A Xunta ocúltalle ao Parlamento canto gastou na Vuelta a España 2013

Feijóo, con Mosquera na recepción ao Xacobeo Galicia, a comezos de 2010 © Ana Varela

O 15 de febreiro de 2010 Alberto Núñez Feijóo levaba menos dun ano na Presidencia da Xunta e recibía na Praza do Obradoiro de Compostela ao equipo ciclista Xacobeo Galicia, que no outono dese mesmo ano ateigou os titulares da prensa grazas á fazaña de Ezequiel Mosquera na Bola del Mundo, que o impulsou ao segundo posto da Vuelta Ciclista a España, na que o conxunto galego ficou terceiro na clasificación por equipos. Poucos meses despois o Goberno galego certificaba a defunción do equipo amparándose en motivos económicos. "Na Xunta non nos tiñan cariño", resumiu o propio Mosquera nunha entrevista con Praza en 2012, na que lembrou que "o que faltaba para que o equipo seguise era un millón de euros". Daquela o gabinete de Feijóo xa estaba metido de cheo na aposta pola rolda ciclista española pero non situando nela un equipo do país, senón facendo que celebrase varias tiradas en territorio galego cunha achega económica que se segue resistindo a revelar.

Cun perfil máis turístico que deportivo, esta aposta levou a que en 2013 a Vuelta saíse dende Vilanova de Arousa, cunha implicación económica directa da Deputación de Pontevedra. Para Feijóo aquel evento foi unha "inmensa satisfacción", porque a rolda ciclista se iniciaba nun "elemento idiosincrático da nosa iconografía como pobo". "A aposta da nosa comunidade pola Volta é máis forte ca nunca", explicou o presidente. Mentres a Xunta xa se prepara para acoller a edición 2014 da carreira, que transitará por Galicia durante cinco xornadas e rematará en Compostela, a oposición parlamentaria lémbralle que aínda non sabe o "custe económico" que tivo a anterior. O último grupo que tentou obter datos foi o PSdeG, que instou a Turismo a dar uns datos que, din, son especialmente relevantes "nesta situación de crise económica que estamos a vivir".

O Xacobeo Galicia podería continuar cun millón de euros, lembraba Ezequiel Mosquera en 2012

Neste contexto, os socialistas resumen o que queren coñecer en cinco preguntas: "canto lle gustou ao Goberno galego a participación de Galicia na Volta a España?", "Que gastos tivo para o Goberno galego, tanto na etapa inicial como no resto das etapas?", "que vantaxes económicas supuxo para Galicia e como se poden cuantificar?", "cando pensa o Goberno que poder recuperar o empregado na organización deste evento?, "coñece o Goberno o custe que tivo para os concellos o paso dunha etapa por unha  localidade?". A Axencia de Turismo vén de formular unha resposta de dúas páxinas nas que non figura unha soa cifra económica.

Turismo obvia que gastou 165.000 euros no anuncio da carreira

Na súa resposta, na que identifica os deputados socialistas como membros do "grupo parlamentario do BNG", a Xunta explica que a Vuelta é "un evento deportivo do máximo nivel no que se conxuga o deporte coa promoción turística" e, na súa edición de 2013, "foi o mellor escaparate deportivo, cultural e económico de Galicia" grazas ás "retransmisións deportivas que encheron as pantallas de varios países do mundo". "A saída en Vilanova de Arousa dende unha batea" foi, segundo o Goberno, "un gran acontecemento tanto para a Volta como para Galicia, ao combinarse a actividade deportiva coa orixinalidade e expectación desa posta en escena na contrarreloxo por equipos". "Esta batea integrou a esencia de Galicia polo mar, a cultura mariñeira e a boa comida", abondan, xusto antes de ofrecer o único dato concreto: nos días que a Vuelta estivo en Galicia a ocupación en "hoteis, pensións, casas de turismo rural, apartamentos turísticos e campings" aumentou un 6,5%.

Turismo adxudicoulle a realización do anuncio a Unipublic, empresa que organiza a Vuelta

Entre as bondades da Vuelta que Turismo glosa na súa resposta está non só a celebración da propia carreira, senón tamén de eventos paralelos como unha marcha cicloturista en lembranza das vítimas de Angrois, a presentación do evento ou "o spot promocional da propia Volta, cun carácter plenamente galego grazas ás imaxes integradas e á música de Carlos Núñez". Tampouco neste punto hai referencia económica ningunha, aínda que foi a propia Axencia de Turismo a que pagou o anuncio. Este pagamento produciuse a través dun contrato de "servizo de promoción do turismo galego en xeral a través do patrocinio da Vuelta Ciclita a España 2013", servizo que consistúa na realización do "spot promocional da Vuelta en TVE". A empresa adxudicataria da contratación foi Unipublic, isto é, a propietaria e organizadora da Vuelta, que o 22 de abril de 2013 asumiu o encargo por 165.289,26 euros.

Feijóo, na saída da Vuelta 2013 © Ana Varela
A directora de Turismo e edís de Santiago, na presentación da Vuelta 2014 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.