O PP ratifica a fin de Preescolar na Casa porque "xa non funciona"

Referencia a Preescolar na Casa no programa de Feijóo en 2009 CC-BY-SA Praza Pública

Por se ficaba algunha dúbida. O persoal e as familias que estiveron a loitar durante anos pola supervivencia de Preescolar na Casa (PnC) e que veñen dende a primavera pulando pola súa recuperación bateron este martes contra o muro da maioría absoluta do PP no Parlamento. Acudiron ao Pazo do Hórreo a defender a iniciativa lexislativa popular para a "continuidade" do xa histórico proxecto pedagóxico que, fundado por Antonio Gandoy en 1977, atendeu milleiros de nenos e nenas e as súas familias durante máis de tres décadas. Por boca da orientadora Manuela Inés Novo reivindicaron o labor de PnC no "deserto demográfico" do rural do país. Tratábase, explicou dende a tribuna de oradores da Cámara, de recuperar "un programa educativo único e cen por cen galego". A súa fin "foi unha decisión política e ten que ser unha decisión política a que corrixa este erro". Pero esa decisión non chegou nin vai chegar.

Despois de que, ao remate da pasada lexislatura, a Consellería de Benestar decidise pecharlle a billa das axudas públicas a PnC este martes a deputada popular Marisol Piñeiro foi a encargada de ratificar que esa actitude non mudará nin un centímetro. Fronte ao expresado no programa co que o PP concorreu ás eleccións en 2009, no que vía PnC como un programa "esencial", Piñeiro segue case ao milímetro o argumentario da conselleira Beatriz Mato para sentenzar que "en 35 anos" de funcionamento e tras "11 anos" de vida da Fundación Preescolar na Casa "houbo tempo máis que suficiente para explorar outras vías de funcionamento que o puidesen levar a atuoxestionarse e traballar independentemente das axudas". "A Xunta ten que centrarse nos que peor o están a pasar", di.

"A Administración pública non pode asumir algo que xa non funciona", di o PP, que equipara o proxecto ao ensino privado

Pero, en calquera caso, a Xunta non podería achegarlle axudas a PnC aínda que quixese, veu dicir a parlamentaria. Isto acontece "por algo tan básico como que a fundación xa non está activa" e "a Administración púiblica non pode asumir algo que xa non funciona". Ese cesamento de actividade produciuse, precisamente, pola fin das achegas, que só dende Benestar pasaron de 500.000 euros anuais en 2009 a 400.000 en 2010 e cero euros no ano 2011. Do mesmo xeito, Piñeiro estarrica un chisco máis o seu abano argumental para deixar caer que o apoio de toda a oposición á ILP equivale a apoiar o ensino privado. "Levan anos argumentando contra os concertos educativos" e agora "amosan interese polo mantemento do concerto a unha entidade privada que complementa funcións educativas", di, equiparando empresas privadas cunha fundación sen ánimo de lucro.

Apoio de toda a oposición

As explicacións da voceira popular acenderon aínda máis os ánimos nas bancadas da oposición, que apoiou polas súas tres bandas a recuperación do programa. "Preescolar na Casa desaparece pola vontade política do PP", di Carme Adán dende o BNG, a quen non lle serven as explicacións económicas, dado que nas arcas públicas "si hai" cartos, por exemplo, "para a Fundación Camilo José Cela", rescatada pola Xunta, que a converteu en pública tras lustros de mala xestión e débedas acumuladas. "Non é un problema económico", asegura Adán, para quen neste caso, como noutros, "a crise foi a escusa para eliminar o que á dereita non lle interesa, neste caso un programa educativo galego e en galego".

"Mentres haxa familias con nenos pequenos, Preescolar na Casa seguirá a ser necesario"

Tamén dende AGE o seu voceiro na materia, Ramón Vázquez, observou razóns políticas para rematar cunha "iniciativa do pobo" como PnC, xa "incorporada ao acervo cultural galego" despois de 35 anos. No seu debut parlamentario Vázquez lamentou que o PP e a Xunta desdeñe non só "a acción de educar", senón que opte por liquidar un proxecto "imprescindible para o rural galego, que vostedes están a exterminar educativamente". Outro debutante, Vicente Docasar, fixou a posición do PSdeG, que lamentou que o PP perdese a "magnífica oportunidade de rectificar" a retirada dos apoios. 

Escoitadas as posicións, a representante de Preescolar na Casa lamentou que a "realidade" expresada dende o PP non sexa a mesma que a "do rural, no que eu traballo" e no que "segue sen haber escolas infantís". "Non podemos admitir que diga" que o proxecto "é obsoleto" porque "mentres haxa familias con nenos pequenos seguirá a ser necesario". O Goberno galego, polo tanto, promove unha perda máis "en toda unha lista de valores galegos que están  desaparecer", conclúe.

Intervención da representante de PnC CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.