O BNG defende a soberanía como camiño para o benestar

Intervención de Oriol Junqueras © Miguel Penas

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pechou a conferencia Os procesos de soberanía das nacións europeas sen Estado, que se celebrou este sábado en Compostela, declarando que “a defensa da soberanía ten que pasar a primeiro plano do debate político para acadar un futuro digno para as maiorías sociais, en particular nesta situación de crise económica”. A xornada contou coa intervención do presidente de ERC, Oriol Junqueras, do eurodeputado e presidente do Scottish National Party, Ian Hudgton, do eurodeputado François Alfonsi do Patido Nacionalista Corso, e da eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, como representantes políticos de formacións integradas na Alianza Libre Europea (ALE), da que forma parte o BNG dentro da Eurocámara na coalición Grupo Verdes/ALE.

Guillerme Vázquez: “A defensa da soberanía ten que pasar a primeiro plano do debate político para acadar un futuro digno para as maiorías sociais, en particular nesta situación de crise económica"

“A soberanía é unha vella reivindicación do BNG para resolver os problemas do noso país, porque a actual dependencia de Galiza é precisamente unha das claves do desastre económico e social que está facendo desaparecer os nosos sectores produtivos”, recalcou Vázquez, tras animar a todos a “levar este debate á sociedade, ante o silencio premeditado que se quere impór desde dentro e desde fora do noso país”. Para o portavoz nacionalista, resulta evidente que non é só Rajoy “quen pretende silenciar este debate”. “A mesa do Congreso dos Deputados acaba desestimar unha iniciativa presentada  por nós, ERC e Amaiur sobre soberanismo porque o PP vetou o debate, pero non vin que ningunha das outras formacións políticas estatais fixeran o máis mínimo comentario de protesta”, denunciou. “Cuestiono á vontade democrática do PP, pero tamén dos que calan, porque non só é un debate incómodo para o PP”. 

“Por que soberanía? Por dereito e por necesidade vital das nacións sen Estado para buscar unha saída social xusta”, concluíu Guillerme Vázquez. Na súa intervención, Ana Miranda fixo referencia a que “o soberanismo, o empeño a decidir o noso propio futuro” é o elemento común ás formacións nacionalistas integradas na ALE “aínda que representen a realidades sociais diferentes”. Un aspecto no que coincidiron Hugton e Alfonsí nas súas intervencións.

Junqueras: “Queremos contar coas mellores ferramentas posibles para decidir o noso propio futuro, e esas ferramentas son as que teñen os estados, como por exemplo a capacidade de recaudar os impostos e decidir en que se gastan”

Pola súa parte, o líder de ERC fixo unha detallada argumentación das razóns polas que Cataluña e outras nacións sen estado como Galiza teñen dereito a súa soberanía e a ter un Estado propio. “Queremos contar coas mellores ferramentas posibles para decidir o noso propio futuro, e esas ferramentas son as que teñen os estados, como por exemplo a capacidade de recaudar os impostos e decidir en que se gastan”, explicou. Junqueras considera chegado o momento de non seguir cedendo instrumentos “a un Estado que nunca os usou para favorecer a nosa xente. Por que os cataláns ou os galegos teñen que ter menos dereitos cos franceses, ingleses ou bulgaros, por que temos que seguir contando cun Estado que sistematicamente actúa en contra dos nosos intereses colectivos?”, se preguntou.

O líder de ERC salientou que “a metade dos Estados europeos actuais se proclamaron no século XX, así que o raro é que as nacións non se convirtan en estados para defender os seus dereitos, ou coñecemos a algún que renunciara tras terse proclamado un Estado independente”, ironizou. Tanto Vázquez como Junqueras insistiron en que o dereito a decidir por nós mesmos é “indiscutible”,  un camiño que andarán Galiza e Cataluña. “Non sei canto tardaremos, pero o conseguiremos”, concluíu Junqueras.

Intervención de Oriol Junqueras © Miguel Penas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.