A Xunta gasta 44.000 euros en organizar un torneo de golf por todo o Estado

Campo de golf promocionado pola Xunta © Turgalicia

"O golf é saúde, actividade deportiva e aeróbica, que no caso de Galicia se materializa en campos totalmente integrados na natureza e na paisaxe pura e verde característica da nosa comunidade". "A este factor engadímoslle o da oferta do termalismo, que é saúde, benestar, relax e coidado do corpo". "E complementámolo coa excelente gastronomía, que significa pracer, desfrute e actividade social entre amigos". Deste literario xeito xustifica a empresa pública Turgalicia a organización dun torneo de golf con fondos públicos cuxo escenario non será unicamente Galicia, senón un mínimo de cinco comunidades autónomas. A sociedade dependente da secretaría xeral para o Turismo e, por extensión, directamente do presidente da Xunta, tramita dende o pasado día 4 a contratación do "deseño, organización e execución do circuíto de golf sénior Turismo de Galicia", un evento que terá nas estreitas arcas públicas un impacto de 44.000 euros.

Segundo o prego de condicións que Turgalicia dirixe ás empresas interesadas en organizar o evento "hai que traballar, reorganizar e elaborar" a "tríada" que conforman "golf, termalismo e gastronomía" para "posicionar a Galicia como o destino ideal para o xogador de golf sénior", isto é, homes de máis de 50 anos e mulleres de máis de 55. Trátase, explica o documento, de afianzar "tres piares": a oferta termal como "símil de saúde e benestar", a gastronómica como "simil do bo vivir" e o golf, "símil do pracer de gozar do ocio, do deporte e da natureza". Con todos estes obxectivos a Xunta organiza "un circuíto de golf clasificatorio en diferentes áreas de España" que rematará cun "evento significativo" en Galicia, nomeadamente, no campo de golf dun hotel balneario de Pantón, preto de Monforte.

O circuíto celebrarase nun mínimo de cinco autonomías co obxectivo de "traballar a tríada de golf, termalismo e gastronomía"

O circuíto sufragado por Turgalicia "contará cunha participación mínima real de 100 xogadores" en cada proba, a desenvolver "en diferentes campos de golf". Concretamente, o circuíto pasará por Madrid, Castela e León, Asturias, Cantabria e Navarra. "No caso de proposta de probas adicionais", terían que desprazarse, "por esta orde", a Euskadi, Catalunya e a Comunidade Valenciana. En cada proba os participantes terán constancia de que quen sufraga o evento é o ente turístico galego. Así, por exemplo, o primeiro clasificado gañará unha bolsa de viaxe de Turgalicia e "o pase á gran final" de Pantón "con acompañante" e o segundo, unha "estancia de dúas noites para dúas persoas" nun hotel de catro estrelas. Ademais, os participantes terán acceso a, polo menos, "unha bebida non alcólica, un bocadillo e unha peza de froita" na "metade do percorrido" de xogo e xogarán con bólas "personalizadas coa marca Galicia". "Antes ou despois de cada proba", engade o prego, "ofrecerase un viño galego aos participantes" que incluirá "unha selección de conservas de alta gama exclusivamente galegas", doces como "torta de Santiago, cañas e filloas" e licores con denominación de orixe galega.

Todas estas atencións culminarán co gran evento de Pantón, entre o 10 e o 13 de setembro. Alí as competicións golfísticas complementaranse cunha visita a unha adega "asociada á Ruta do Viño da Ribeira Sacra", unha cea na propia adega "ou restaurante próximo", unha excursión pola comarca e, por suposto, o aloxamento no hotel que acolle a proba. Todo isto será convenientemente comunicado nos medios pola empresa adxudicataria do contrato con anuncios sufragados tamén a partir deses 44.000 euros.

Críticas do PSdeG no Parlamento

Este peculiar gasto público poñíao sobre a mesa o voceiro do PSdeG en materia institucional, José Manuel Lage Tuñas, durante un debate no Parlamento. Lage Tuñas, escandalizado coa operación, ve neste gasto o reflexo da "hipocrisía" do PP e os recortes públicos. "Cren que lles poden dicir aos empregados públicos, ao persoal sanitario, ás persoas que traballan na dependencia" que deben asumir "sacrificios" cando "vostedes se dedican a promocionar circuítos de golf?", pregunta o parlamentario. "Vostedes, que poñen nun documento público que os fondos da Xunta deben servir de ponte entre a industria do golf e a industria turística local veñen aquí propoñer unha lei de recortes, cando se está a consumar o desbalde, ou como se lle chama a isto?", cuestiona.

Lage Tuñas: "Dedícanse a pagar circuítos de golf mentres recortan persoal sanitario e profesores nas aulas"

"Sigamos recortando na Administración e vostedes dedíquense a seguir subvencionando o golf", di Lage Tuñas, quen reprocha que "Juan Pueblo" pague ata "o pack de tres bólas personalizadas coa marca Galicia" mentres "se recortan profesores nas aulas". "Vostedes, tan tranquilos", censurou aos deputados do PP. Neste contexto ao deputado do PSdeG "vénlle á cabeza o Divino sainete de Curros Enríquez, "cando, a piques de chegar a Roma, o poeta Francisco Añón lle di a Curros qe lle dá temores que han ir ao ceo con tal fato de pecadores". "Se son perdoados, teña Dios misericordia dos pobres, que son honrados", lembra Lage que respondeu Curros. "E a honradez tamén é intelectual, de pensamento e de acción", conclúe.

Campo de golf promocionado pola Xunta © Turgalicia
Lage (dereita), co voceiro do PSdeG, Abel Losada CC-BY-NC-SA PsdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.