O PP evita reprobar no Parlamento o alcalde que xustificou os crimes do franquismo

O alcalde, cos seus partidarios tras evitar a dimisión CC-BY-SA Xosé Salgado

O alcalde de Baralla queda outra vez sen reprobación. O 26 de xullo Manuel Fernández Capón (PP) considerou, no pleno do seu Concello, que as vítimas dos crimes do franquismo "merecíano" e o 22 de agosto os votos dos seus edís evitaron, no propio pleno, que tivese que abandonar o cargo. Este martes o BNG trasladou ao Parlamento de Galicia a vontade de rexeitar as súas palabras. Foi cunha proposición non de lei na que apostaba por que o lexislativo galego "reprobase as declaracións"  de González Capón que "xustificaban os crimes e asasinatos producidos durante o franquismo" e reclamase, ademais, a súa "dimisión" pola "gravidade que supón dar amparo e xustificar o réxime franquista e a vulneración de dereitos humanos fundamentais que se produciu nese fatídico período". O PP evitouno.

O grupo conservador achegou ao debate unha emenda para substituír a reprobación específica a González Capón por un rexeitamento xeral a "calquera manifestación realizara por cargos públicos nas que se xustifiquen os crimes e asasinatos producidos durante o franquismo pola gravidade que supón dar amparo e xustificar a vulneración de dereitos humanos fundamentais naquela época". De ser aceptada ficaría fóra, polo tanto, a condena específica ás verbas de González Capón e a esixencia de que deixe o cargo. O BNG admitía a emenda como adición, non como substitución, pero os populares, representados por Paula Prado, non accederon no medio dun tenso debate.

Prado non acepta "leccións de democracia" porque o BNG "non se adhire á sentenza" sobre Resistencia Galega

Aínda que a emenda conservadora se cinguía unicamente ao franquismo Prado aproveitou a súa defensa para sentenzar que no PP "non acepta leccións de democracia" do Bloque, toda vez que os nacionalistas non se "adhiren á sentenza" da Audiencia Nacional que "considera probado que Resistencia Galega é un grupo terorista organizado". Ademais de condenar o franquismo, abonda, a formación frontista debéralles "mirar aos ollos ás persoas ás que lles puxeron unha bomba na súa vivenda" aínda que non o fan, teoriza, polo seu "achegamento ao mundo independentista". A mesma condena reclámaa de AGE, á que ademais lle afea que os seus deputados vaian "vestidos con camisetas de réximes totalitarios comunistas" aínda que o "comunismo ten ás costas máis dun millón de mortos".

Pontón: "Poñen de manifesto a súa connivencia co réxime franquista"

Co debate xa incendiado tanto AGE como o PSdeG apoiaron a iniciativa do Bloque, defendida por Ana Pontón. Para Yolanda Díaz, de Alternativa, o PP amosa que o "franquismo pervive nas súas filas" e en opinión da socialista Beatriz Sestayo é "un esperpento e un insulto" que os conservadores opten polo "confusionismo" para non rexeitar a xustificación dunha "ditadura" e dos seus "crimes". "Eu non vou seguir o guión que nos ten marcado o PP", sinalou Pontón, quen non se amosa disposta a "desviar a atención sobre os debates de fondo". "O BNG e o nacionalismo" teñen "unha traxectoria de loita contra a ditadura e de defender sempre vías pafícias" mentres "outros teñen nas súas filas persoas coas mans tinguidas de sangue". Pontón lamenta que no réxime saído da Transición "pareza que non se pode falar sobre a represión". En todo caso, conclúe, que o PP rexeite "que esta persoa dimita", ademais de "rechamante", "pon de manifesto as súas connivencias co réxime" de Franco.

Ana Pontón defende a iniciativa CC-BY-SA Praza Pública
Paula Prado, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.