Beneficios fiscais para quen promocione o "franciscanismo"

Nava Castro, nun intre da comisión CC-BY-SA Praza Pública

"No marco da reconquista cristiá" da Península Ibérica, san Francisco de Asís chegou a Compostela difundindo "o Evanxeo pola palabra e sen violencia". En Santiago "tivo a iluminación de construír conventos" para o que despois sería a orde franciscana, que ten especial "sensibilidade pola natureza" e "devoción polo Apóstolo Santiago". Estas explicacións foron escoitadas este mércores non nun templo católico, nin sequera nun foro teolóxico ou relixioso. Ofreceunas a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, na comisión de Industria do Parlamento de Galicia. Alí, en resposta a unha pregunta formulada polo PP -práctica habitual para darlle pé ao Goberno a realizar determinados anuncios- a alto cargo confirmou que o oitavo centenario da chegada do santo a Compostela terá a consideración de "acontecemento de excepcional interese público" e, polo tanto, as empresas que colaboren na organización e promoción de actos sobre a cuestión terán beneficios fiscais.

O oitavo centenario da chegada de Francisco de Asís a Compostela é considerado "acontecemento de excepcional interese público"

Como relatou Praza Pública, esta consideración do evento foi promovida pola Xunta ante o Goberno central, que ten as competencias na materia en virtude da lei de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado. Nomeadamente, explica Castro, foi unha carta do presidente da Xunta ao ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, a que deu lugar a unha operación que redundará en que as compañías privadas poidan obter os "máximos beneficios fiscais establecidos" na lei se colaboran na conmemoración. Así, as empresas poderán deducir un 15% da cota do imposto de sociedades dos seus gastos de publicidade e propaganda "ata o límite do 90% da doazón efectuada". Esta dedución poderá chegar ao 100% do gasto efectuado "cando o contido do soporte publicitario se refira" fundamentalmente "á divulgación do oitavo centenario".

Pero, en que consistirán exactamente os actos que poden promocionar as empresas para obteren beneficios fiscais? Segundo avanza a secretaria xeral, a Xunta colaborará na organización e, por exemplo, un congreso titulado San Francisco de Asís en los caminos de Santiago xunto ao Instituto Teolóxico Compostelán. Tamén haberá unha exposición titulada Irmá terra, irmán sol -verbas atribuídas ao santo homenaxeado- e un "congreso internacional sobre franciscanismo" no que se tratará a "historia da orde" relixiosa. 

Adán: "Dende un Goberno hai que ter algún plan de traballo máis que rezar"

Aínda que a pregunta era formulada polo PP, a seguinte deputada en intervir foi a nacionalista Carme Adán, que cuestionaba a Nava Castro sobre os datos de turismo en Galicia. "Ver para crer!", exclamou a nacionalista, sorprendida por que, ante a "dramática situación do Turismo en Galiza", "o primeiro que nos conta" a secretaria xeral no Parlamento tras o seu nomeamento sexa "que nos vai encomendar a un santo". "Dende un Goberno hai que ter algún plan de traballo máis que rezar", di Adán, quen non "critica" que Castro se "encomende a todos os santos" de maneira persoal, se ben lembra que o Estado é "aconfesional".

"Non vou obviar que San Francisco de Asís foi San Francisco de Asís", retrucou a secretaria xeral, en cuxa opinión organizar este evento relixioso "non quere dicir que lles esteamos a rezar aos santos dende a Xunta", senón que "estamos a aproveitar conmemoracións para poder concederlles beneficios fiscais as empresas que poidan promocionar este feito" e así facer "actividades culturais". Malia ao exposto minutos antes sobre os eventos vinculados á orde franciscana, Castro asegura estes actos non son "teolóxicos" nin consisten en "rezarlles aos santos".

Nava Castro, nun intre da comisión CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.