Feijóo amosa "decepción" pola sentenza do Prestige pero defende a López-Sors

Núñez Feijóo, tras o Consello da Xunta © Ana Varela

Feijóo critica a sentenza pero non pola ausencia de responsabilidades na xestión levada a cabo polo Goberno na catástrofe do Prestige. O presidente da Xunta admitiu a "decepción" do Executivo galego polo feito de que "ninguén" se faga cargo "dos gastos" ocasionados pola marea negra porque "a Galicia interésalle quen paga" e di compartir o desacougo "coa maioría da sociedade galega". "Nin a clasificadora, nin a aseguradora, nin o armador do petroleiro van pagar por permitir que unha chatarra flotante" navegase polas costas galegas "cunha substancia tóxica", dixo. No entanto, aclarou non compartir a mesma "decepción" que "outros partidos políticos" que, segundo di, lamentan a "absolución" de cargos políticos.

Feijóo di compartir a "decepción" da maioría da sociedade galega, pero non dos partidos políticos que lamentan a "absolución" dos cargos políticos

Para Núñez Feijóo, o sufrido polo ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, foi "un linchamento político inxusto" e asegura que as responsabilidades poíticas xa foron xulgadas nas sucesivas eleccións municipais, autonómicas e xerais celebradas en Galicia. Xa que logo, critica o aspecto económico da sentenza, pero comparte a ausencia de responsabilidades para os cargos públicos que daquela xestionaron a catástrofe.

A Xunta estuda agora se cabe recurso de casación, para o que ten un prazo de cinco días

Ademais, o presidente da Xunta advertiu que estuda agora se cabe recurso de casación contra a sentenza absolutoria, para o que o Goberno galego ten un prazo de cinco días. Ao tempo, remarcou que a vía civil permanece aberta. A plataforma Nunca Máis tamén ten previsto recorrer o ditame xudicial, aínda que non o confirmou aínda, algo que si fixo a asociación ecoloxista Arco Iris, unha das acusadoras no xuízo, nunha decisión que poderían tomar outros colectivos, incluídos afectados de Francia.

Por outra banda, José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, dixo "non compartir" o resultado da sentenza do Prestige e destacou a "percepción de inxustiza" que se instalou na sociedade galega. AGE, ademais, reclamoulle á Xunta que recorra o "lamentable" ditame xudicial, mentres que o BNG censurou a resolución "bananeira" e o "naufraxio da Xustiza", logo de volver solicitar as competencias marítimas para Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.