Industria gasta 4.800 euros ao día en mercar novas na prensa

Francisco Conde, conselleiro de Industria © Conchi Paz

Segue a chuvia fina, pero con máis intensidade segundo os departamentos. Dentro da dinámica ordinaria de reparto discrecional aos medios de comunicación, instaurada polos gobernos de Fraga e continuada polo bipartito e polo actual Goberno, a Consellería de Economía e Industria destaca pola súa xenerosidade. As obrigas derivadas da Lei de Transparencia do ano 2006 permite que, cando menos, parte destes acordos entre a Xunta e as empresas editoras teñan que ser públicos por teren a forma xurídica do convenio. Isto permite saber, por exemplo, que durante catro meses Industria repartiu o equivalente a uns 4.800 euros ao día entre cinco compañías, responsables doutros tantos diarios impresos.

Esta nada desprezable cantidade é o resultado da sinatura de cinco convenios ao longo do segundo cuadrimestre do ano, todos con idéntica finalidade: a "difusión de contidos de interese para a sociedade galega sobre actuacións relacionadas co ámbito competencial da consellería". Isto quere dicir que, unha vez máis, un departamento autonómico merca espazos nos xornais para incluír neles novas orientadas pola liña gobernamental pero que son presentadas como pezas xornalísticas, isto é, como información.

O reparto de convenios ascende a 600.000 euros para cinco empresas editoras de xornais impresos

Desta volta o reparto total de convenios ascende a 600.000 euros e nel as cabeceiras máis beneficiadas son La Voz de Galicia e Faro de Vigo, con cadanseus 150.000 euros. Os restantes 300.000 euros repártense en porcións iguais con senllos convenios para El Progreso, La Región e a Editorial Compostela, editora de El Correo Gallego. En varios destes casos as achegas de Economía e Industria coinciden no tempo coa aplicación de axustes laborais e mesmo despedimentos nos cadros de persoal das empresas beneficiarias.

Este xeito de repartir os cartos entre a prensa é frecuentemente criticado por colectivos profesionais de xornalistas, que reclaman que os subsidios estean vinculados, por exemplo, á estabilidade do emprego, á loita contra a precariedade laboral ou ao uso da lingua galega, ademais de esixir que non estean ligados aos contidos informativos. A actual lexislatura é a terceira consecutiva que comeza coa promesa de elaboración dunha lei de publicidade institucional que regule e faga transparente a relación entre Xunta e medios. Tanto PSdeG e BNG, durante o seu mandato, como Feijóo entre 2009 e 2012 incumpriron o prometido. Hai poucos días o presidente reiteraba o anuncio da devandita lei durante o debate de política xeral.

Francisco Conde, conselleiro de Industria © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.