Feijóo lánzase á precampaña con visitas, inauguracións e placas conmemorativas

Feijóo, na 'Galiña azul' de Betanzos © Xoán Crespo

Galicia arrecende a precampaña dende hai moitos meses. A previsible vitoria do PP nas eleccións xerais, primeiro, a chegada de Mariano Rajoy, despois, e a galopante crise económica, permanentemente, fan dende hai aproximadamente un ano que as quinielas en torno á data das vindeiras eleccións sexan unha constante. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non axudou a aplacalas por completo neste período. Aínda que periodicamente reitera que a súa intención é rematar a lexislatura, outras declaracións ou accións de Goberno convidan a pensar o contrario. Hai apenas dúas semanas que Feijóo insistía de novo en que esgotaría o seu mandato. Pero no camiño cruzáronse os comicios asturianos e andaluces, dos que o vitorioso PP de Rajoy non saíu vapuleado, pero si con algún negrón e tamén preocupado. Semella que a crise e, sobre todo, os recortes comezan a pasar factura nas filas conservadoras, un rapidísimo desgaste que, de novo, fixo que propios e estraños xirasen a ollada cara a San Caetano. Feijóo reitera, "nada cambia", se ben o arrecendo a precampaña impregna tamén dende hai poucos días a súa axenda oficial.

Hai apenas unha semana que o secretario xeral do PPdeG e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, anunciaba que no mes de abril a formación conservadora "reeditará" a campaña que puxo en práctica en 2008, nos meses previos ás autonómicas de 2009, e que consistiu esencialmente en que Feijóo, daquela un candidato descoñecido para moitos, percorrese os 315 concellos galegos. Desta volta, explicaba, tratarase de "reunirse cos presidentes locais do partido" para "recuperar as cuestións de organización interan que funcionaron ben hai catro anos", cando a "filosofía a seguir era que non se lle podía pedir o voto aos veciños" das vilas "nas que nin sequera estivera". Pero existe un elemento diferencial que non é menor a respecto de hai catro anos: o Goberno. E semella que tamén está a entrar nesa engranaxe preelectoral.

Visitas e inauguración

Dado que a reforma da Lei Electoral impide empregar as campañas para as clásicas inauguracións e visitas para subliñar logros gobernamentais e tendo en conta ademais que a crise económica deixa pouco espazo para pór en servizo grandes obras, nos últimos días comezaron a agromar na axenda do presidente certos actos con, a priori, escasa xustificación en termos prácticos, pero con maior lóxica se de salientar logros se trata. Menos de vinte e catro horas despois de que pechasen as urnas en Andalucía e Asturias Feijóo repartía bicos e apertas na sala de espera do centro de saúde de Vilamarín, en Ourense. Non se trataba dunha inauguración, pero o titular do Goberno galego, segundo a información da propia Xunta, descubriu unha "placa conmemorativa da súa visita" e realizou unha intervención, nun espazo habilitado ao efecto con atril e panel gráfico oficial, centrada na gabanza á política sanitaria do seu equipo.

En menos dunha semana, Feijóo colocou unha placa nun centro de saúde, inaugurou un centro náutico e visitou unha escola infantil con xestión privada, onde foi recibido con asubíos

A propia xornada do luns, xa pola tarde, o presidente regresou a Santiago para intervir nun programa da Radio Galega. Pero non se trataba dunha emisión habitual, senón dun espazo especial realizado dende un centro sociocomunitario -antigos clubs de xubilados- da capital galega ante os usuarios do mesmo. Ademais de falar na radio pública Feijóo, como xa fixera pola mañá en Vilamarín, departiu cos usuarios do centro e non evitou os xestos de agarimo que algúns lle dirixiron.

Tras dúas xornadas de pleno parlamentario e unha de Consello da Xunta -e folga xeral- este venres regresaban á axenda presidencial os actos con aire a proximidade de cita coas urnas. Despois de visitar o centro de saúde en Ourense e o centro sociocomunitario en Santiago, nesta ocasión o percorrido comezou en Outes, coa inauguración do Edificio Náutico Deportivo do Freixo. Alí, de novo con atril e paneis ao efecto, o xefe do Goberno galego explicou que "o realismo e o equilbrio das contas públicas, a priorización das infraestruturas clave e a solvencia fan posible que, en plena crise económica, se podan levar a cabo investimentos de máis de 250 millóns de euros na comarca de Outes-Noia". Despois de Outes a comitiva oficial puxo rumbo a Betanzos, a unha escola da rede Galiña Azul cuxa xestión se encomendou recentemente a unha empresa privada -razón pola que foi recibido con asubíos no exterior da instalación-. Nesa visita tratábase de "reafirmar o compromiso do Goberno galego de crear 4.500 novas prazas de escolas infantís ata 2013" e "avanzar a apertura, no que resta de 2012, de 12 novas escolas infantís públicas e a construción doutras 21".

É neste contexto no que continúan a bulir as quinielas preelectorais. Descartada a primavera -unha opción que apenas chegou a callar no propio Goberno e que implicaría convocar as eleccións en apenas un mes- boa parte das cábalas diríxense ao outono, datas nas que tradicionalmente se ten votado en Galicia e que doadamente poderían ser presentadas como un "adianto técnico". O tempo e a acción dos Gobernos galego e central o dirán. Mentres, continúa a axenda oficial.

Feijóo, na inauguración do Edificio Náutico de Outes © Xoán Crespo
Feijóo, nunha visita ao centro de saúde de Vilamarín © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.