O PP veta un día de Rosalía no ensino: "cando a louvanza é grande, ata o santo desconfía"

Rosalía de Castro Dominio Público Praza Pública

"Cando a louvanza é grande, ata o santo desconfía". O voceiro de cultura do PP, Agustín Baamonde, botaba man deste "vello refrán galego" para encetar a súa intervención no debate dunha proposición non de lei (PNL) coa que o BNG buscaba o acordo do Parlamento para establecer o 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, "como Día de Rosalía no calendario escolar oficial" e así "regular" desde a Xunta "a organización de actividades conmemorativas". Para o conservador, a "letra" da iniciativa non se corresponde "co seu auténtico espírito" e por iso cumpriu unha certa prevención cara a ela pola súa banda.

O que fora considerado dun dos representantes do sector máis galeguista do PP -percepción que se foi diluíndo nas súas acendidas defensas do chamado decreto do plurilingüismo- asegura comprender que "calquera iniciativa sobre Rosalía debe ser atendida con profundo respecto". Aínda así, admite, os conservadores xa rexeitaran en 2011 unha "iniciativa idéntica", tamén do BNG. "Mudamos o noso criterio porque cremos que Rosalía" e a súa "figura inmensa" merece "o acordo unánime do Parlamento á hora de dedicarlle a honra que merece". Con todo, nas filas do grupo que sustenta ao Goberno "honrar a Rosalía" no ensino non equivale a "instaurar un día no calendario escolar" para tal fin", xa que nese calendario "non hai unha soa referencia a persoas de carácter concreto". "Se agora introducimos unha referencia concreta estaríamos abrindo unha espita ben difícil de pechar", argumenta.

Sobre esta argumentación, pero tamén sobre outra, a da posibilidade de que o BNG caia no "erro" de "patrimonializar para o nacionalismo a figura de Rosalía", o PP impulsou unha emenda á proposta do Bloque. No canto de converter o 24 de febreiro no Día de Rosalía , apostan por "realizar actividades de conmemoración" en torno á súa figura tres días antes, o Día Internacional da Poesía. Ademais, esa propia emenda incluía tamén a chamada ao Goberno galego para "promover a celebración do 175º aniversario" do nacemento da autora, cumprido o mes pasado. "A nosa é unha emenda de concordia e de consenso, fixemos o esforzo de rectificar, pídolle a vostede e ao PSdeG o mesmo esforzo solidario", instou Baamonde á autora da iniciativa, a nacionalista Carme Adán.

Non "invisibilizar" á "fundadora da nación"

Adán: "Este non é un debate de rapsodas, trátase de recoñecer unha figura central da historia de Galiza"

A intervención de Baamonde, rematada cun fragmento do Irmaus de Celso Emilio Ferreiro, irritou os grupos da oposición. "Este non é un debate de rapsodas, non é unha cuestión de gozar cos versos", sinalou Carme Adán. "É unha cuestión de recoñecemento dunha figura central da historia de Galiza" que "desborda a categoría de poeta", explica. Para a nacionalista, na emenda popular só pode haber "mala fe ou incompetencia" xa que, di, "é grave" que o grupo que sustenta o gabinete de Feijóo non teña xa "un calendario para celebrar o 175 aniversario do nacemento" de Rosalía mesmo despois desa efeméride. Malia ás interpretacións do PP, sinala, na iniciativa non hai "nada que lle poida parecer sospeitoso". "Igual deberíamos volver ás filosofías da sospeita do século XIX -ironiza- pero non hai na da, nin sequera recitei A xustiza pola man; simplemente se pide que se conmemore o Día de Rosalía", sintetiza. Do contrario, di, citando a María Reimóndez, estaría a "invisibilizar" a Rosalía, que o mesmo que "invisibilizar a todas as escritoras galegas".

O rexeitamento dos populares contrastou co intenso apoio do voceiro socialista, Francisco Cerviño, quen considerou "conveniente volver argumentar para conseguir que o grupo conservador cambie de posición". "Senón, non comprendería nada ou quedaría aterrado por comprender demasiado". En opinión de Cerviño, sobran motivos para instaurar un día escolar dedicado a Rosalía porque "non só é a fundadora da nación galega", senón que "refunda a lingua" e, polo tanto, constitúe "a trabe de ouro da nación". O seu valor cultural, o seu pensamento feminista ou o feito de que "o pobo a recoñeza como unha santa laica" é, para o socialista, motivo dabondo para que  "esta grandiosa e milagrosa muller deba ser honrada", tamén polos nenos e nenas nas escolas. "Sería bo que o señor Feijóo e o seu conselleiro de Educación lesen ou relesen" Cantares Gallegos e Follas Novas, di Cerviño. "Para entender que se se pode escribir da saudade ontolóxica, ben se poderían explicar as matemáticas en lingua galega".

Agustín Baamonde, voceiro de cultura do PP © Parlamento de Galicia
Rosalía de Castro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.