0 Gardados para despois

Ducias de mortos ao descarrilar un tren en Compostela

Redacción | @prazapublica

Un tren Alvia que cubría a ruta entre Madrid e Ferrol descarrilou a tres quilómetros de Santiago, nun accidente no que faleceron 80 persoas e tras o que quedaron feridas unhas 170. O sinistro, a peor traxedia ferroviaria do Estado nos últimos 40 anos, tivo lugar ás 20.42 horas. Durante horas os bombeiros e a policía axudaron a sacar persoas dos vagóns. No tren viaxaban máis de 220 persoas. Testemuñas afirman que a máquina viaxaba moi rápido e ao chegar á curva da Grandeira un dos vagóns saltou polos aires. En calquera caso, descoñécense oficialmente as causas concretas do sinistro, aínda que todo apunta ao exceso de velocidade.

Segundo os últimos datos feitos públicos este xoves pola Consellería de Sanidade, 178 persoas foron evacuadas da zona desde o sinistro e hai 167 feridos, dos cales 94 deles seguen ingresados, 31 en unidades de críticos, catro deles nenos. Dos 80 mortos, 73 faleceron na zona do accidente e os sete restantes en diferentes hospitais. 53 dos falecidos xa foron identificados.

Contra as once e media da noite o ministerio do Interior xa descartaba oficialmente a hipótese dun atentado. Un voceiro de interior afirmara a Efe que "se trata dun accidente e que non caben polo tanto outras hipóteses sobre as causas. Neste mesmo xoves, El País reconstrúe unha conversa entre o maquinista e a estación no que o primeiro recoñecería que o tren entrou na curva a 190 quilómetros por hora, máis do dobre da velocidade permitida, e xa se difundiu un vídeo, teoricamente gravado polas cámaras de Adif, do momento do sinistro.

O tren que descarrilou, de trece vagóns, é un híbrido da serie 730, que leva dúas locomotoras diesel e dúas eléctricas. Parte dos Alvia son trens Talgo antigos que modificou RENFE e fan un cambio de vías en Medina del Campo, momento no que pasan de ancho AVE a ancho convencional, distinto ao europeo. Máis adiante volven cambiar á vía do AVE, xa que dende Ourense a Santiago circulan por este tipo de vías.

Ao pouco tempo do sinistro, os centros de transfusión de sangue realizaron un chamamento para que se doase no Centro de Transfusión do Monte da Condesa (Campus Sur). Precisouse, sobre todo, sangue do grupo cero negativo e do A negativo, pero a primeiras horas do xoves pediuse á xente que agardase uns días para volver doar ante a masiva e suficiente resposta da sociedade galega, que encheu varios hospitais e centros no país.

A Policía habilitou o teléfono 981551100 para que os familiares dos afectados poidan obter máis información e habilitouse o edificio CERSIA (rúa Raimundo López Pol-San Lázaro) para a atención aos familiares. Ducias de persoas achegáronse ás estacións de tren de Compostela e Ferrol na procura de noticias. A Xunta de Galicia informa da habilitación de dous números de teléfono para a atención exclusiva dos familiares dos viaxeiros: 900 101 660 e 900 444 222.

 

Suspendidos todos os actos do 25

Institucións e forzas politicas anunciaron de contado a suspensión de todos os actos e celebracións previstos para o 25 de xullo. O propio Concello suspendeu as festas de Santiago comezando polo espectáculo de luces da Catedral. 

Alberto Núñez Feijoo xa afirmou que "non cremos que a cifra de falecidos baixe de 35" e indicou que "cando poidamos identificar os falecidos farémolo, agora hai un grande operativo traballando. A escena é moi impactante, dantesca".

O BNG suspendeu tanto o Festigal coma a manifestación do Día da Patria, como sinal de condolencia polas vítimas do accidente. Francisco Jorquera e Rubén Cela desprazaronse ata o lugar do sinistro e o portavoz nacional, Xavier Vence, quixo "transmitir o todo o noso apoio e as nosas sentidas condolencias". O PSdeG tamén suspendeu todos os actos polo Día de Galicia. O secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez trasladou a súa "tremenda conmoción" polo sucedido. E o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, expresou a súa "profunda dor" e o seu "apoio" ás familias das vítimas mortais e aos feridos no descarrilamento dun tren en Santiago.

Compromiso por Galicia cancelou igualmente o seu acto político previsto para o 25 e tamén a a ofrenda en Bonaval e manda "unha mensaxe ánimo". Esquerda Unida e Anova tamén suspenderon os seus actos previstos, na Coruña e en Compostela.

 

Máis información

La Voz de Galicia e a Cadena Ser publican fotogalerías do accidente.

Na Cadena Ser pódense escoitar varios audios dende o lugar do sinistro e entrevistas a testemuñas e pasaxeiros. Ricardo Montero: "El tren comezou a dar moitas voltas de campana na curva. Moita xente quedou aprisionada". Sergio Prego, ocupante do tren: "A escena é un desastre. Non teño nin idea, pero ten que haber unha morea de vítimas mortais". Xaime López, redactor da SER, describe a escena dos vagóns detrozados e a visión das vítimas. Ademais, un vídeo recolle as impactantes imaxes gravadas por un veciño pouco tempo despois da catástrofe.

A CRVG emitiu en directo a través da súa web, o mesmo que RTVE. Tamén V Televisión informou sobre a traxedia.

É moi comentado nas redes sociais o erro cometido por Moncloa ao mesturar no pésame polo accidente de Santiago co terremoto de Gansu, produto da excesiva rapidez á hora de reelaborar o texto.

Decálogo de recomendacións do Colexio de Xornalistas de Galicia para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe

As redes sociais comezan de encherse de lazos, bandeiras, estrelas e imaxes en negro a xeito de avatar en solidariedade coas vítimas.

TVE, duramente criticada pola súa cobertura da traxedia. Ás dúas horas aínda non deran a noticia

Accidente do tren

©

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.