O PP de Betanzos tentou despedir o avogado que defende o Concello na causa contra a súa voceira

Faraldo, nunha imaxe de arquivo © Goberno de España

O nome de María Faraldo levaba case oito anos sen ocupar titulares alén da vida política local de Betanzos. Dende que, como secretaria de organización do PP da Coruña, tentou boicotear o dispositivo contra incendios da Xunta do bipartito a súa figura non transcendera do ámbito municipal. Volveuno facer hai escasos días, cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidiu procesala por presuntos delitos de prevaricación e falsidade relativos á contratación dun profesor do conservatorio da vila sen, supostamente, ter marxe legal para facelo. Este procesamento prodúcese dous anos despois de que o PP municipal tentase que o Concello betanceiro, actualmente dirixido polo PSdeG, prescindise do avogado que representa a institución municipal nesta causa.

Os conservadores realizaron esta tentativa a través dunha moción, defendida no pleno municipal en xullo de 2012 pola propia Faraldo co aforro como argumento fundamental. Tratábase, explicou Faraldo ante o pleno de "instar o alcalde", o socialista Ramón García, a "revogar a contratación dun avogado externo para defender os intereses do concello" e que ese labor "sexa levado a cabo polo asesor xurídico do Concello", de tal xeito que "os 8.000 euros que vai custar sexan destinados para outro fin". 

Faraldo alegou motivos económicos para instar o Goberno local a "revogar a contratación" do avogado

A moción, que tamén tivo o apoio do voceiro de Cidadáns por Betanzos, foi rexeitada tanto polo grupo do Goberno como polo BNG. "Trata de ocultarse por tras dunha demagoxia económica", reprochoulle a Faraldo o voceiro socialista, que argumentou a contratación dun avogado externo no feito de que o propio asesor xurídico municipal explicara nun informe que as cuestións penais "non son a súa especialidade". "É unha escusa de mal pagador", acrecentou, máis aínda porque Faraldo, na súa etapa na Alcaldía, "encargou un informe externo de máis de 2.000 euros polo mesmo asunto nunha asesoría".

O asesor xurídico municipal reclamou non levar o caso por "non estar especializado no eido penal"

"O asesor xurídico admite que non é especializado no eido penal" pero "non dubidamos da súa capacidade", agregou o propio alcalde. "A proba está en que foi nomeado" para levar o caso, pero "el, posteriormente, nos fai chegar da posible incompatibilidade na que podería incorrer neste asunto", toda vez que redactou informes ao respecto "nos que fala de ilícitos penais" e "o poden chamar como testemuño", iso "sabémolo todos". Na mesma liña, o BNG local amosouse convencido de que "o debate de fondo non é o aforro", senón que Faraldo buscaba "que unha persoa que non está especializada neste tipo de causas asuma a defensa do concello para facilitarlle a defensa", isto é, "por comenencia".

Pero para a ex alcaldesa os motivos son outros. O asesor xurídico municipal é "suficientemente competente", di, porque xa "defendeu os intereses do Concello" en casos nos que "se xogaba indemnizacións millonarias". Nesa altura Faraldo consideraba que a causa pola que agora está procesada "é un asunto que queima, e hai determinadas persoas que se queren queimar con el e outras, que non". "Aí está o quid da cuestión", aseguraba, ao tempo que lle reprochaba ao alcalde que "dese por sentado" que a súa moción ía ser rexeitada. "Paréceme dun depotismo tremendo", reprochou. Finalmente, os votos de socialistas e nacionalistas impediron que o avogado fose despedido.

Faraldo, nunha imaxe de arquivo © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.