AGE censura a "insensibilidade" da Xunta por subir o prezo das gardarías

Beiras e Díaz, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA AGE

"Fan declaracións asegurando estar moi preocupados pola situación das familias e a realidade é que a súa política demostra todo o contrario". É a conclusión á que chega Alternativa Galega de Esquerda despois de coñecer que a Consellería de Benestar resolveu incrementar as tarifas das escolas infantís ao mesmo ritmo que o índice de prezos ao consumo (IPC), obviando a caída dos salarios. 

Para AGE esta medida demostra unha "actitude insensible e hipócrita" por parte da conselleira Beatriz Mato, que "unha vez máis ataca ás familias con menos recursos, obrigándoas a pagar máis polo coidado dos seus pequenos". Di o grupo liderado por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz que "ao PP semella non lle chegar con recortar salarios, empeorar as xornadas e as condicións laborais" dos traballadores e traballadoras, "senón que ademais pretende afogar aínda se cabe un pouco máis as familias do noso país" facendo, desta volta, "que paguen máis por servizos básicos que deberían ser universais e de balde".

AGE critica que haxa que "pagar máis por servizos que deberan ser universais e de balde"

Neste sentido, AGE lamenta que "só aquelas familias que cobren menos de 150 euros mensuais" estean "libres de pagar escola infantil". "Na realidade", din, este nivel de renda "suporía que esta familia, directamente, non tería o que dar de comer aos seus pequenos". Así as cousas, Alternativa "esíxelle" á conselleira "que reformulen canto antes os prezos deste servizo fundamental para as familias galegas". O servizo de escolas infantís "debería ser unha axuda e non unha carga máis, á que moitas non poderán facer fronte grazas ás políticas agresoras do PP".

Beiras e Díaz, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.