0 Gardados para despois

Feijóo non dimite polas fotos co narco e declárase vítima dun plan para "amedrentalo"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Son só unhas fotos e non van dar máis de si". A sala de reunións do PP no Parlamento de Galicia quedou pequena este luns para acoller os medios de comunicación que ían cubrir a comparecencia do presidente da Xunta. Vinte e catro horas despois de que o diario El País publicase as fotografías das vacacións de Alberto Núñez Feijóo en 1995 xunto ao narcotraficante Marcial Dorado o líder dos conservadores galegos saíu á palestra para, rodeado da dirección do seu grupo parlamentario, desmentir que el teña algo que ver "con actividades ilegais" e, máis aínda, que lle rolde pola cabeza deixar a Presidencia. "O que se tenta", afirma, é que "non diga o que penso".

En síntese, o xefe do Goberno galego presentouse ante os xornalistas como a vítima dunha conspiración que estivo latente durante lustros. "Ameazáronme en diferentes ocasións coa posibilidade da publicación" das imaxes, declarou en castelán en aras da "transparencia". Sen mencionar o líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, Feijóo lembra que "non é a primeira vez que un político fai insinuacións insidiosas sobre a miña relación" co narcotráfico pero "sempre actuei dentro da lei" e, polo tanto, non vai marchar e semella que nin sequera comparecer ante o Parlamento, toda vez que se declara "á disposición" do Grupo Popular, non do conxunto do lexislativo.

Feijóo asegura que "o que se tenta" é "que non diga o que penso"

O presidente galego asegura ser "coñecedor desas fotos" dende "2003 ou 2004" e "se pensase" que podían truncar a súa carreira política "non me presentaría a presidente do PP nin a presidente da Xunta". Pero, cal era a súa relación con Dorado? "Non ten nada que ver coas miñas responsabilidades como membro do Goberno" e "non hai nin unha amizade estreita nin ancha", nin sequera "unha relación directa". "Coñecino a través dun compañeiro da Xunta e doutras persoas da Illa de Arousa". O compañeiro en cuestión era Manuel Cruz, membro do PP de Ferrol e chofer de cargos da Xunta, considerado principal testaferro do narco. "Cando lle preguntei se era testaferro do señor Dorado negouno sempre", alega.

En canto ao propio Dorado, "cando o coñecín non sabía nada do seu pasado nin da súa actividade". Só soubo que se dedicaba ao contrabando "posteriormente, porque pregunto", dado que "desconfiei do seu tren de vida". "Cando preguntei díxoseme que estivera relacionado co contrabando pero en ningún caso fora condenado" -foino posteriormente-. Así, o único que Feijóo considera "difícil de xustificar" é o seu "grao de inxenuidade de hai 20 anos".

"Simplemente son unhas fotos antigas, non hai máis ca iso"

A desconfianza non impediu, así e todo, que o actual xefe de filas da dereita galega compartise viaxes con Dorado a varios destinos, dentro e fóra de Galicia -a Andorra e Portugal, segundo El País-. "Creo que non fun a Andorra, non o sei. Eu lembro que había neve, parece ser que eran os Picos de Europa", detalla Feijóo. En todo caso, "agora que se cumpriron as advertencias" de publicación das fotos isto non vai "lograr que cambie a miña actitude". "Non puideron amedrentarme", reitera, porque "simplemente son unhas fotos antigas, non hai máis ca iso, así se corroborou nas investigacións" que sobre Dorado realizaron os xuíces Taín, Garzón e Marlaska, asegura. 

Neste contexto Feijóo rexeita ademais que Marcial Dorado ou as súas empresas se beneficiasen de contratos co Servizo Galego de Saúde ou co Insalud, que o actual presidente dirixiu durante eses anos. "Nunca adxudiquei nin asinei, nin concedín ningún contrato a ningunha empresa relativa a este señor".

Feijóo desbota dimitir polas fotos con Marcial Dorado

CC BY-SA Praza Pública

Feijóo di non lembrar todas as súas viaxes con Marcial Dorado e coida que non estivo en Andorra, senón nos Picos de Europa: "había neve".

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A oposición en pleno esixe que o presidente se explique e marche

"Ninguén cre que Feijóo non soubese quen era Marcial Dorado". Esta é, con matices, unha das principais conclusións que os tres grupos da oposición parlamentaria galega tiran das explicacións ofrecidas polo presidente da Xunta a respecto das súas fotos co narco Marcial Dorado. PSdeG, AGE e BNG ven a Alberto Núñez Feijóo incapacitado para seguir á fronte da Presidencia da Xunta tras as revelacións de El País e por iso coinciden en reclamarlle explicacións coa forma dunha comparecencia parlamentaria, pero tamén a súa dimisión.

Vázquez: "Ninguén cre que Feijóo non soubese quen era Marcial Dorado"

"Feijóo pretende que os galegos crean que el non sabía quen era Marcial Dorado", sinalaba este luns ante a prensa o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, despois de amosar titulares de catro xornais diferentes que, ao longo dos anos noventa, situaban a Dorado como unha das principais pezas do entramado do narcotráfico. "Ten que explicar de que falaba con Marcial Dorado nos anos nos que foron, polo menos, amigos", di o socialista, para quen é "moi grave" que o daquela "número dous da consellería de Sanidade" tivese "unha relación de estabilidade cunha persoa catalogada como narcotraficante".

Beiras: "Se non sabía con quen andaba, como pode unha persoa así gobernar un país?"

"É inviable que manteña o posto de presidente se non evidencia que isto todo non é certo", mantén Vázquez, quen lembra ademais que en 1995, ano no que foron tomadas as imaxes, en Galicia xa "se estaban reunindo todas as forzas políticas para loitar contra a droga" apoiando as organización cidadás que a rexeitaban. Ese clima de aposta polo "illamento social" dos narcos lémbrao tamén o voceiro parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras, quen non acredita en que Feijóo "fose dos poucos cidadáns quen non sabían quen era Marcial Dorado" mentres "as nais contra o narcotráfico ou Érguete" pulaban para loitar contra os narcos.

Jorquera: "A única resposta posible nunha cultura democrática asentada é a dimisión"

"Se non sabía con quen andaba, como pode unha persoa así gobernar un país?", pregúntase Beiras, quen non di "que Alberto Núñez Feijóo fixese acordos sobre financiamento ilegal para o PP nas súas xuntanzas con Marcial Dorado" nun tempo en que "os nexos" do partido da dereita "co mundo do narcotráfico eran perfectamente estables". "Pero o mínimo que debía saber é con quen andaba". En calquera caso, resolve, Feijóo debera "poñer o seu cargo á disposición do Palramento" e non emitir "comunicados risibles de adolescente inmaduro do Opus Dei cachado nas patacas". Feijóo, di, debe marchar pero antes cómpre que "compareza no Parlamento". "Non nos vale que se dirixa a nós a través dos medios".

Explicacións e dimisións é o que pide tamén o BNG, cuxo voceiro, Francisco Jorquera, subliña que no momento das fotos Dorado xa fora "detido en dúas ocasións" e obxecto "dunha investigación internacional sobre a súa presunta relación no branqueo de cartos a gran escala". "As explicacións de Feijóo e comunicado do PP son inverosímiles" e, polo tanto, conclúe o nacionalista, só cabe a "dimisión", única "resposta" posible "nunha cultura democrática asentada" ante as "relacións persoais con capos da mafia".

Tamén dende Compromiso por Galicia o seu secretario xeral, Xoán Bascuas, considera que "Galicia non merece un presidente como Alberto Núñez Feijóo, a quen viu "inseguro e mentireiro na súa comparecencia, da que destaca a "esperpéntica referenica a lembrar neve", dicindo "que a viaxe con Dorado fora aos Picos de Europa en lugar de Andorra". Bascuas considera "dificilmente crible o feito de que unha persoa non se lembre dunha estancia desas características e quen pagou dita instancia" e, en xeral, coida que o presidente "non aclarou absolutamente nada" e mesmo "caeu en flagrantes contradicións".

"Nunca puxen en cuestión a honorabilidade de Anxo Quintana"

A campaña electoral autonómica de 2009 tivo abondosas mostras de golpes baixos entre forzas políticas, nomeadamente do PP, que daquela aspiraba a retornar ao poder, contra PSdeG e BNG, que optaban a reeditar coalición de Goberno. Un dos episodios máis controvertidos daqueles días foi a publicación, primeiro en medios estatais e posteriormente nalgún diario galego, dunha fotografía do daquela vicepresidente, Anxo Quintana, a bordo do iate de Jacinto Rey, propietario da construtora San José. 

Malia estar tomada catro anos atrás, no verán de 2005, o PP saíu en tromba contra o tamén portavoz nacional do BNG. A cinco días das eleccións o propio Alberto Núñez Fejóo non só esíxia explicacións do nacionalista, senón tamén a súa destitución fulminante como número dous do Executivo. A empresa de Rey figuraba entre as adxudicatarias do concurso eólico da Xunta e, para Feijóo, a fotografía do barco amosaba unha "relacón clara e evidente" entre Quintana e o construtor. "Houbo contactos por mar e non sei se por terra tamén", ironizaba, ao tempo que subliñaba que "non se debe mesturar política e negocios". Na cousa pública, salientaba, cómpre "actitudes intachables".

Catro anos despois é Feijóo quen está no cerne da polémica a conta dunhas fotos e este luns era cuestionado a respecto de se a contundencia que empregou contra Quintana debe ser aplicada tamén no seu caso. "O primeiro que fixo mención ás fotos do vicepresidente foi o presidente da Xunta naquel momento [Emilio Pérez Touriño]", argumenta. En calquera caso, Feijóo sinala que "esas fotos son cun contratista, cun empresario que non ten ningunha cuestión discutida nin discutible pero que fora adxudicatario dunha concurso dunha consellería exercida por un membro do BNG". Así e todo, Feijóo afirma agora que "nunca puxen en cuestión a honorabilidade do señor Quintana", con que "teño unha relación cordial".