo da carreira electoral Vázquez lanzoulles un chamamento aos máis novos do PSdeG: "animade aos desanimados, dádelles ilusión aos desilusionados". Porque a remuda no Goberno "é posible", subliña.

Non lle valen ao líder socialista os apartados dos inquéritos xa publicados que manteñen ao PP nunha maioría absoluta máis ou menos cómoda. "Ás enquisas, nin caso", exhortou aos seus, botando man dun exemplo que está na mente de parte dos dirixentes da formación. "Que lle pregunten polas enquisas a [Javier] Arenas", o que fora candidato dun PP andaluz que "aínda ten o champán na neveira", por non poder utilizalo para unha vitoria electoral que, di, daban por segura. Para Vázquez o dato a salientar dos estudos demoscópicos é o que reflicte "cantos cidadáns queren cambiar o goberno" e eses, di, son "a inmensa maioría", aos que cómpre engadir "o 40% de indecisos" que "non son do PP, son nosos". A esas persoas que aínda non decidiron o voto tamén se dirixe Pachi Vázquez: "Equivocámonos, si, fixemos cousas mal, pero isto é un horror", porque a actual situación socioeconómica "vai de quen paga a crise". "Vainos saír ben, non teñades medo!", asegura.

Vázquez: "Nós fixemos cousas mal, si, pero isto é un horror, porque isto vai de quen paga a crise"

Transformar o "cabreo" cos recortes en votos para o PSdeG semella ser o principal reto dun candidato que alerta do "cataclismo" social que pode traer consigo, na súa opinión, un novo mandato do PP en Galicia. Pero "un país non se cambia chorando, cámbiase votando", un "cambio" que, afirma, é o seu "soño". "Ímoslle dar a volta a este país, non o van coñecer", promete, "empezando" por abordar o problema do desemprego. "Se o paro é o principal problema, estamos parvos ou que?", cuestiona Vázquez. "Diremos que hai esperanza, que non podemos seguir tendo os mozos na casa ata os 40" e neste punto, di, é no que se insire o seu plan de "25.000 bolsas contrato" para inserir laboralmente mozos e mozas "en empresas produtivas, non en concellos ou deputacións". "Xa sen que non é moito, 500 euros ao mes pagados polo goberno galego"; "non é resolverlles a vida, pero é poñelos en contacto" co mundo laboral. Isto, explica, suporá 39 millóns de euros ao ano investidos na mocidade, a "sala de máquinas do país".

Madina equipara a Feijóo e Rajoy con Thatcher

Madina cre que "o cambio en Galicia" será "o primeiro gran aviso a navegantes" contra os recortes do PP

O acto de Xuventudes Socialistas, simbolicamente vixiado por unha figura de Mariano Rajoy en posición desafiante, estivo coprotagonizado polo secretario xeral do Grupo Socialista no Congreso, Eduardo Madina, que é tamén un dos dirixentes máis mozos do PSOE. Nunha intervención que por veces raiou o ton académico Madina instou os seus compañeiros de filas a seren conscientes da "transcendencia histórica" das eleccións do 21 de outubro. "Estase xogando unha parte importante do futuro" pero "non só deste país", senón do conxunto do Estado, explica. O PP, alerta, fixo "da súa forma de goberno" un "deseño ideolóxico" para rematar coa "cohesión social". "Chámanse Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, poderían chamarse Margaret Thatcher", ilustra.

Os recortes "da dereita", di, merece que "a sociedade galega" que "non se resigna a coller a maleta" para emigrar "saque a Feijóo para sempre do seu despacho". "Porque cando o PP nos fala de recortes fala de cohesión social", tentando, como Thatcher, di, que "o poder estea sempre nas mesmas mans, a perpetuidade". Por todo isto, asegura, Madina, o "cambio" en Galicia ten que ser o "primeiro e maior aviso a navegantes" para os conservadores en todo o Estado. "O primeiro gran combate xógase aquí", advirte. Coa banda sonora do videoclip co que as Xuventudes Socialistas ilustran esta campaña Pachi Vázquez culminou o acto cun vaticinio: "o día 21 ides levar unha grandísima sorpresa e unha grandísima alegría".

Pachi Vázquez con Eduardo Madina © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.