0 Gardados para despois

Feijóo e o PPdeG miran cara a outro lado e negan o financiamento ilegal do partido

Redacción | @prazapublica

Dous días despois e varios silencios máis tarde, o PPdeG sae ao paso das revelacións que o pasado sábado fixo o diario El País e nas que un informe do ex xerente dos populares galegos, Modesto Fernández, en 2006 confirmaría o financiamento ilegal da formación, que tería recadado até 2 millóns de euros de maneira opaca e grazas ás contribucións ilegais de ducias de empresas construtoras e contratistas públicas da Xunta. Pero faino mirando cara a outro lado e repetindo un único argumentario sen aclaración  ningunha: as empresas implicadas xa desmentiron a información.

Rueda e Feijóo argumentan que "os propios aludidos" na información "xa desmentiron" o suposto financiamento ilegal do PPdeG

Iso mesmo foi o que dixo o presidente da Xunta e do PPdeG, Núñez Feijóo, que se limitou a sinalar este luns que, nas información publicadas, as persoas implicadas "xa desmentiron" o presunto financiamento ilegal, polo que se "remite" a esas mesmas palabras. Nin unha verba máis. Alfonso Rueda, secretario xeral do partido e vicepresidente do Goberno galego, insistiu nun argumento idéntico e aclarou que "os propios aludidos" na información do diario madrileño "xa desmentiron" as supostas irregularidades. "Co cal, creo que pouco máìs teño que dicir", asegurou o número dous dos conservadores galegos. El País aclarara que a veracidade do polémico informe fora ratificado por varios ex dirixentes do PP dispostos a ratificalo ante a xustiza.

O presidente da Xunta pide á Xustiza que "actúe con toda contundencia" no caso Bárcenas

Preguntado polo escándalo derivado das revelacións de Luis Bárcenas, Feijóo tamén botou balóns fóra, aínda que pediu á Xustiza que "actúe con toda contundencia ocorra o que ocorra, ameace ou non se ameace, chantaxeese ou non se chantaxee". "O Goberno non se deixa amedrentar", insistiu o presidente da Xunta.

Rueda, número dous do PP galego tampouco foi máis alá e asegurou que "é un tema que está na Xustiza e esperamos que se aclare canto antes", dixo nun almorzo organizado por Forum Europa Tribuna Galicia. Ademais, o alcalde da Coruña pide "urxencia" aos xuíces para que arranxen "o asunto", pero di comprender "a lóxica preocupación" da cidadanía ante os escándalos que están a salpicar ao PPdeG.

Segundo a información de El País, o PPdeG -que xa dirixía daquela o presidente da Xunta, Núñez Feijóo- recoñecía na súa contabilidade oficial doazóns por 200.000 euros nese ano, pero o devandito informe aclara que recadou até 2 millóns de euros de maneira opaca. Polo tanto, só recoñecía oficialmente o 8% das achegas. O documento tería sido elaborado para xustificar ante a dirección estatal da formación os gastos da campaña autonómica de 2005 -encabezada por Fraga e que acabaría coa perda da maioría absoluta- e incluía donativos recibidos para aquela convocatoria electoral.

El País explica tamén a xénese do informe. Segundo ex dirixentes do PP, en 2006, Modesto Fernández -persoa achegada ao ex conselleiro Xesús Palmou- emitiu un informe sobre as finanzas autonómicas que elevou aos seus mandos locais e estatais do PP, cuxo máximo respionsable era Ángel Acebes. O informe detallaba todos os ingresos que tivo o PP, cifrados en 2,6 millóns de euros en 2006, pero só unha pequena parte estaba reflectida nas contas oficiais e por un importe de algo máis de 700.000 euros (as achegas do grupo parlamentario e da sede central, que coincidían en todo).

Os 2 millóns recadados de maneira opaca chegaban de construtoras con contratos coa Xunta e superaban os 60.000 euros legais

O resto de achegas por valor de 2 millóns de euros, e que non estaban nas contas oficiais, era unha lista de doazóns de construtores que na súa maioría contaban cunha ou dúas circunstancias que os convertían en ilegais: case todos eles eran contratistas públicos e moitos deles superaban os 60.000 euros por doante permitidos pola lei.

O curioso desta lista de doantes, segundo destaca El País, é que en moitos casos non eran contratistas xenéricos da Administración estatal, senón da propia Xunta, e en ocasións coincidente co mandato de Núñez Feijóo, primeiro en 1991 como secretario xeral de Agricultura até 1996, en 2003 como conselleiro de Política Territorial e Obras, en 2004 como vicepresidente e en 2009 xa como presidente. Todos os empresarios identificables foron consultados por este xornal. Os que aceptaron responder, unha minoría, negárono rotundamente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

BNG e AGE piden no Parlamento a comparecencia urxente de Feijóo

BNG e AGE veñen de exixir unha convocatoria parlamentaria urxente para que Núñez Feijóo compareza no Parlamento e explique o presunto financiamento ilegal do PPdeG feito público polo diario 'El País'. As dúas formacións rexistraron un escrito de petición ante a Deputación permanente da Cámara.

Así, os grupos parlamentarios do Bloque e de Alternativa instan o órgano permanente do Parlamento de Galicia que convoque unha sesión extraordinarioa cunha única orde do día para que o presidente da Xunta aclare os supostos pagos opacos recibidos por parte de numerosas empresas que eran -e en moitos casos aínda son- contratistas públicas do Goberno galego. O obxectivo sería financiar a campaña electoral na que Manuel Frag perdeu a maioría absoluta en 2005.

Ambos grupos achegan o escrito conxunto asinado polos portavoces de AGE, Xosé Manuel Beiras, e do BNG, Francisco Jorquera, no que solicitan a celebración dunha sesión extraordinaria do pleno co único punto de comparecencia de Núñez Feijóo "á vista da publicación de informacións que sinalan presunto financiamento ilegal do PPdeG durante o ano 2006".

"O señor Núñez non está lexitimado para continuar á fronte do país. Primeiro debe dar contas á cidadanía sobre a trama escura dos cartos do PP e logo renunciar ao cargo. Galicia non se pode permitir un presidente nacido do financiamento ilegal do seu partido e ao que defende un narco", aclaran nunha nota de prensa.

O BNG solicita no Congreso un pleno extraordinario para que Rajoy dea explicacións

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada, Rosana Pérez, solicitaron este luns a convocatoria dunha Deputación Permanente da Cámara para que se debata a necesidade de convocar un pleno estraordinario coa comparecencia do Presidente do Goberno español.

"É preciso que Rajoy acuda á Cámara a dar explicacións", di o BNG

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, considera que “ante a nova situación xerada polas últimas novidades no denominado caso Bárcenas que poñen de manifesto a relación do Presidente do Executivo co ex tesoreiro do PP, con comunicacións que se estenden até o presente ano, é preciso que Rajoy acuda á Cámara a dar explicacións”.

“Mariano Rajoy debe dar explicacións sobre a súa relación neste caso, debe aclarar todos os interrogantes que pesan sobre a súa situación e informar de maneira transparente á cidadanía ante a gravidade das informacións coñecidas”, sinala Davila.

A deputada do BNG afirma que “o presidente do Goberno español non pode continuar agochado na Moncloa sen falar. Debe comparecer pero no Congreso dos Deputados e someterse ao control e ás preguntas das formacións políticas. Ten que facer un exercicio de transparencia tan necesario para a rexeneración da democracia e dar a información pertinente”. E demandou ao PP que “non obstaculice, como fixo a semana pasada, esta solicitude de comparecencia de Rajoy porque non é entendíbel que se utilicen as maiorías absolutas para negar que un Presidente do Goberno acuda á Cámara a dar explicacións”.

O PSdeG tamén pide a comparecencia de Feijóo ao que acusa de "ter de defensor un narcotraficante"

O PSdeG tamén solicitou, por separado, a comparecencia de Feijóo. O escrito rexistrado polos socialistas reclama, así, que se convoque de forma urxente unha deputación permanente co fin de que compareza no Parlamento o presidente da Xunta e do PP galego.  

"Gürtel e Bárcenas pasan por Galicia, polo PP galego e pola actuación directa de Feijóo", di o PSdeG

"Gürtel e Bárcenas pasan por Galicia, polo PP galego, pola actuación directa do señor Feijóo", asegurou nunha rolda de prensa o deputado do PSdeG José Luis Méndez Romeu, quen se referiu a noticias que "cuestionan de novo a honorabilidade de Feijóo".

"Feijóo, como Rajoy, ten que decidir de que lado está, se do da transparencia e a legalidade ou se son reféns das actuacións reprobables ou directamente ilícitas. Neste último caso, só quedaría a dimisión", afirmou o socialista. Méndez Romeu aludiu tanto ás informacións sobre financiamento do PPdeG como ás publicacións sobre as declaracións do narcotraficante Marcial Dourado, quen dixo que sabía que o actual presidente da Xunta "chegaría lonxe" e que "transmitía honradez".

"Agora é o propio narcotraficante quen aparece como defensor do presidente, mentres outras declaracións pon de manifesto a clara conivencia política dos gobernos da época con notorios delincuentes investigados por Aduanas", sinalou e volveu a reclamar documentación sobre os contratos da Xunta con empresas de Dourado.

"Aínda non recibimos a documentación solicitada: primeiro estaba destruída, despois era moi abundante", recriminou e acusou ao presidente da Xunta de "menosprezar ao Parlamento coa conivencia necesaria da presidenta da Cámara".