Cando Feijóo esixía que a Xunta pedise "liberdade" en Cuba

Feijóo, en La Habana co actual vicepresidente de Cuba © Xunta

O 7 de decembro de 2007 o titular da Presidencia da Xunta tamén estaba de viaxe oficial en Cuba. O socialista Emilio Pérez Touriño acudirá á illa caribeña co obxectivo principal de asistir á conmemoración do centenario do himno galego e tamén para manter encontros con diversos mandatarios do Goberno cubano. O daquela vicepresidente de Cuba, José Ramón Fernández, representantes empresariais e da colectividade galega estiveron incluídos na axenda do presidente galego. Ao regresar daquel periplo, que tamén o levara a México, Touriño recibiu unha reprimenda no Parlamento por parte do líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, que xusto seis anos despois realiza unha viaxe a Cuba cunha axenda semellante á do seu predecesor.

Como acontecía cada vez que viaxaba ao estranxeiro, Touriño compareceu o 18 de decembro ante o lexislativo para "informar sobre o contido e balance" da viaxe, un costume que desapareceu dos usos presidenciais tras o retorno do PP ao poder. Tras días de críticas procedentes do PP galego -que o acusaba de viaxar para "poñer terra de por medio" co BNG- e da prensa madrileña máis escorada á dereita, Touriño explicaba ante a Cámara que lles expresara "aos mandatarios cubanos que Galicia respecta a autonomía do pobo cubano e das súas institucións para atopar o seu camiño á democracia, as súas propias vías de evolución e futuro". "Nós -aseveraba- colaboraremos en todo o que poidamos nesa tarefa".

Na súa quenda de palabra Feijóo considerou, en liñas xerais, que a decisión de realizar esta viaxe fora boa, porque implicaba seguir "a senda marcada polo anterior presidente da Xunta", Manuel Fraga. "É bo que se siga coa cooperación en Cuba, como empezamos nos anteriores gobernos", sinalou, ao tempo que considerou "importantes" os "encontros coa colectividade galega en Cuba", cuxa "situación persoal" era "moi delicada". "O salario medio dun galego en Cuba son dez euros ao mes, iso é moi delicado". Pero había algo que o substituto de Fraga "botara en falta" na viaxe de Touriño.

"Botamos en falta un pouco máis de valentía e determinación, señor Touriño", espetoulle. Para o líder da dereita non era "incompatible o respecto ás institucións cubanas" cun "xesto máis concreto co pobo cubano apoiando as súas ansias de democracia e de liberdad". "Non é incompatible manter e profundar nas relacións coas autoridades cubanas cun posicionamento claro en favor da liberdade, da democracia e dos dereitos humanos en cuba", sinalou o actual presidente. Dado que "iso non é incompatible", reprochoulle a Touriño a súa "falta" de "valentía e determinación".

O programa da visita de 2013

Feijóo reprochoulle a Touriño que non alentase as "ansias de liberdade" na illa e achacoulle "falta" de "valentía e determinación"

A posición mantida polos populares a respecto de Cuba durante a lexislatura do bipartito contrasta coa actitude da comitiva gobernamental que estes días visita a illa. Como acontecera con Touriño, a chegada de Feijóo ocupou un lugar destacado no xornal Granma, órgano oficial do Partido Comunista Cubano. Do mesmo xeito, a Agencia Cubana de Noticias tamén salienta a viaxe do presidente galego. As notas oficiais que chegan de Cuba dan conta dunha axenda ateigada de actos institucionais e protocolarios tanto no ámbito político como no económico e cultural, nos que non figura por ningures a belixerancia que Feijóo reclamou dende a oposición.

Así, no día en que Feijóo partiu cara á illa a propia Xunta informou de que o presidente ía desenvolver "unha axenda intensa e cargada de actos económicos e de encontros centrados na colectividade, na que tamén atenderá os posibles requirimentos que poidan xurdir por parte das autoridades cubanas". Ao pisar chan cubano Feijóo expresou o seu "desexo" de que "os cubanos saiban que España en xeral e Galicia en particular están pendentes dos desafíos que os novos tempos lle plantexan a Cuba". "Alá obsérvase con avidez o acontecer cubano e tense unha confianza plena no seu pobo", afirmou, nun discurso no que asegurou desexar que a Cuba a agarde un futuro "que non é sombrío, senón venturoso".

O presidente, como fixera Touriño, está a manter numerosas xuntanzas con autoridades cubanas

O vicepresidente do Goberno de Raúl Castro, o ministro de Cultura ou representantes do ámbito do comercio foron algunhas das autoridades que xa mantiveron xuntanzas con Feijóo, que tamén asistiu ao acto de fusión de varias entidades galegas, á presentación de dous libros e a un concerto de Milladoiro. Parte da prensa máis escorada á dereita censura agora a Feijóo como en 2007 fixera con Fraga para recoller, aseguran, o sentir dunha facción do PP. Pero, publicamente, as esixencias da oposición desapareceron no Goberno.

Feijóo, en La Habana co actual vicepresidente de Cuba © Xunta
Touriño, co vicepresidente de Cuba en decembro de 2007 © Xunta
A visita de Feijóo, na portada do Granma © Granma

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.