0 Gardados para despois

Feijóo abre a porta a acatar o repagamento nas ambulancias non urxentes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Suxeriuno en abril e ábrelle a porta en decembro. O presidente da Xunta retomou este xoves o argumentario que xa despregara na primavera tras a aprobación do primeiro gran paquete de recortes sanitarios por parte do Goberno central. Daquela Alberto Núñez Feijóo asumiu a implantación inmediata do repagamento farmacéutico e adiou a súa decisión sobre a imposición de novas taxas ao transporte sanitario non urxente, isto é, as ambulancias programadas que transportan os doentes aos centros sanitarios para, por exemplo, recibir un tratamento de quimioterapia ou diálise. "Non se vai cobrar neste momento nin nas seguintes semanas, nin nos seguintes meses", aseguraba Feijóo, e así foi. Pero esa moratoria está a piques de chegar á súa fin.

De acordo co estipulado no Real Decreto promulgado polo Ministerio de Sanidade para facer efectivos os recortes o Consello Interterritorial de Saúde -órgano que xunta os responsables sanitarios das autonomías co goberno central- terá o 20 de decembro sobre a mesa o xeito en que se concretará o novo repagamento. Segundo adiantou este xoves a Cadena SER e posteriormente ratificaron varios dos membros do Consello, nese bosquexo fica establecido que os pacientes -tamén os pensionistas- pagarán cinco euros por desprazamento en ambulancia non urxente, con certos límites en función da renda e para determinadas patoloxías.

O borrador recolle que o repagamento oscilará entre os 10 e os 60 euros ao mes

Así, segundo a información que foi transcendendo ao longo da xornada, quen teña unha renda inferior aos 18.000 euros ao ano pagará ata 10 euros ao mes. Quen cobre entre 18.000 e 100.000 euros terá unha taxa de ata 20 euros mensuais e, de 100.000 euros en diante, o máximo a pagar será de 60 euros. Segundo ese documento só seguirán a recibir este servizo pagándoo unicamente pola vía dos impostos as persoas con discapacidade recoñecida, quen se atope desempregado e sen subsidio ou persoas que perciban unha pensión non contributiva. Os demais pagarán, aínda que a achega podería ser menos gravosa para certos pacientes de diálise.

A Xunta adía o anuncio, Mato culpa ás autonomías

Ante estas informacións o xefe do Goberno galego semella apostar por adiar o anuncio de que o seu gabinete acatará o novo repagamento. Así, a preguntas dos xornalistas tras o Consello da Xunta Feijóo evidencia que "hai un Consello Interterritorial" e nel "imos coñecer cal é a proposta do ministerio". "O que si creo é que o transporte urxente e o transporte de emerxencias ten que ser financiado ao 100% por fondos públicos", di, e "sobre calquera proposta de modificación imos escoitar a proposta no Consello Interterritorial. Ou, o que é o mesmo, a Xunta cre que "non cabe copagamento" no "transporte de urxencias" -o Ministerio tampouco o está a propoñer- pero non rexeita que os doentes paguen por desprazárense a recibir tratamentos programados.

Feijóo e a ministra poñen o acento en que non cobrarán o transporte urxente

Mentres isto acontecía en Compostela, nos corredores do Congreso dos Deputados a ministra de Sanidade, Ana Mato, admitía a existencia do documento ao tempo que responsabilizaba del ás autonomías. "Os técnicos son das comunidades autónomas e son os que fixeron a proposta", di a ministra que, como Feijóo, evidencia, que será no Consello Interterritorial no que se "adopte a decisión". Do mesmo xeito, Mato reproduce o argumentario do presidente galego e subliña que "ningueń terá que facer ningunha achega" no caso das ambulancias urxentes. No resto dos casos e con lixeiras variacións, admite, haberá repagamento "en función da renda". Só resta coñecer cando comezará a ser aplicado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.