0 Gardados para despois

"Destruír contratos da Xunta é irregular, mírese por onde se mire"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Mírese por onde se mire é un tema irregular". Quen fala é o catedrático de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña Pedro López Gómez. O que fora director do Arquivo do Reino de Galicia entre 1986 e 1995 conversa con Praza Pública en torno á posibilidade, apuntada polo presidente da Xunta en pleno debate sobre as contratacións coas empresas do narcotraficante Marcial Dorado, de que nos arquivos da Administración autonómica "non haxa nada" anterior ao ano 2003 a respecto de contratacións. López Gómez teno claro: "se se destrúe documentación de forma arbitraria vaise contra o patrimonio documental de Galicia" e iso "vai contra as normas", concretamente, contra a lexislación estatal.

O catedrático evidencia que "pode non haber" os contratos que agora reclama a oposición parlamentaria porque os responsables gobernamentais "os destruísen" pero "se o fixeron están cometendo unha arbitrariedade", xa que "non hai ningunha norma que permita facelo sen pasar por unha comisión asesora", tal e como prevé a lexislación estatal -non hai normas autonómicas ao respecto, aínda que se redactaron varios proxectos-. E "esas comisións non existen". Así as cousas, debulla, "se se destruíron foi sen autorización formal e sen o asesoramento de quen tería que facelo" previamente a que a Administración "lle dese o visto e prace" definitivo. "De facelo, cousa que por outra banda non me estrañaría, fíxose á marxe da norma".

"Se dende Presidencia afirman que destruíron documentos estano facendo á marxe das normas e alguén terá que explicalo"

En calquera caso, o catedrático valora que, neste caso concreto, aludir á eliminación de documentos "é un pretexto que lles saíu mal". "É moi doado dicir que se destruíron", pero a continuación xorde unha "pregunta", ilustra: "quen o autorizou?". "Se dende Presidencia afirman que o están facendo, estano facendo á marxe da norma e alguén terá que explicalo". Así e todo, López Gómez réstalle valor á posibilidade de que haxa unha destrución sistemática de documentos, "porque en xeral na Administración non se preocupan tanto da documentación como para tomar a molestia de eliminala". "Simplemente -explica- vana almacenando" agás en "tres ou catro consellerías", onde "hai arquivo e arquiveiro".

Os documentos da Xunta "están en almacéns, tanto nas propias consellerías como repartidos por todo Santiago de forma aleatoria, é un desastre total"

Salvando esas excepcións, sinala, no resto de departamentos "teñen almacéns que están tanto nas propias consellerías como repartidos por todo Santiago de forma aleatoria", un "desastre total" do que os responsables da Xunta "son conscientes, pero non fan nada por arranxalo, porque iso significaría poñer cartos enriba da mesa". Así as cousas, "non hai ningún control" nin se fan "transferencia de forma regular ao Arquivo de Galicia", agora instalado na Cidade da Cultura. Mentres eses "múltiples depósitos" abarcan "uns cincuenta quilómetros de documentos" o catedrático advirte ademais de que, en caso de producírense eliminacións, estas "non se fan sen documentar o eliminado". Cuestión aparte son os contratos, salienta, que "son documentos xurídicos e non se eliminan".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo, obrigado a responder outra volta sobre os contratos con Dorado

Quen tamén apela ás normas de protección do patrimonio documental é a oposición parlamentaria, que na vindeira sesión plenaria da Cámara volverá forzar o presidente a abordar a cuestión das súas controvertidas fotos despois de que, na Xunta de Portavoces deste martes, o PP vetase a comparecencia do vicepresidente Rueda a respecto da conservación dos arquivos oficiais. Feijóo, di o voceiro socialista, Abel Losada, está atrapado no seu propio "labirinto" despois de dicir "que se destruíra a documentación previa a 2003" apenas vinte e catro horas antes de que o secretario xeral do Sergas afirmase que non era posible trasladarlla á oposición porque "era moita". "É moita, haina, non a hai, son quen de recuperala, destruírona?", pregúntase Losada, quen está tamén convencido de que "se a destruíron, estarían incumprindo a lei".

Nun sentido semellante se pronuncia o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen cuestionará o presidente no pleno sobre "cando ten previsto dicir a verdade sobre a súa relación con Marcial Dorado". Feijóo, di Jorquera, "non para de incorrer en graves contradicións", toda vez que "primeiro negou que as empresas de Marcial Dorado tivesen contratos coa Administración, despois refcoñeceuno, agora din que non existen contratos anteriores a 2003 porque só hai obriga de arquivalos durante dez anos... Mente", conclúe, xa que a devandita lei de Patrimonio prohíbe a destrución dos arquivos.

Mentres PSdeG, BNG e tamén AGE reiteran a necesidade de que Feijóo aclare o que consideran, en verbas de Xosé Manuel Beiras, "mentras a respecto da historia interminable da súa relación con marcial Dorado", o popular Pedro Puy xustifica o veto á comparecencia de Rueda en que o pleno "é moi longo" e tenta, ao tempo, emendar as verbas de Feijóo a respecto da destrución dos documentos. "O presidente non dixo nin que se destruíran nin que se deixaran de destruír", sentenza o conservador, obviando que, concretamente, Feijóo aseverou durante a sesión de control na propia Cámara en resposta a AGE, que "non hai nada anterior ao ano 2003" e que "non existen expedientes anteriores a 2003".