Feijóo sobrevoa a lameira política compostelá esixindo explicacións aos seus e á oposición

Feijóo, durante o Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela

Molesto, incómodo. Mesmo, por veces, irado. É como se amosa o presidente da Xunta ao ter que responder sobre a situación do goberno local de Santiago. Alberto Núñez Feijóo está calquera cousa menos satisfeito con que, dende comezos de ano, cada comparecencia posterior ao Consello do Goberno galego se convirta, en maior ou menor medida, nunha disertación sobre os casos de presunta corrupción ou supostas irregularidades no goberno da capital e sobre as medidas que vai ou non tomar ao respecto. Ángel Currás, Gerardo Conde Roa, Rebeca Domínguez, Ángel Espadas, Albino Vázquez... son nomes máis presentes nas preguntas da prensa que os de calquera conselleiro. O último en chegar a esta lista é o de Juan de la Fuente, edil compostelán de Obras que, segundo La Voz de Galicia, tramitou subvencións para unha asociación veciñal facilitando facturas falsas. Este xoves Feijóo foi cuestionado ao respecto e "outra vez" sobrevoou a lameira política compostelá esixíndolles explicacións a propios e estraños.

Vinte e catro horas despois de que, no Parlamento, lles pedise contas a AGE e ao BNG por, precisamente, cuestionalo sobre o Concello de Santiago, Feijóo expuxo unha argumentación que corre o risco de se converter en ladaíña gobernamental: "A información que temos a través dos medios necesita unha explicación de cal é a situación". "A falsificación de facturas é un delito e, en consecuencia, se alguén comete delitos terá que respostar", evidencia o presidente, que acto seguido envía o enésimo recado aos seus compañeiros de filas en Compostela. Esas explicacións "correspóndelles" dalas "ao concelleiro ou concelleiros" supostamente implicados no caso "e, por suposto, á Alcaldía de Santiago". "Estaremos moi atentos, coma sempre, a este tipo de situacións e actuaremos como corresponda", di.

Cada comparecencia posterior ao Consello convértese, dende comezos de ano, nunha disertación sobre a presunta corrupción en Santiago

E, como corresponde? Mentres, no consistorio o alcalde estrea reorganización do equipo de goberno e trata de aquelar o relevo de Albino Vázquez -no vindeiro pleno Currás terá que utilizar o voto de calidade para non quedar en minoría tras a marcha do edil, en liberdade baixo fianza-, Feijóo asegura que el "mantén" a "obriga de todos os rexedores de dar explicacións e garantir a gobernabilidade do Concello". "Acabo de pedir explicacións en relación coa información que aparece nun xornal" e "se despois hai que tomar algunha decisión, eu impulsarei esa decisión". E, neste punto, máis peticións de explicacións, neste caso para PSdeG e BNG.

"Eu descoñezo en que pode quedar a investigación sobre a Alcaldía de Santiago" e "se continuará a empresas cuxos responsables algúns deles están en prisión [Aquagest] e foron os maiores contratistas durante as lexislaturas -en referencia aos mandatos municipais- anteriores". Como na sesión de control parlamentaria, o tamén xefe de filas do PPdeG insiste en que esta empresa tivo contratos por "145 millóns de euros, con máis de 111 facturas no bipartito" e "na actual corporación, cero euros". "Outra" das empresas investigadas "ten contratos por seis millóns durante o bipartito e agora, 114.000 euros", mantén. "O que ten que quedar claro é que hai que dar explicacións a todo o mundo" e que toda a lea "non pode afectarlles aos cidadáns de Santiago". 

Afectada ou non, a veciñanza de Compostela, pouco afeita a estridencias no seu consistorio, segue asistindo ao desfile de edís e ex edís polos xulgados de Lugo -Conde Roa declara en calidade de imputado no caso Manga o vindeiro día 4- e a unha confusa cerimonia no Pazo de Raxoi, edificio nobre da Praza do Obradoiro que comparten o Concello e a Xunta. Dende a sede municipal este mesmo xoves o PSdeG local reclamaba a apertura dunha comisión de investigación sobre todo o que está a acontecer e o BNG, ademais de esixir a disolución da corporación e a convocatoria de novas eleccións, pedirá en pleno a aplicación do Código do Bo Goberno Local elaborado pola Federación Española de Municipios e provincias "en aras de configurar unha ética pública común que evite a mala xestión, desterre posibles actuacións corruptas e, pola contra, sirva para xeneralizar as boas prácticas". Uns e outros, en xeral, agardan polo seguinte capítulo, sexa o que sexa.

Feijóo, durante o Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela
Juan de la Fuente, edil de Obras de Santiago © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.