Galicia (non) é un modelo de xestión de fondos para a UE

Feijóo, no Comité das Rexións © Xunta

"Galicia marca o paso en Europa". "Convértese en referente, facendo oír a súa voz e facendo valer a súa experienica na xestión de fondos comunitarios". "Galicia ostenta o liderado", o que supón un "recoñecemento por parte da Unión Europea á xestión que dende a nosa comunidade temos realizado dos fondos estruturais e de cohesión". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, falaba nestes termos dende Bruxelas este martes, xusto despois de presentar ante o plenario do Comité das Rexións un ditame titulado Recomendacións para un mellor gasto. Pero, é certo que este informe é resultado de que o continente xirase a súa ollada cara a Galicia e o seu Goberno polas súas boas prácticas? Non.

A presenza de Feijóo ante este organismo consultivo -a súa misión é "votar recomendacións", "propoñer enfoques e orientacións políticas"- débese a unha "cuestión administrativa". Segundo detallan fontes parlamentarias consultadas por Praza, as "cámaras de territorios con competencia lexislativa", caso de Galicia, van "rotando" para acudir ao Comité das Rexións, nun "reparto" no que ademais inflúe o peso dos diferentes grupos políticos, "e aquí o PP ten a maioría". Así as cousas, a Galicia e, polo tanto, á Xunta, "tocoulle" presentar un informe sobre a xestión dos fondos europeos que foi elaborado por técnicos e na que a presenza do presidente só se require no momento da votación final.

A Galicia "tocoulle" defender un informe que só contén recomendacións xerais e ningunha referencia á xestión galega

A outra inexactitude do discurso oficial do Goberno galego refírese ao propio contido do ditame, cuxo texto íntegro acompaña a esta información. O documento, no que a palabra 'Galicia' só figura para referirse ao cargo de Feijóo, inclúe unha serie de recomendacións xerais e non unha descrición do xeito galego de facer as cousas. Así, por exemplo, o informe apela a ter en conta o peso dos gobernos "rexionais" e a importancia da sua xestión na recuperación económica, a mellorar a coordinación entre niveles administrativos ou gaba a "descentralización" na xestión política. Tamén propón incrementar os mecanismos de control ou obter "cofinanciamento privado", así como cartos do Banco Europeo de Investimentos (BEI).

Un comité que aproba "practicamente todo"

Tampouco semella ter especial relevancia o feito de que o informe de Feijóo fose aprobado "por unanimidade" no comité. En declaracións a este diario a representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, explica que "o 99% dos informes do Comité das Rexións, apróbanse". "É un órgano tan administrativo e consultivo, sen ningunha capacidade nin incidencia", que os documentos que trata "reciben o visto e prace" sen maiores problemas, "máis aínda na Comisión de Desenvolvemento Rexional", que abordou esta cuestión concreta e que "dá, practicamente, un si a todo". Cuestión distinta sería se este informe fose aprobado no Parlamento, onde "máis do 40% decaen".

Para o reparto de fondos "non se moveron nada e agora tentan vender fume"

Neste contexto, Miranda tamén dubida de que a presenza de Feijóo en Bruxelas fose un alarde de imaxe para Galicia, especialmente neste momento, "cando hai un procedemento infracción aberto polo saneamento das rías" e mentres a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) lle reclama á Deputación de Ourense a devolución de 10 millóns en axudas por unha presunta fraude. Feijóo, lamenta, "quere aparecer como bo xestor" pero só nun organismo "con valor consultivo", xa que "por tras se ve que non ten ningunha capacidade de decidir", caso por exemplo do reparto de fondos europeos para o novo período orzamentario da Unión. Para a "definición" de criterios de financiamento "non se moveron nada" dende o Goberno galego pero agora, conclúe, tentan "vender fume".

Feijóo, no Comité das Rexións © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.