O BNG cifra o recorte social da Xunta para 2013 en case 500 millóns

Aymerich, nun intre da súa comparecencia CC-BY-NC-SA BNG

Un total de 469 millóns de euros. É o cálculo que realiza o BNG ao analizar os recortes aplicados pola Xunta nos seus investimentos sociais para o ano 2013. O voceiro dos nacionalistas en materia económica, Carlos Aymerich, debulla os Orzamentos do Goberno galego para o ano que vén de empezar e céntrase no "gasto non financeiro", isto é, nos cartos que vai manexar a Administración pública sen contar os "que van para servir á débeda". Esas partidas, calcula, acumulan no conxunto do orzamento "667 millóns menos" que en 2012. E, "de onde saen?" Case 500, do ámbito social, asegura.

Concretamente, Aymerich cifra en 145 millóns a redución en sanidade, en 153 a acumulada entre cultura e educación e en 170 a retallada na Consellería de Traballo e Benestar. "O resto" da redución hai que buscala "en gastos de persoal", con 227 millóns menos que, sinala, implican que "non vai haber oferta pública de emprego" en 2013, ademais do xa coñecido recorte ás pagas extras do persoal público "que Feijóo tentou vender como un incremento".

Aymerich censura o gasto de un millón de euros nunha campaña sobre o "optimismo" ante a crise

Pero non todo baixa. "Sobe o gasto corrente, o gasto improdutivo desta Xunta tan eficiente e austera" ironiza o parlamentario, que detalla "que sobe tamén o servizo á débeda", con "até 1.110 millóns de euros para atender a débeda pública", entre xuros e capital, 227 millóns máis que no exercicio anterior. Neste sentido, Aymerich advirte de que realiza os cálculos de débeda pública "cos datos do proxecto" de Orzamentos, uns montantes que poden aumentar "por recentes decisións da Xunta, como que no financiamento do hospital de Vigo vaian entrar o ICO e o Banco Europeo de Investimento". "Isto supón que vai medrar a débeda pública dende o punto de vista do sistema europeo de compatibilidade", afirma.

Neste marco, Aymerich lamenta que o Goberno non poña o mesmo empeño en aplicar outro tipo de "subas", como "os impostos aos que máis gañan", máis aínda nun contexto no que o Goberno galego, critica, destina fondos públicos a campañas publicitarias para "infundir optimismo" ante a crise. "Se quixese infundir optimismo era mellor que, sen acudir a psicotrópicos de tipo publicitario, a Consellería de Facenda presentase uns orzamentos diferentes". "O optimismo vén de que haxa emprego, de que haxa futuro, de que os sectores produtivos se vexan apoiados". Senón, di, o único "optimismo" vai ser o que este tipo de campañas xeran "nos propietarios de certos medios de comunicación".

Aymerich, nun intre da súa comparecencia CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.