O PP esixe un pacto sobre o dique flotante un día despois de vetalo

Feijóo, con Conde (de costas) e outros conselleiros no pleno © Conchi Paz

Dique flotante, capítulo enésimo. O pasado martes pola mañá o PP accedía a pactar unha emenda do PSdeG aos Orzamentos da Xunta para 2013 e incluía nas contas unha partida de cinco millóns de euros para colaborar na construción do dique flotante para Navantia Ferrol. Pola tarde o Congreso dos Deputados votaba as propostas de resolución do debate de política xeral, o BNG apostou porque da sesión saíse un plan específico de apoio ao naval galego, dique flotante incluído, e os conservadores tombaron a iniciativa. Vinte e catro horas despois, os populares defenderon no pleno da Cámara galega unha proposición non de lei a prol do naval galego que, pola vía da transacción, pasou a incluír unha esixencia de construción do dique flotante. O seu autor, o deputado Miguel Tellado, reclamou o apoio da oposición en pleno.

"Hai que ter valor", reprochou a nacionalista Carme Adán. É unha "redución ao absurdo", concluíu o socialista José Luis Méndez Romeu. "Son vostedes uns inútiles políticos" para os que o mellor sería "pechar as portas da cidade" de Ferrol, subliñou Yolanda Díaz, de AGE. Malia á complexidade da súa posición Tellado, que iniciara a súa intervención culpando o Goberno de Zapatero e o bipartito da Xunta das dificultades do sector, rexeitou recibir "leccións" de "contradicións" da oposición, dado que o PSC vota distinto que o PSOE no Congreso -sobre o dereito a decidir de Catalunya- e porque Izquierda Unida pide "reducir o gasto militar" nas Cortes pero "carga de traballo" para Navantia.

Aínda que os grupos opositores lembraron durante a sesión que todas as administracións implicadas na construción ou non do dique están en mans do PP -do Concello de Ferrol á Unión Europea, salientou Díaz, o segundo debate da xornada sobre a cuestión trouxo consigo, de novo, toda unha serie de andanadas contra os grupos que non sustentan o Goberno galego, neste caso pola banda do conselleiro de Industria, Francisco Conde, e con Alberto Núñez Feijóo sentado no seu escano. Neste caso foi a nacionalista Carme Adán quen interpelou a Conde sobre o naval en xeral e sobre o dique en particular. O ex asesor do presidente asegurou traballar "todos os días polo sector naval" e que a súa aposta é "consolidar" os logros acadados.

O conselleiro de Industria obviou un treito do programa electoral do BNG para asegurar que "todo o que querían" os nacionalistas para o naval "está feito"

"Consolidar que avances? A perda de postos de traballo", cuestionou Adán, antes de lembrar que "o propio Feijóo dixo que antes do verán" en Navantia Ferrol habería "carga de traballo ou dique flotante". "Optaron por un modelo de goberno a base de titulares e iso ten un percorrido, pero a realidade amosa que os estalerios están baleiros" e Vigo e Ferrol, "son as comarcas co índice de desemprego maior d etoda Galiza". "Traficaron con sentimentos e iso ten un custe", abondou.

Neste contexto, Conde abandonou o seu habitual ton de luva branca para considerar que os membros do Bloque "só teñen preocupación polo naval cando teñen unha Cámara diante". "Estes días -relatou- venceume a curiosidade e consultei o seu programa electoral" e nel, asegurou non hai "un só apartado dedicado ao sector naval". Acto seguido, o conselleiro pasou a ler o "parágrafo" que, sempre segundo a súa versión, os nacionalistas lle dedicaron ao sector na súa proposta previa aos comicios do 21-O. Así, citou a reclamación de "cumprir a Lei do Sector Naval", "garantir un soporte financeiro necesario ao sector naval" e mesmo "apoiar a construción do dique flotante". "Todo o que querían está feito", concluíu o conselleiro. Na súa lectura, Conde obviou un treito do programa, no que o BNG reclamaba "erradicar as limitacións da produción do sector naval impostas por parte da UE, que impiden que o estaleiro público Navantia-Fene poida construír buques civís e a imposibilidade de realizar contratos mediante a fórmula do tax lease".

Adán, durante un debate no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública
Treito do programa do BNG dedicado ao naval (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.