CxG solicítalle á Fiscalía que investigue a Feijóo polo financiamento do PP

Dirección de CxG, no congreso do partido CC-BY-SA CxG

"Hai indicios máis que suficientes para que a Fiscalía inicie unha investigación para determinar se Alberto Núñez Feijóo puido cometer algún delito derivado do suposto financiamento irregular do seu partido". É o que pensa Compromiso por Galicia (CxG), formación que a través do seu secretario xeral, Xoán Bascuas, vén de anunciar a súa intención de dirixirse á Fiscalía Superior de Galicia para instala a investigar o presidente da Xunta e do PPdeG.

A formación galeguista diríxese á institución xudicial que encabeza Carlos Varela ante as "informacións xornalísticas do chamado caso Bárcenas" e as "ramificacións do caso Gürtel" están "tocando de cheo" a Feijóo, "que non está dando información ningunha a respecto dos case 2 millóns de euros en doazóns opacas de empresas construtoras adxudicatarias da Xunta nos tempos de Fraga, probadas documentalmente e que moitas superaban os 60.000 euros permitidos por lei". Estas empresas, abonda, eran "contratistas xenéricas" da Xunta tamén cando Feijóo ocupou altos cargos, incluíndo a Consellería de Política Territorial e a Vicepresidencia.

"O comportamento de Feijóo non só é absolutamente rexeitable dende o punto de vista ético, senón que puido ser delitivo"

"O comportamento de Feijóo non śo é absolutamente rexeitable dende o punto de vista ético e político, senón que a maiores puido ser delitivo", di o líder de Compromiso, en cuxa opinión tamén a oposición parlamentaria debe ser "máis contundente na loita contra a corrupción". Por este motivo, para CxG sería conveniente que PSdeG, AGE e BNG utilicen "todos os mecanismos parlamentarios existentes, como a moción de censura, para que Feijóo dea a cara ante a sociedade galega".

O PSdeG "esixe" a comparecencia do presidente

Dende o Parlamento chegaba este luns, precisamente, unha nova "esixencia" de comparecencia do presidente formulada polo Grupo Socialista, o único da oposición con escanos dabondo para pedila en solitario. Para o voceiro do PSdeG, Abel Losada, os papeis de Bárcenas están a ser xa tamén "os papeis de Feijóo", toda vez que nesa documentación figuran tamén os 1,8 millóns de euros en doazóns que foron enviados a Bárcenas polo que fora xerente do partido en Galicia.

Mentres o PPdeG reclama coñecer a implicación ou non de Feijóo nestes "fluxos de cartos en B" dende o PP o seu vicevoceiro, Román Rodríguez, insiste na "honorabilidade" da formación conservadora, que "acatará sen maior reparo" o que ditamine a Xustiza. En todo caso, Rodrígeuz pregúntase tamén "en que nivel estamos todos situados, porque aquí estamos todos acostumados a ver a palla no ollo alleo e non a viga no propio".

Dirección de CxG, no congreso do partido CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.