0 Gardados para despois

A Xunta aposta por certificados bilingües para que o Estado non os rexeite por estar en galego

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado decembro saltaba á luz que, cando menos, unha ducia de estudantes de universidades galegas estaban a ver rexeitadas as súas solicitudes de bolsas predoutorais do Ministerio de Economía. A causa non eran as súas cualificacións académicas, nin sequera os recortes, senón que o seu certificado de estudos estaba redactado en galego. A estes casos sumábanse arredor dunha trintena máis que achegaran os seus documentos en catalán ou euskera. A razón argumentada polo departamento de Luis de Guindos fora que "o certificado de estudos", imprescindible para esta convocatoria, "non está redactado en español ou inglés". O caso prendeu as alarmas nos colectivos de defensa do idioma, que rapidamente instaron a Xunta a abordar o asunto. O Goberno galego ofrece agora unha rechamante solución.

Despois de instar o Ministerio a aceptar estes documentos na lingua propia de Galicia e de ofrecerse, paralelalmente, a traducilos, a Consellería de Educación formula alternativas para que este contencioso non volva suceder. E non pasan por que o Goberno de España tramite con normalidade documentos escritos en idiomas oficiais diferentes do español. Nunha resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo voceiro de lingua do PSdeG, Francisco Caamaño, a Consellería de Educación explica que, "en coherencia coa aposta da Xunta polo plurilingüismo, avogamos por unha reflexión para considerar, tanto por parte dos organismos emisores [as universidades] como dos receptores, a posibilidade de que este tipo de documentación sexa bilingüe, igual que xa o son, por exemplo, os títulos ou documentos de identificación".

A Xunta pediu que os certificados se aceptasen pero propón que vaian tamén en castelán para que non volvan ser rexeitados

Na mesma resposta o Goberno lembra que coñeceu estes casos "a través dos medios de comunicación" e, "ante a noticia, a Conselleŕia trasladou formalmente" a "solicitude de información e que se admitisen a certificación académica e demais documentación en galego, xa que se trata dunha lingua cooficial do Estado español" e mesmo puxo á disposición da institución estatal "os servizos de tradución da Secretaría Xeral de Política Lingüística". "Un trámite administrativo non debe converterse en motivo de desputa e debe prevalecer o respecto aos nosos falantes e a razoable cooperación institucional, así como a correcta resolución das convocatorias", evidencia, antes de avogar que de agora en diante os documentos non se redacten só en galego.

Para o PSdeG esta é unha mostra de "absoluto desprezo" ao galego

Pola súa banda, os socialistas consideran que o sucedido é "un feito verdadeiramente lamentable", que "pon de manifesto as consecuencias máis nefastas das políticas de marxinación e desprezo que os gobernos do PP están a despregar en contra das linguas oficiais distintas do castelán". O feito de que o Ministerio considerase "un erro" unha soliciutde en galego, "ademais de dicir ben pouco sobre a idea de serivzo público, comporta un xesto de absoluto desprezo ao galego", din, advertindo ademais de que, "coa lexislación na man, é evidente que a certificación é plenamente válida" e "se a Administración central tivese algún problema de comprensión", tería que "dirixirse á entidade certificadora, neste caso a USC, para solicitar unha tradución". O Goberno central "exclúe as entidades diferentes no interior de España" mentres, paralelamente, acepta os mesmos certificados en inglés que, "evidentemente, non teñen a condición de linguas oficiais" no Estado español.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.