A Policía, aliada do desmantelamento de conservas Cuca?

Mobilización das traballadoras de Cuca CC-BY-NC-SA AGE

A Policía toma partido. Esta é a conclusión que tiran as traballadoras da factoría de Conservas Cuca de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), despois de que hai dúas fins de semana varios furgóns de antidisturbios desequilibrasen a balanza da súa loita contra o traslado da fábrica ao Grove, unha operación na que ven o primeiro paso para un desmantelamento maior. Anunciada dende finais de 2012, as traballadoras veñen tentando frear a desmontaxe da fábrica facendo garda ás súas portas para así evitar que o grupo Garavilla, propietario da marca, leve a maquinaria á nova ubicación. Isto é o que foron conseguindo ata que o importante despregamento policial as retivo na caseta na que adoitan protexérense das inclemencias meteorolóxicas, dando vía libre ás intencións empresariais. Estes sucesos veñen de chegar ao Parlamento.

A través do seu voceiro, Xosé Manuel Beiras, Alternativa Galega de Esquerda anunciaba este martes que queren, cando menos, explicacións sobre esta "operación de pirataría empresarial". As obreiras, di Beiras, "levaban moito tempo en loita impedindo, na medida do posible, que se consumase o saqueo" ata que os antidisturbios "plantificaron a furgoneta ante o caseto onde estaban, impedíndolles saír" e mesmo utilizaron inhibidores de frecuencias para que non funcionasen os teléfonos móbiles "para que non puidesen comunicarse". A Policía mesmo obrigou "os veciños das proximidades a que se metesen dentro das súas casas" mentres, ao tempo, "protexía os camións" que realizaban "o saqueo da maquinaria". "Parecen os gángsters de Chicago, coa Policía ao servizo das mafias", censura.

Os antidisturbios bloquearon as traballadoras para permitir que a empresa sacase a maquinaria da factoría

Beiras considera "absolutamente inaudito que as forzas da orde pública presten servizos" ao "xefe da empresa, que está facendo unha vulneración constante dos seus acordos coas traballadoras" e por iso "pedimos a comparecencia do vicepresidente", Alfonso Rueda, co apoio do BNG, pero o PP "negouna, porque non ten competencias". "Nós, entón, reclamamos que polo menos" Rueda "tomase a iniciativa de pedirlle explicacións ao delegado do Goberno e as fixese públicas", pero a petición tamén obtivo a negativa por resposta, no que para o líder de AGE é unha "deixación de funcións" e un exercicio de "desamparo da cidadanía".

Pregunta en pleno e entrevista con Juárez

Neste escenario, Beiras explica que Alternativa relaizou "un rogo para que sexa a Presidencia do Parlamento a que recabe do subdelegado do Goberno ou, no seu caso, do delegado", a información "e as explicacións pertinentes" sobre os sucesos de Vilaxoán. "Xa veremos se fan algo ou non". Por se isto non acontece AGE xa está "estudando levar este caso á vía xudicial" a través dunha "denuncia". "Se non apoiamos os cidadáns non merecemos ser os seus representantes", afirma.

"Con nocturnidade e contra operarias, esta policía é máis propia dun estado totalitario que dunha presunta democracia"

Nun sentido semellante exprésase tamén o deputado Juan Fajardo quen, xunto a Beiras, mantivo un encontro coas traballadoras hai poucos días. "Isto si que foi un escrache, pero un escrache franquista", di o parlamentario vilagarcián, para quen o sucedido en Cuca "nos retrotrae á época da ditadura", coa Policía "amparando as prácticas liquidacionistas do empresario". "Con nocturnidade e contra operarias esta policía é máis propia dun estado totalitario que dunha presunta democracia". Malia á negativa á comparecencia solicitada xunto ao Bloque, o propio Fajardo preguntaralle ao Goberno galego no pleno da Cámara "se considera digno auxiliar con maneiras antidemocráticas e un auténtico estado de excepción a quen pretende rematar cun cento de empregos". Do mesmo xeito, AGE solcitará unha entrevista co delegado do Goberno central, Samuel Juárez, e co Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela.

Beiras e Fajardo, coas traballadoras CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.