'Hemos feito' que o galego estea en 'crisi'?

Feijóo conversa con deputados do PP no Parlamento © Conchi Paz

"O Goberno catalán se equivoca de enemigo, esto é a miña opinión". "Esto supón un gran fito nunha lexislatura marcada pola crisi".  "Non se ha respetado o marco constitucional". "Sinceiramente creo que hoxe non se tivo en conta una norma dictada pola Presidencia". "A Xunta persónase no Supremo para ter opcions de recurrir". "A Consellería esgotou o prazo para prantexar a casación". Son frases tiradas de expresións pronunciadas ou difundidas por escrito dende o Goberno galego e o Parlamento ao longo da última semana. Son pequenas mostras de usos lingüísticos que van alén de erros puntuais para convertérense en práctica habitual, ata o punto de que resulta case imposible transcribir literalmente as verbas dalgúns dirixentes gobernamentais e representantes políticos sen que este exercicio dea lugar a textos dificilmente intelixibles.

"Parece que a mensaxe que nos están transmitindo é que o galego é unha non lingua, unha lingua para xogar pero non unha lingua seria de verdade". Quen fala é Xosé Luís Regueira, filólogo e académico da RAG que ademais durante a pasada lexislatura entrou en contacto directo co xeito de falar dos deputados e deputadas, como encargado das clases de lingua galega no Parlamento. En conversa con Praza Pública Regueira explica que, segundo os casos, o "problema" que dá lugar a un uso manifestamente mellorable do galego é "de interese" ou "de habilidades", se ben a cuestión é "transversal, está en toda a sociedade". "Se a un lle interesa aprender unha cousa apréndea, sobre todo se a necesita, pola conta que lle ten", ilustra.

"Se a un lle interesa aprender unha cousa, apréndea, sobre todo se a necesita"

A ausencia de interese por mellorar os usos lingüísticos pode responder, a xuízo do académico, a que moitos dirixentes políticos "non perciben" como "socialmente necesario" ou "desexable" falar un galego correcto. Ben ao contrario, estas prácticas poden ser "un reflexo dos valores sociais", nomeadamente "do escaso prestixio do galego" en "certos ámbitos" nos que aínda hai "moitos prexuízos". "Se falas moi pechado, como dicían antes, é que es de aldea ou de estratos sociais moi baixos", lamenta. Polo tanto, "canto máis soa a galego, menos prestixio ten".

"En galego non pasa nada"

A cuestión do prestixio fica acreditada tamén, a xuízo de Xosé Luís Regueira, ao comparar a contumacia dalgúns políticos ao expresárense en galego coa maneira de expresarse noutros idiomas, nomeadamente en castelán. "Poríanse colorados se os collen nunha falta de ortografía, pero co galego non pasa nada", explica, nun contexto no que tamén detecta a ausencia de vontade de mellora, mesmo tendo o galego como "lingua de uso público" na maior parte de foros políticos do país. Así, por exemplo, "Feijóo leva estancado nese galego tan peculiar que fala el dende que estaba de vicepresidente con Fraga" e "hai conselleiros e conselleiras que, cando un os escoita, non sabe moi ben en que idioma están falando".

"Feijóo leva estancado nese galego tan peculiar que fala dende que era vicepresidente de Fraga"

En calquera caso, Regueira advirte de que estas carencias non son exclusivas de ningunha latitude política determinada. Así, por exemplo, ironiza para afirmar "non saber o que ten o cargo do presidente da Xunta" para que dende el se empregue un galego francamente mellorable. Abonda con "que nos lembremos de Laxe ou de Touriño" e do "dialecto particular" que empregaban, di, ou con reparar en representantes do nacionalismo "aos que non se lles nega o interese, que teñen unha implicación clara co idioma pero que falan un idioma que, foneticamente, ten máis que ver co español que co galego".

Retrancas á marxe, Regueira convida a reflexionar sobre as causas que levan a determinados altos cargos a non considerar necesario falar un galego correcto e a que a corrección lingüística non preocupe en exceso no conxunto da sociedade. "Tampouco se fixo unha política lingüística de verdade", senón máis ben "unha política de contentación, de permitir as cuestións de tipo cultural e introducilo un pouco na escola, pero sen pasarse". No ano 2008, lembra, un experto na materia "dicía que a política lingüística" que se viñera desenvolvendo en Galicia "estaba destinada a non poñer en perigo a hexemonía do castelán". "Efectivamente, ese é o diagnóstico". O experto era Anxo Lorenzo.

Xosé Luís Regueira © Real Academia Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.