Feijóo deslígase do ascenso 'a dedo' do marido da conselleira de Sanidade

Feijóo e Mosquera, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

Alfredo Suárez Canal, José Luis Méndez Romeu, María José Caride, Ánxela Bugallo, Pachi Vázquez, Anxo Quintana, Emilio Pérez Touriño... Entre 2005 e 2009 o PP esixiu a dimisión de practicamente todos os membros do Goberno galego. Os incendios, erros en oposicións, obras públicas, viaxes, listas de espera, o paro... a lista de motivos que levaban a oposición dirixida por Alberto Núñez Feijóo para reclamar recambios era practicamente inesgotable. Como adoito, este criterio restrinxiuse notablemente no momento de chegar ao poder e o propio Feijóo vén de amosalo novamente a causa do ascenso fraudulento do marido da conselleira de Sanidade no Hospital Clínico de Santiago (CHUS) cando Rocío Mosquera exercía como xerente do Servizo Galego de Saúde.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de revogar o nomeamento do cónxuxe de Mosquera, Manuel Bustamante, como xefe de servizo de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo do Clínico compostelán. Faino a instancias doutro dos doutores que optaban ao posto, Miguel Caínzos e ditamínao nunha durísima sentenza na que ve clara a existencia de "desviación de poder". Para o TSXG existiu unha "falta de motivación clamorosa" nunha das fases do proceso de selección, a "valoración do proxecto técnico", baseada nun baremo "altamente cuestionable", un "cheque en branco" que deixou a porta aberta "á arbitrariedade" no nomeamento final.

O tribunal ve "clamorosa" a "falta de motivación" na designación do posto, baseada nun baremo "arbitrario" que era "un cheque en branco"

Segundo a sentenza, os membros da comisión avaliadora -nomeados pola xerente do hospital, designada á súa vez por Mosquera- baseou a súa decisión nunha "motivación baleira", un "xogo de adiviñas" que pasa por riba das súas obrigas de "igualdade, obxectividade e motivación". Así, por exemplo os maxistrados detallan que "o proxécto técnico do doutor Caínzos inclúe bibliografía, comparación con hospitais e un amplo anexo de datos numéricos", mentres que o achegado polo marido da actual conselleira "carece de bibliografía" e de "comparación con hospitais", ademais de conter un "exiguo anexo de datos" e "anotacións a man". Tratábase, en todo caso, de documentos complexos que foron valorados "en tan só trinta minutos", unha celeridade que para o tribunal "resulta sorprendente" e reforza a tese dunha "posible predeterminación do resultado".

En síntese, e aínda "sen poder determinar" se "foi debido a iniciativa propia, por simpatía cos outros vogais, por suxestión externa ou de superiores ou outra circunstancia", o TSXG determina que debe repetirse a avaliación dos devanditos proxectos, labor que lle corresponderá a un novo tribunal, xa que o actual ten sobre si a "censura de ter actuado cun designio malicioso preconcibido", maís aínda tendo en conta que lles deu aos candidatos tan un prazo de "tan só quince días" para presentar un amplo volume de documentación, "circunstancia" que tamén "apunta a unha situación de celeridade que propicia improvisar a documentación", nunha situación "propia de que a sorte xa estea botada de antemán".

Feijóo: "Non hai privilexios de ningún tipo"

Onde a Xustiza ve arbitrariedade e predeterminación do resultado o presidente da Xunta non ve "privilexios de ningún tipo" e por iso non valora a posibilidade de remover a Rocío Mosquera do seu cargo. Tras o Consello da Xunta deste xoves Feijóo evidenciou que cómpre "cumprir" a sentenza, "suficientemente contundente", pero desliga o seu gabinete da mesma. Segundo a versión presidencial o acontecido é "un proceso interno dun hospital" e "corresponde a ese hospital acatar esa sentenza, tomar nota da mesma, facer unha nova avaliación e seguir traballando con normalidade". Sen consecuencia política ningunha, toda vez que "quen se examinaba non era un membro do Goberno".

O presidente reitera que se trata "dun proceso interno dun hospital" e cre que "o demais" son "opinións políticas"

As reiteradas preguntas da prensa, así como as voces que dende a oposición responsabilidades políticas, non mudan un ápice o argumentario oficial. "Non estamos falando dun membro do Goberno", senón "dun familiar dun  membro do Goberno cando este non era membro do Goberno", afirma, aínda que Mosquera xa desempeñaba daquela un alto cargo na Xunta. Feijóo "non cre" que os integrantes do tribunal "actuasen ao mandato de alguén", porque iso sería "subestimar a súa capacidade e a súa independencia". Simplemente, hai unha "parte" dun proceso selectivo que "está mal, e hai que repetilo". "O demais -resolve- é a opinión política de cadaquén, e cadaquén é libre de dicir a opinión que queira".

Feijóo, este xoves tras o Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.