0 Gardados para despois

O BNG pídelle contas á Comisión europea pola "bochornosa" retención de Morales

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


eldiario.eseldiario.es | @eldiarioes


"Inadmisible" e "bochornosa". Son os cualificativos que, a xuízo da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, merece a retención durante máis de 12 horas do presidente de Bolivia, Evo Morales, nun aeroporto de Viena. A europarlamentaria vén de presentar unha interpelación para, xunto a outros membros do grupo Verdes/ALE e da GUE/NGL, pedirlle contas á alta representante de política exterior da Unión Europea, Catherine Asthon, a quen instan a pronunciarse "sobre as repercursións diplomáticas" do feito de que "Francia, España, Italia e Portugal prohibisen a utilización do seu espazo aéreo" a "un cargo electo democraticamente nun país soberano".

Aínda que o Goberno español permitiu finalmente que Morales sobrevoase o seu territorio e fixese escala nel, Miranda coida que Asthon debe "clarificar" se "detrás desta decisión existiron presións dos Estados Unidos" e se, polo tanto, "estes Estados e o conxunto da UE cederon unha vez máis ás presións" do Goberno norteamericano, desta volta "pola sospeita" de que Eward Snowden, o ex técnico da CIA que revelou a espionaxe da Administración estadounidense a diversos países, "viaxaba no avión". Snowden, salienta Miranda, é "un cidadán que tivo a coraxe de denunciar a espionaxe masiva dos EUA sobre o resto do mundo, incluídos os cidadáns europeos".

AGE promoverá que o Parlamento de Galicia "condene estes feitos", que ve "intolerábeis"

Mentres dende Estrasburgo Miranda coida que estamos "ante un novo suceso que demostra que a UE está disposta a violar os dereitos fundamentais e o dereito internacional con tal de compracer as demandas dos Estados Unidos", dende o Parlamento de Galicia AGE súmase tamén ás críticas sobre o acontecido con Morales. A través dun comunicado a coalición considera que "a submisión dos Estados europeos á política imperial" dos EUA "viviu hoxe un esperpéntico e gravísimo episodio", no que "se demostrou, ademais, que o Estado español non é máis ca un vasalo aos ervizo da reacción mundial". Para Altenrativa a "aldraxe democrática" á que foi sometido Morales é "intolerábel". Por este motivo, o grupo liderado por Xosé Manuel Beiras "decidiu solicitar de urxencia a convocatoria da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia para que a Cámara condene estes feitos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Bolivia, indignada polo "secuestro" do seu presidente

Varios gobernos latinoamericanos reaccionaron indignados ante a situación vivida polo presidente boliviano, Evo Morales, atrapado durante doce horas no aeroporto de Viena, tras a negativa de Francia e Portugal a permitir que sobrevoase o seu espazo aéreo. Os países europeos sospeitaban que o extécnico da CIA, Edward Snowden, viaxaba no avión presidencial, algo desmentido desde o primeiro momento por Bolivia.

O Ministerio de Exteriores español asegurou que o Goberno autorizou finalmente tanto o sobrevoo do espazo aéreo como a escala técnica en Las Palmas de Gran Canaria do avión de Morales. Unhas operacións que o Executivo, din, tamén autorizou o martes, antes de que "imprevisiblemente" o avión aterrase en Viena.

O presidente austriaco, Heinz Fischer, desprazouse ao aeroporto para reunirse con Morales. Finalmente, o avión despegou desde Viena ás 11.30 da mañá con destino ás illas Canarias, onde fará unha escala técnica antes de cruzar o Atlántico.

Segundo o ministro de Defensa boliviano, á negativa de París e Lisboa sumáronse tamén Italia e España. O vicepresidente boliviano, Álvaro García, denunciou que Morales "foi secuestrado polo imperialismo e está retido en Europa". Acompañado polo seu gabinete en pleno, o vicepresidente denunciou o martes a violación da Convención de Viena, que establece que "os voos dos presidentes do mundo non poden ser obstruidos e teñen inmunidade". Tras autorizar inicialmente que o avión de Morales aterrase para encher no seu territorio, impedíronlle facelo. Un feito que, sosteñen desde Bolivia, puxo en risco a vida do mandatario.

Morales: "Seguramente España está a consultar co seu amigo. O seu amigo debe ser Estados Unidos"

No caso español, segundo informaran fontes do sector aeroportuario, parecía posible que o avión de Morales fixese unha escalada no aeroporto de Gran Canaria. Unha situación pola que o Goberno Boliviano mostrou nun primeiro momento a súa gratitude: "Queremos agradecer ao Goberno español que inmediatamente respondese favorablemente para que o presidente Morales poida reabastecerse (de combustible)".

No entanto, en declaracións á prensa, Morales lamentou esta mañá, antes de coñecerse a autorización española, que aínda que España "primeiro deunos o permiso, non só para sobrevoar senón para aterrar, prohibíunolo". "Seguramente España está a consultar co seu amigo. O seu amigo debe ser Estados Unidos", puntualizou. Unha situación que tamén molestaría ao ministro de Exteriores austriaco, Michael Spindelegger, quen recoñeceu non saber "por que España está a actuar así".

O ministro ecuatoriano de Exteriores, Ricardo Patiño, pedirá unha reunión extraordinaria de ministros de Asuntos Exteriores da Unión de Nacións Suramericanas (Unasur). "Hai quen están paranoicos e algunha razón terán para ter esa paranoia. Seguramente terán problemas de conciencia. Nós non, o presidente Evo Morales non, son outros", dixo Patiño.