O órgano do Estado encargado das linguas cooficiais leva dous anos sen reunirse

Xuntanza constitutiva do Consello, en xaneiro de 2008 © Goberno de España

"Análise, impulso e coordinación da política da Administración xeral do Estado en relación co uso das linguas oficiais das comunidades autónomas". Son as funcións coas que, en virtude do Real Decreto 905/2007, foi creado o Consello das Linguas Oficiais, un órgano interministerial que o Goberno de España, daquela iniciando a segunda lexislatura de José Luis Rodríguez Zapatero como presidente, enmarcaba no seu "obxectivo de procurar unha mellor atención aos dereitos lingüísticos dos cidadáns". Pero semella que a voa vontade inicial foi diluída en pouco tempo e, mentres a crise económica ía fagocitando o conxunto da acción gobernamental, o Consello e a Oficina de Linguas Oficiais que del depende foi levado ao cuarto dos obxectos sen uso, ata o punto de que o vindeiro mes de xullo este organismo cumprirá dous anos sen ter un só encontro. 

A tradución de impresos e documentación oficial e a formación do funcionariado centrou os primeiros pasos do Consello

A primeira reunión deste ente, formado por representante da práctica totalidade dos ministerios, celebrouse en Madrid o 28 de xaneiro de 2010. Baixo a presidencia do daquela Secretario de Estado de Cooperación Territorial, Fernando Puig, o Consello "reafirmaba" o "compromiso do Goberno de profundar no respecto e potenciación dos dereitos lingüísticos" e avanzaba as primeiras medidas que supervisaría e potenciaría: un sistema de tradución automática de documentos do Ministerio de Xustiza, a tradución a todas as linguas oficiais do Estado de diversos tratados da Unión Europea e a axilización da versión catalá do Boletín Oficial do Estado. Do mesmo xeito, o primeiro encontro servía para crear formalmente a Oficina de Linguas, que tivo como "primeira tarefa" realizar unha diagnose sobre o "cumprimento da normativa vixente" en materia lingüística nas autonomías con idioma propio. Revisaríase a dispoñibilidade de impresos oficiais, rótulos, sinalizacións viarias e mesmo carteis publicitarios oficiais. Ademais, examinaríase a "capacitación do persoal para atender o dereito dos cidadáns a comunicarse cos órganos estatais radicados na súa comunidade na lingua autonómica respectiva", informaba daquela o Goberno.

Con este nada desprezable volume de traballo baixo o brazo o Consello rematou a xuntanza de xaneiro de 2008 e os seus membros tardarían máis dun ano en volverse sentar á mesma mesa. Fixérono o 23 de xuño de 2009, cunha crise de Goberno polo medio que situou á fronte de Cooperación Territorial a Gaspar Zarrías. Nesa xornada o Consello analizou un informe sobre o cumprimento das tarefas acordadas en 2008. Del "desprendíase un diagnóstico de melloras e avances significativos sobre o uso das linguas oficiais na Administración Xeral do Estado". Concretamente, especificaba o Ministerio de Política Territorial, destacaban os avances na "capacitación lingüística dos empregados", na dispoñibilidade de impresos, na edición de rótulos e sinalizacións e nas páxinas web oficiais. O 31 de decembro dese mesmo ano todos os ministerios debían ter "o maior número posible de contidos en todas as linguas oficiais", explicaban. No capítulo de acordos esa reunión incluíu ampliar aínda máis a oferta formativa para o funcionariado, culminar as traducións das webs e impresos e elaborar un novo informe.

Na súa última xuntanza, no verán de 2010, acordouse avanzar no cumprimento da Carta Europea das Linguas

Pasou outro ano. O 6 de xullo de 2010 Zarrías volvía presidir o Consello. De novo cunha avaliación positiva examinou os avances sobre rotulación, impresos e webs e, como novidade, analizou oito queixas recibidas polo organismo durante 2009. Atendendo á referencia feita pública naquela xornada o capítulo máis amplo da reunión foi a aplicación de recomendacións para o futuro. Entre outras, figuraba a necesidade de determinar nas ofertas públicas de emprego "os postos que esixan coñecemento da lingua cooficial", "dar formación intensiva ao persoal en postos que vaian esixir" estes coñecementos, desenvolver "proxectos específicos de formación en ministerios e orgnaismos con relevante dotación de persoal en comunidades con lingua oficial" ou fomentar esta formación a través de Internet. Ademais, completaríanse as traducións das sedes electrónicas dos ministerios e "institucionalizaríanse as relacións de colaboración" coas autonomías "para lograr o pleno cumprimento dos acordos entre España e a UE" neste ámbito, a comezar pola Carta Europea das Linguas. Isto sería tratado nunhas "xorandas de traballo coas comunidades autónomas sobre o uso das linguas cooficiais".

Con todos estes deberes por diante deuse por concluída a reunión e o Gobenro de Zapatero entrou no que sería o seu derradeiro ano. Coas turbulencias financeiras zarandeando as institucións do Estado convocáronse eleccións anticipadas, celebráronse e constituíuse o novo Executivo do PP. O Consello das Linguas Oficiais está a piques de cumprir dous anos sen reunirse despois de tan só tres xuntanzas e, por exemplo, nas novas webs creadas dende institucións estatais, como o portal para consultar a Lei de Transparencia, a castelá é a única versión dispoñible.

Xuntanza constitutiva do Consello, en xaneiro de 2008 © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.