O BNG presenta na UE a consulta sobre o dique flotante "que tería que facer a Xunta"

Ana Miranda, con Joaquín Almunia CC-BY-NC-SA BNG

"Suplir e contrarrestar a deixadez e irresponsabilidade política da Xunta". É a intención que, segundo o BNG, ten a "consulta formal" que a eurodeputada da formación, Ana Miranda, vén de realizar ante a Comisión Europea sobre a construción do dique flotante en Navantia Ferrol. Despois de que as autoridades europeas admitisen que nin o Goberno de España ni o de Galicia preguntaran formalmente sobre se esta infraestrutura colisionaría coas normas comunitarias, Miranda disponse fai "o que o Goberno galego tiña que ter feito hai meses" ante o comisario da Competencia, Joaquín Almunia.

Trátase, explican os nacionalistas de saber se "existe algún impedimento da UE para a execución desta infraestruturas", toda vez que a Consellería de Presidencia "admite seu rubor que non se fixo ningún contacto formal coa Comisión na defensa da construción do dique flotante". "Malia a esta irresponsabilidade política -censuran- deu por boa a versión de que existía un veto da UE", di Miranda. Neste contexto, o Bloque pregunta dende a Eurocámara "dúas cuestións claves" a Almunia: que "determine se existe alguń impedimento na normativa comunitaria" para que se "realice a construción dun dique destinado á reparación de barcos en Ferrol" e se esta operación, xa sexa "promovida polos Gobernos español ou galego" ou por unha "empresa pública", pode ser considerada "unha axuda de Estado contraria á normativa".

"O Goberno galego compórtase como mero espectador nun tema clave para Ferrol", di o Bloque

"O Goberno galego comportouse como un mero espectador nun tema clave para Ferrol: unha infraestrutura que permita a creación de emprego nunha comarca en crise, que ten como sinal de identidade a actividade económica vinculada ao sector naval", di Miranda, en cuxa opinión resulta "esencial" que o Executivo da Unión "coñeza de primeira man a relevancia do proxecto para Ferrol". Por este motivo, o Bloque solicita tamén "unha reunión urxente co comisario Almunia" na que tamén participe "unha representación dos traballadores de Navantia-Ferrol" para que "teñan a oportunidade de transmitirlle a importanica do dique flotante en termos económicos e de creación de emprego".

A consulta, lembra Miranda, prodúcese nun contexto "no que se mantén o veto á construción naval civil" ata 2015. Neste sentido, dende o BNG considérase que non hai máis que probas do "abandono e hipicrisía dos distintos gobernos centrais con Ferrol". A xuízo da responsable dos nacionalistas na comarca, Mercedes Tobío, "non defenderon o levantamento deste veto nin sequera amparándose no documento de resposta dada pola Comisión Europea en 2005, en cuxo artigo 17 se prevía a posibilidade de negociar o veto en caso de novo feitos relevantes ou excepcionais".

Ana Miranda, con Joaquín Almunia CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.