Feijóo: unha axenda xerencial pendente de Madrid

Feijóo, nunha imaxe do recente congreso do PP © PP

Falar de Alberto Núñez Feijóo e de Madrid non como cidade, senón como concepto de aspiracións políticas estatais, é un lugar común. No entorno do presidente da Xunta os ruxerruxes que o sitúan con ansias de medre madrileño asúmense con naturalidade e mesmo se tentan levar ao terreo da chanza. "Xa o dicían cando veu para Galicia", coméntase no círculo presidencial, dende o que se resta valor ás especulacións lembrando que hai exactamente dez anos, cando Fraga cambiou a Xosé Cuíña por Feijóo -fiel a Romay Beccaría- en plena crise do Prestige xa había quen dicía que para o actual presidente a Xunta non era máis ca un trampolín. Neste contexto e coa marea da corrupción arreciando na sede central do PP o xefe do Goberno galego ten diante de si unha axenda política formulada por el mesmo que tamén mira a Madrid. O líder conservador fía o seu éxito aos estritos dogmas do déficit, pero tamén á súa aposta por esquivar a intervención estatal das contas galegas, algo que agora xa non está tan claro.

Cando o pasado decembro Feijóo pronunciou o seu segundo discurso de investidura fíxoo gabándose de que desta volta ía xestionar unhas "contas públicas sen sorpresas", o que lle permitía garantir dende o minuto cero que Galicia é a "máis solvente" da clase grazas ao seus axustes -recortes- preventivos. A súa política económica permítelle ao Executivo "seguir despexando o risco de perda de autonomía, de ter que recorrer á axuda do Estado como están facendo outras comunidades, coas consecuencias que isto supón", proclamaba. "Dos 50.000 millóns do fondo de liquidez autonómica (FLA), Galicia solicitou cero euros", subliñaba. Apenas un mes despois, el mesmo abre a porta a recorrer ao devandito fondo e, consecuentemente, á intervención estatal.

A intervención estatal faría máis difíciles de cumprir promesas como crear seis mil prazas en servizos sociais ou garantir por lei as esperas sanitarias

Lonxe de ser unha cuestión menor, o recurso ou non ao FLA condiciona a práctica totalidade de proxectos e promesas lanzados por Feijóo para esta lexislatura, agás operacións cun efecto máis cosmético que financeiro, caso por exemplo da redución do Parlamento de 75 a 61 deputados ou do novo recorte ás subvencións a partidos políticos e sindicatos. Ese tipo de tesoiradas mediáticas poderíanse realizar con ou sen intervención. O que sería máis difícil de cumprir é que Galicia "volva ser a autonomía con menos axustes", como prometeu durante a mesma investidura, a creación de "seis mil prazas máis de gardería, centros de día e centros de maiores" ou a constitución dun "pacto polo rural" que, entre outros aspectos, garanta "prezos dignos" para o leite e demais produtos do agro.

Tampouco semella doado de conciliar coa intervención do Goberno central, nin sequera coa actual conxutura política e económica, a aposta por "paliar o impacto da crise no financiamento universitario -en 2013 as universidades dispoñen de 20 millóns menos da Xunta-", o "remate do hospital de Vigo, como rematamos o de Lugo -o centro vigués, que se ergue pola vía público-privada, vén de vivir serios problemas financeiros-", ou a posta en marcha real da Lei de Garantías, a norma coa que, segundo as promesas presidenciais, os e as pacientes do Sergas non terán que agardar máis de 60 días por unha intervención cirúrxica.

"Crecemento" con menos fondos europeos e sen caixas

Todas estas promesas incluídas na axenda do presidente teñen un horizonte: o ano 2015. Nese exercicio económico, asegura, xa se podería volver "crear emprego neto", mostra de que Galicia sería "das primeiras en saír da crise". Non obstante, o que a día de hoxe semella case ficción está sustentado unicamente polo denominado "fondo de crecemento", unha bolsa de partidas orzamentarias de algo menos de 400 millóns de euros. Do mesmo xeito, a Xunta pon as súas esperanzas na potenciación dos chamados "emprendedores", aos que lles dedicará unha lei que debera entrar no Parlamento "no primeiro período de sesións", isto é, entre febreiro e xuño.

Feijóo propuxo un foro con Andalucía e Castilla-La Mancha para manter os fondos europeos que semella de difícil realización

O que Feijóo presentou como "o goberno máis reducido" das nacionalidades históricas -afirmación que lle durou escasas semanas, as que tardou Íñigo Urkullu en formar o Goberno vasco, que tamén ten oito consellerías- tamén ten outros obstáculos para facer realidade o panorama bosquexado polo presidente. Con toda probabilidade esta será a lexislatura da desaparición definitiva do que foron as caixas de aforro. Novagalicia Banco ten un futuro negro no que o titular da Xunta, non obstante, asegura que "imos tutelar que se respecten os intereses de Galicia".

Ao tempo, en 2014 comeza o novo escenario orzamentario da Unión Europea, no que Galicia deixará de ser "rexión obxectivo un". Fronte a isto Feijóo propón un "foro autonómico" que sente á mesma mesa ao Estado e ás autonomías que se atopan no mesmo caso -Andalucía e Castilla-La Mancha-, foro do que polo momento nada se sabe e que semella difícil de artellar, toda vez que suporía conciliar os intereses da Xunta cos da Junta de María Dolores de Cospedal e os de ambas, á súa vez, co Goberno andaluz que dirixe José Antonio Griñán (PSOE) en coalición con Izquierda Unida.

Feijóo, nunha imaxe do recente congreso do PP © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.