Feijóo reparte culpas entre a oposición tras recruar as protestas das preferentes

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Nunha dos pouco abondosos exercicios de transparencia aos que acostuma o sector, Novagalicia Banco admitiu hai meses que a súa primeira emisión se remonta ao ano 2003 e que continuaron a ser colocadas entre a clientela ata 2011, isto é, ata o ano no que a entidade bancaria se viu na imposibilidade de mantelo pola súa precaria situación económica. O controvertido produto financeiro ten o seu sustento normativo nunha lei impulsada ese mesmo ano polo Goberno central nas Cortes Xerais, dominadas con maioría absoluta polo PP de José María Aznar. A xénese das preferentes foi obviada de novo este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que na súa primeira intervención pública tras as intensas protestas no Parlamento dos afectados pola "estafa", apostou por distribuír culpas entre o resto de grupos políticos non só polos incidentes na Cámara, que tamén, senón polas propias preferentes.

O presidente acusa a oposición de "apropiarse da dor" dos afectados

Ao remate da xuntanza semanal do Consello da Xunta Feijóo expresou a agardable censura á interrupción do pleno, pero non ficou aí. "Os insultos e as ameazas están fóra de lugar en calquera sitio, moito menos nun Parlamento", evidencia, para despois asegurar non coñecer "ningún precedente como o de onte", "onde os deputados vitoreen e aplaudan aos que insultan e ameazan". Ao líder conservador parécelle "gravísimo" porque, ao seu xuízo, os xestos de ánimo lanzados por PSdeG, AGE e BNG cara aos afectados -algúns parlamentarios e parlamentarias mesmo acudiron a tentar calmar a tensa situación- só tiñan a intención de "querer apropiarse da dor de quen o está pasando mal na cuestión dos seu activos financeiros".

As preferentes teñen sustento normativo nunha lei impulsada por Aznar en 2003, cando Feijóo xa formaba parte do Goberno galego

"É grave a actitude dos convidadso pero é inxustificable ver a deputados que aplauden ameazas graves" porque eles, asegura, "son os mesmos que lavaron as mans cando gobernaban os seus grupos e os seus gobernos aceptaron este tipo de produtos financeiros", di, adxudicándolles a socialistas e nacionalistas -é de supoñer que non a AGE, que non participou en goberno ningún- a responsabilidade en exclusiva da existencia e pervivencia das preferentes. Ao tempo Feijóo esfórzase en situar á Xunta do lado bo e faino en forma de advertencia ás persoas estafadas: "non esquezan onde están os seus aliados" xa que estes "non son os que gobernaban cando se comercializaban as preferentes, insiste -Feijóo foi membro do Goberno galego, primeiro como conselleiro e vicepresidente (entre 2003 e 2005) e despois como presidente (dende 2009) durante case sete anos nos que circularon as preferentes-".

"Os afectados polas preferentes seguen tendo todo o compromiso da Xunta e seguen formando parte dunha das principais preocupacións do Goberno galego", que seguirá pulando pola arbitraxe, asegura. Non obstante, e dende o convencemento de que as persoas que acudiron ao Parlamento non son "representativas" da maior parte "das que sufriron as preferentes", o presidente amósase igual de convencido de que o Parlamento "terá que estudar as actitudes e visionar os vídeos que lamentablemente están rexistrados". Unha vez realizada esa revisión a Presidencia da Cámra "terá que actuar en consideración co Regulmaento e co ordenamento xurídico vixente", o que pode implicar dende vetarlles a entrada no Pazo do Hórreo aos protagonistas da protesta ata levalos ante os tribunais por interromperen a sesión plenaria.

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.