Rajoy disponse a "supeditar" ao Goberno central a acción exterior autonómica

Margallo presenta a lei, con Sáenz de Santamaría e Fernández Díaz © Goberno de España

En abril de 2012 o presidente da Xunta emprendeu unha viaxe a México sen informar previamente dos seus obxectivos. No mesmo día en que Alberto Núñez Feijóo cruzaba o Atlántico o Goberno galego ofrecía unha escueta nota para anunciar o desprazamento, "coincidindo coa presenza" de Mariano Rajoy no país centroamericano. Aquel periplo, do que xurdiron múltiples expectativas en torno á relación do naval galego con Pemex, o titular do Executivo galego exerceu de actor secundario fronte ao protagonismo do presidente do Goberno de España. Este semella ser, precisamente, o espírito do proxecto de Lei de Acción Exterior e do Servizo Exterior do Estado, que este venres recibiu o visto e prace do Consello de Ministros para ser remitido ás Cortes Xerais.

En plena aposta soberanista de Catalunya e, en menor medida, tamén de Euskadi, o gabinete de Mariano Rajoy non oculta cal é a súa aposta: que "as comunidades autónomas deben supeditarse aos instrumentos de planificación da acción exterior" do Goberno central "naquilo enmarcado na definición de directrices de actuación propias da política exterior do Estado ou que se insiran no ámbito das relacións internacionais de España". Que quere dicir isto? Por exemplo, que "os suxeitos de acción exterior" autonómicos, poñamos por caso o presidente da Xunta ou o Igape, deberán comunicarlle ao Ministerio de Exteriores "as actuacións, viaxes e visitas ao exterior", segundo o Executivo central, para "facilitarlles apoio".

"As autonomías deben supeditarse aos instrumentos de planificación da acción exterior" do Goberno central coa nova lei

Unha vez comunicada a intención de viaxar ou realizar algún tipo de xestión con outros estados Exteriores poderá emitir "recomendacións, que serán motivadas" sobre "a adecuación de ditas actuacións ás directrices, fins e obxectivos da política exterior" española. O Goberno de España non prevé, non obstante, dotarse de instrumentos para prohibir este tipo de accións pero si semella disposto a premer, na medida da súas posibilidades, para que ninguén vaia por libre. Así, por exemplo, a lei "recoñece a capacidade das comunidades autónomas para establecer oficinas no exteriores" pero "anímaas a integrarse nos locais do Servizo Exterior do Estado" como "medida" de "austeridade no gasto público".

"Un proxecto de nación"

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros o titular de Exteriores, José Manuel García-Margallo, deixou pouco lugar a dúbidas. A súa aposta é "harmonizar a acción exterior" autonómica "coa política exterior do conxunto da nación", di, nun contexto no que "a multiplicación dos suxeitos que actúan no exterior fan necesaria esta lei". García-Margallo non dubida en cualificar o seu propio proxecto de "radical" e "revolucionario" e reclama a "cooperación" de todas as institucións, toda vez que non é "un proxecto do Goberno nin do Estado" senón "un proxecto do país e de nación", reitera.

García-Margallo: "Trátase de que teñamos unha orquestra e non un conxunto de solistas desafinados"

"Trátase de que teñamos unha orquestra e non un conxunto de solistas desafinados sen partitura", abonda o ministro, quen apela a ter en conta que a política exterior ten que partir dun principio que, a priori, deixa pouco lugar aos feitos diferenciais: "trátase dun país, unha política exterior, unha acción exterior coherente, ao servizo sempre dos intereses de España". Nesta filosofía unionista García-Margallo explica que, cando un goberno autonómico informe da súa intención de "abrir oficinas no enterior" deberan ter en conta que é "infinitamente máis sesnato que unan os seus esforzos é se instalen nas representacións que España ten no exterior cando iso sexa posible, o cal lles permitirá aforrar cartos e contar coa experiencia dos representantes en cada un dos ramos".

Feijóo asegura non ter "ningún problema" coas formulacións do Goberno central en materia de política exterior

Á espera de coñecer a posición da Xunta sobre o texto concreto o propio presidente xa avanzaba o pasado xoves que dende San Caetano non se porá ningún pero á proposta do Goberno central. Feijóo di non coñecer "con exactitude" ese texto pero parte da base de que "a competencia exclusiva en materia de política exterior lle corresponde ao Estado". "Son respectuoso coa Constitución e co Estatuto de Autonomía", polo que se a nova lei "non invade competencias autonómicas terá o visto e prace, por suposto, da Xunta". En calquera caso, o presidente galego asegura non ter "ningún problema en materia de política exterior co Goberno de España, ao contrario". "As visitas do presdiente da Xunta ao exteiror son comunicadas sempre ao ministro de Exteriores" porque "é a forma de actuar dun país europeo como España", resolve.

Feijóo, na comitiva de Rajoy en México © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.