0 Gardados para despois

A Xunta 'despacha' o seu plan demográfico nun trámite parlamentario de 4 horas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"É preciso profundar na concienciación dun problema que temos como sociedade" e "fomentar estímulos que apoien a decisión dos galegos de convertérense en pais".  É unha cuestión "especialmente preocupante en Galicia", cun envellecemento que xa é cualificado de "inverno demográfico" polos expertos". A "cuestión demográfica" está con este documento "entre as máximas prioridades do Goberno galego", cunha "profunda avaliación" ao respecto. Son algunhas das consideracións que, nas últimas semanas, realizaron o presidente da Xunta e a conselleira de Benestar a respecto do Plan de Dinamización Demográfica que promove o Executivo. O proxecto, malia ser situado como un piar da política gobernamental, será despachado nun trámite parlamentario de apenas catro horas.

Non é a primeira vez que este plan sementa a polémica no Pazo do Hórreo. Presentado por primeira vez na pasada lexislatura, os grupos da oposición consideraron que o Goberno galego procuraba suplantar con el o traballo da comisión que, durante meses, traballou no lexislativo sobre medidas para a reactivación demográfica do país. Dado que decaeu pola convocatoria electoral, o Executivo remitiuno por segunda vez á Cámara o pasado 26 de marzo, segundo consta nos arquivos parlamentarios, e o pasado día 2 a Mesa do Parlamento admitía a súa tramitación por vía de urxencia, isto é, reducindo á metade todos os prazos. O propio día 2 os portavoces parlamentarios recibían a correspondente notificación e, ao día seguinte, a Mesa da Comisión de Política Social -con maioría do PP, como o pleno- concretaba a veloz tramitación.

O trámite de urxencia culminará apenas tres días de comezar e a oposición disporá de menos dunha hora para formular achegas

Segundo o acordado nese órgano, o plan será presentado na comisión por "un alto cargo da Xunta" durante vinte minutos, tras os que cada grupo disporá dun "máximo" dun cuarto de hora para fixar posición. A continuación, o representante da Xunta responderá "ás cuestións suscitadas" durante outros quince minutos os os grupos poderán replicar, esta vez durante dez minutos. Tras outros dez minutos de contestación do Goberno, os grupos terán que redactar "propostas de resolución" durante media hora, que serán admitidas ou non en función de se a Mesa as considera "congruentes coa materia obxecto de debate". A continuación, reanúdase a sesión con quendas de dez minutos por grupo e vótase. Con isto quedará finiquitado o debate do plan este mesmo venres, isto é, apenas tres días despois de que comezase a tramitación formal.

Protestas formais da oposición

A premura na tramitación deste plan xa deu lugar a protestas formais dende os grupos da oposición. Pola banda do PSdeG a deputada María Quintas, representante socialista na Mesa da comisión, tramitou unha queixa formal ante o que considera un "desprezo á institución parlamentaria" co que o PP formula un novo "intento de confusión entre os poderes lexislativo e executivo, facendo prevalecer os intereses do Goberno e a súa planificación mediática sobre o trámite parlamentario". "O descaro e o insulto á institución parlamentaria chega a niveis máximos", di Quintas, que considera "moi grave" que se vaia tramitar nunha mañá un proxecto que "foi obxecto dunha comisión ao longo dun ano enteiro". Este comportamento, di, mesmo contrasta co do Goberno Fraga, que en 2001 tramitou un plan semellante durante seis meses.

PSdeG e BNG presentan queixas formais ante o que consideran un "desprezo" á Cámara e un intento de "tapar" as fotos de Feijóo "cun capo do narcotráfico"

Pola banda do BNG o seu voceiro, Francisco Jorquera, remitiu a súa queixa formal ante a propia Mesa do Parlamento para censurar a "tramitación a fume de carozo dun plan que o Goberno galego quere vender como fulcral para Galiza", impedindo "que se estableza un verdadeiro debate" e que os grupos "poidan realizar o seu traballo con rigor". A xuízo dos nacionalistas o PP está a utilizar o plan demográfico para tentar "vender algo positivo" nestes días e así "tapar a dilación das comisións de investigación das caixas de aforro e contra a corrupción", así como "as recentes fotos do presidente da Xunta cun capo do narcotráfico". Por todo isto, o Bloque agarda "o amparo da Mesa" para que este debate sexa adiado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.