0 Gardados para despois

Currás admite agora que KPMG non fixo unha auditoría sobre as caixas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Tres anos e case oito meses despois de anunciar con solemnidade en San Caetano que "a auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia a KPMG avala a solvencia da fusión das caixas galegas" a ex conselleira de Facenda e actual secretaria de Estado de Orzamentos, Marta Fernández Currás, admite que a auditoría non era tal. Faino ao responder ao segundo cuestionario que se lle envía dende a comisión que investiga no Parlamento o acontecido coas antigas caixas de aforro, a mesma na que se negou a comparecer. Ao contestar a esta segunda batería de preguntas, elaborada polo PSdeG, Currás admite que o encargado polo Goberno galego á auditora por importe de máis dun millón de euros era só un "informe".

Nomeadamente, Currás refírese ao traballo de KMPG como un "informe e análise" coa que "o Goberno galego trata de cumprir o mandato dado polo Parlamento de Galicia, que expresa o sentir maioritario da sociedade galega, en relación co impulso dunha operación corporativa galega" entre as caixas". Dada a "imposibilidade de acceso por cada caixa a datos de carácter reservado da contraparte mentres non existise unha vontade decidida de fusión", xustifica, "fai que tiveran que utilizar datos públicos con información insuficiente ou realizar estimacións que non se correspondían coa realidade ao optar polas hipóteses máis pesimistas das posibles".

Currás presentou o traballo en 2010 como unha auditoría, agora fala só dun "informe e análise"

Ao responder por escrito a ex conselleira pode, sen problema ningún, pasar por riba dalgunhas das preguntas que se lle formulan. Así as cousas, non só deixa a un lado que KPMG non só non realizou unha auditoría senón que, como relatou Praza Pública, tampouco avalou a fusión. Os socialistas cuestionárona tamén sobre se "existiron pregos de condicións" para contratar a auditoría e sobre a identidade das persoas que "compoñían a mesa de contratación" do proxecto. Currás só sinala, como xa fixera na súa primeira contestación -ás preguntas do PP-, que a elección de KMPG "foi debido a que, en contacto co Banco de España, era a única auditora non implicada en informes anteriores con ningunha das dúas caixas". "Indicar que a tramitación do expediente de pagamento realizouse segundo a normativa vixente", resolve.

No mesmo cuestionario os deputados e deputadas instaron tamén a Currás a aclarar en que consisten os "informes internos realizados polo técnicos da Consellería de Facenda" sobre a fusión, documento aos que ela mesma se referiu por escrito e que "non se facilitaron á comisión". Sobre este asunto a ex titular de Facenda asegura que "a información técnica foi oral e escrita". "Os informes escritos -di- integráronse no informe final de novembro de 2009 que, segundo a información coñecida da información remitida pola Xunta de Galicia, obra dentro da documentación de carácter reservado remitido á comisión de investigación". Isto é, sería un dos documentos que os membros do Parlamento teñen prohibido revelar.

AGE acusa a Currás de "mentir"

A contestación de Currás, datada no pasado 9 de agosto e rexistrada ese mesmo día na Cámara galega, xa suscitou reaccións políticas na banda de AGE, formación que fixo público informe de KPMG o pasado xuño. Para Alternativa fica acreditado que "Currás mentiu cando en xaneiro de 2010 cualificou de auditoría o que agora é tamén para ela un simple informe, recoñecendo agora o que denunciou publicamente AGE". A xuízo da formación encabezada por Xosé Manuel Beiras a ex conselleira "volve mentir", ademais, cando "fai referencia a uns infromes internos da Xunta sobre o proceso de fusión que, dada a súa inexistencia física na documentación posta á disposición do Parlamento, ou non existen ou pasaron á trituradora ou, simplemente" son "ocultados" polo Goberno de Feijóo.

AGE: "Se os informes foron emitidos ou están ocultos ou pasaron á trituradora"

"Se tales informes foron emitidos, ou ben están ocultos nun caixón do despacho de Feijóo" ou foron destruídos, di AGE, que se pregunta ademais "a que informe final de novembro de 2009" se refire Currás. "Ou Marta Currás perdeu a memoria ou pretende tomarlle o pelo á cidadanía", xa que "a fusión autorizada por acordo do Consello da Xunta de 18 de novembro de 2010", isto é, "un ano despois da data que menciona". Ese acordo do Consello é, precisamente, o que Alternativa reclama que se "incorpore ao expediente da comisión de investigación" para poder ser consultado polos grupos políticos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.