Feijóo reclámalle a Baltar que integre na súa directiva os afíns á dirección do PPdeG

Feijóo e Manuel Baltar, no congreso de 2010 © PPdeG

A dirección autonómica do PP, encabezada por Alberto Núñez Feijóo, renunciou a ir á guerra aberta contra o clan Baltar. Malia estar nunha situación delicada, esencialmente a causa do procedemento xudicial que se segue contra o patriarca da familia, José Luis Baltar, a cúpula dos conservadores galegos decidiu non repetir a estratexia de 2010, cando decidiron apadriñar un candidato alternativo a Manuel Baltar no momento en que o seu pai o lanzaba á sucesión, primeiro no partido e despois na Deputación. Aquela foi a primeira batalla política que Feijóo perdeu dende que é presidente da Xunta e desta volta semella optar por unha caste de guerra de guerriñas para colocar os seus afíns nunha dirección dominada por Baltar.

A presenza dos seus fieis na Executiva baltarista está xa asegurada dende o Congreso autonómico que o partido vén de celebrar. Nese cónclave a formación reformulou os seus estatutos para que os membros da Executiva autonómica -o equipo de Feijóo e Rueda- sexan membros natos das Executivas na provincia na que estean afiliados. Así as cousas, Baltar terá que ter canda el a dirixentes pouco cómodos para a cúpula do feudo ourensán, tales como o deputado celso Delgado, a parlamentaria Carmen Pardo, a Antonio Rodríguez Miranda, antigo baltarista e actual secretario xeral de Emigración e mesmo a Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde de Verín que loitou infrutuosamente pola presidencia provincial en 2010 avalado por Feijóo e Rueda. Pero esa designación mecánica, vía estatutos, non é dabondo para Feijóo.

O líder do PP insta o presidente ourensán a "aparcar as diferenzas de épocas anteriores" malia ter garantida a presenza dalgúns dos seus na dirección provincial

Aproveitando a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta o xefe das filas conservadoras lanzou un recado con destino a Ourense: quere tamén que na lista de Baltar haxa persoas afíns 'a Santiago', como se adoita denominar internamente a dirección autonómica. "Espero que esa candidatura aparte as diferenzas de épocas anteriores e que sexa a candidatura do PP de Ourense na súa totalidade", advirte Feijóo, en cuxa opinión "os afiliados e dirixentes non son dunha persoa", senón "do partido". Neste contexto asegura "supoñer" que a candidatura de Baltar, a única que se votará, "vai reflectir o partido".

Pero a posibilidade de que haxa ou non integración non é o único pano de fondo do congreso que o 16 de marzo aclamará a Baltar. Tamén o son os problemas xudiciais de Baltar pai -suspendido temporalmente de militancia- e Feijóo non oculta que isto vaia influír no cónclave. "Todas as cuestións teñen as súas repercusións, non sei", expresou dende a tribuna de San Caetano. O titular da Xunta chama a agardar o que "depare o futuro" se ben, en calquera caso, "no presente" o procedemento xudicial, di, "non ten nada que ver co presidente provincial do partido e da Deputación de Ourense". "Estamos ante un proceso xudicial aberto" en torno ao que hai "bastante ruído". "Imos ver o que queda despois do ruído", reflexiona.

Feijóo e Manuel Baltar, no congreso de 2010 © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.