Rajoy lánzalle un flotador electoral a Feijóo nas contas do gran recorte

Feijóo (ao fondo, á dereita), no Comité Executivo do PP, este luns en Madrid © PP

Ano 2012. O Goberno de España presenta as contas públicas máis restritivas da súa historia recente. Co alento de Alemaña e da Comisión Europea na caluga, o gabinete de Mariano Rajoy recorta 27.000 millóns de euros, tamén no gasto social, e rebaixa as a súa asignación a todas as comunidades autónomas. A todas? A todas, non. Hai dúas autonomías nas que o PP gobernante terá que pasar unha proba electoral, previsiblemente en poucos meses, antes de aplicar a segunda vaga de recortes. Nunha delas, Euskadi, a participación, agora si, de todos os actores políticos réstalles posibilidades aos populares e, polo tanto, valor como diagnose ante a crise. Noutra, comprobarase ata que punto o estrito aforro pasa factura, será o punto de inflexión para saber se o ciclo alcista dos conservadores remata onde comezou en 2009.

É posible que este relato de acontecementos fose o formulado no Goberno central á hora de elaborar as primeiras contas públicas do novo Executivo central. Do documento emanado do Ministerio de Facenda e, máis concretamente, da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos, que dirixe a ex conselleira Marta Fernández Currás, pódense tirar conclusións que lle permiten ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo presentarlle á opinión pública conclusións favorables para os seus intereses. Galicia recibirá 1.706,15 millóns estatais en 2012, o que supoń que, lonxe de perder peso relativo gáñao, pasando do 9,3% en 2011 ao 13,4% en 2012. Ademais, en termos absolutos, o Goberno galego será o segundo que máis investimentos reciba, só superado por Andalucia, e a achega incrementa un 9% a última do equipo de José Luis Rodríguez Zapatero. 

Galicia e Euskadi, que votarán en menos dun ano, son as únicas autonomías nas que se incrementa o investimento real do Estado

O factor determinante nestes números non é menor para a carreira cara ás urnas á que Feijóo lle podería dar o sinal de saída neste mesmo ano. Nunha época de vacas fracas na que vender obras novas á cidadanía semella ciencia ficción o Ministerio de Fomento, que dirixe Ana Pastor, dálle artillería electoral ao PPdeG en forma de euros. Non en van, dos 1.706 millóns asignados, 1.174 irán parar ao AVE galego -862,4 millóns para a conexión con Madrid e 312,5 para o Eixo Atlántico-, único gran proxecto do Goberno central en Galicia. Dado o magro balance que a Xunta pode presentar para o resto de consellerías, -restando as asignacións para Medio Rural, o resto de departamentos repartiranse 43,13 millóns- non semella casual que o primeiro encargado de avaliar as contas do Estado dende San Caetano fose o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández.

Centrar o foco no AVE fronte ao duro recorte social

Convertido nas últimas semanas en portavoz oficioso do Goberno -el levou o peso ante os medios da accidentada comunicación do lume das Fragas do Eume-, Hernández desfíxose en "agradecementos" polo lugar que ocupa Galicia nos Orzaemntos, nos que considera o recorte de case un 17% no conxunto de ministerios como "absolutamente xustificado". "As cifras reflicten un compromiso que demostra que o AVE a Galicia é un compromiso irrenunciable do Goberno de España", asegura Hernández que, a continuación, bota man dunha estratexia que en boa medida semella destinada a desactivar as posibles críticas do PSdeG. No canto de citar á súa compañeira de partido o conselleiro argumenta que o investimento no tren rápido é suficiente "lembrando as verbas do anterior responsable" de Fomento, José Blanco, "que dixo que o compromiso do presidente Rajoy" co AVE "quedaría reflectido no caso de que posicionase unha media de 650 millóns ao ano para garantir o remate en prazo". "Aparecen substancialmente moito máis", "temos que agradecer este esforzo", reitera.

Resta saber se o PPdeG logrará situar o foco nas obras nun momento no que a tesoirada social centra a preocupación cidadá

O investimento ferroviario xunto a obras de menor contía pero con importante repercusión mediática e social coma o remate da autovía do Cantábrico -que o anterior Goberno xa deixara encarreirado-, será o gran argumento que os populares galegos empreguen para tentar contrarrestar o resto de recortes que si afectarán a Galicia como ao resto do Estado, especialmente no ámbito social. Así, resta saber se o PPdeG logrará situar o foco nas obras nun momento no que cuestións como a amnistía fiscal e, sobre todo, as profundas tesoiradas sanitarias, educativas e na dependencia centran a preocupación e fan medrar a contrariedade da cidadanía. Desta conxunción de factores dependerá, en boa medida, a decisión de Feijóo sobre o momento de disolver o Parlamento e convocar comicios.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.