O recorte ao Parlamento, prioridade do PP no reinicio do curso político

Puy, Méndez Romeu, Beiras e Jorquera, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Había máis de 50 días que o pleno do Parlamento non se reunía. Durante o tempo comprendido entre o remate dun período de sesións e o comezo do seguinte, que a oposición tentou acurtar infrutuosamente, non pasaron poucas cousas no país. As preocupantes cifras de paro e destrución de emprego, as novidades no sector naval, a activación da contrarreforma da lei do aborto, a anulación do 'enchufe' do marido da conselleira de Sanidade ou as revelacións do caso Pokémon ocuparon boa parte da axenda política galega. Non obstante, a Cámara galega tivo que reabrir a súa axenda pola páxina da reforma electoral que o PP impulsa en solitario co recorte de escanos como peza fundamental e case única.

Como vén acontecendo nos últimos meses, o suposto aforro xa non é o piar sobre o que se asenta o argumentario conservador para pasarlle a tesoira ao lexislativo. Non en van, o seu voceiro, Pedro Puy, deixou para o remate do seu desapaixonado discurso unha fugaz mención á consabida e suposta necesidade de que o Parlamento faga "o mesmo que están facendo as familias e as empresas". Neste inicio da tramitación da reforma Puy céntrase en asegurar que no plan que abandeira Alberto Núñez Feijóo non hai "ningunha trampa" nin menoscabo do sistema político galego. Ben ao contrario, asegura, o partido da dereita está "defendendo o autogoberno da mellor maneira posible" e faino, ademais, dende o apoio ao actual sistema electoral, que o PP defende "sen ningún complexo" porque "permite gobernos estables".

Había máis de 50 días que o pleno do Parlamento non se reunía

Lonxe dos tempos nos que o propio Feijóo esixía que a lei de eleccións non puidese ser reformada sen maiorías reforzadas Puy defende este cambio unilateral dende o suposto convencemento de que "poucas propostas foron tan dialogadas coma esta". Mentres, acusa, o PSOE realizou unha reforma electoral "sen consenso", a que chegou como resultado da Lei de Igualdade para garantir a paridade de xénero nas candidaturas electorais. Esta crítica lánzaa, non obstante, di, partindo de que "de igualdade, poucas leccións nos pode dar a esquerda en Galicia".

Rexeitamento de toda a oposición

Despois de asegurar hai poucas semanas que o seu recorte non tiña alternativas, o feito de que os tres grupos da oposición teñan xa rexistradas cadansúa proposta para reformar a Cámara e aforar sen tocar o número de escanos leva o PP a desdeñalas. Algunhas, como a do PSdeG, din, están sustentadas nunha "especie de complexo" a respecto de Euskadi e Catalunya. Outras, como a do BNG, que este martes tamén se debatía en formato acumulado por decisión da Presidencia, suporían "un cambio radical". E o PP o único que quere é "retocar" o que xa hai, non converter o Parlamento "no que na Transición se chamaba sopa de letras", isto é, a entrada dun maior número de grupos políticos.

"Facemos esa proposta única e exclusivamente porque somos demócratas", retrucou o nacionalista Francisco Jorquera para defender a alternativa do Bloque, baseada nun sistema proporcional puro para un Parlamento de 75 escanos e sen limiar mínimo de votos para obter representación. Esa pluralidade de siglas daríase "se así o decide a cidadanía", evidencia, para explicar que a proposta do BNG "está pensada" para que se un partido "acada o 45% dos votos, teña o 45% dos escanos".

O BNG ve na reforma "un pucheirazo legal, pero pucheirazo á fin e ao cabo"

Pero para o PP, lamenta Jorquera, a "cuestión central é o número de escanos deste salón de plenos e non os problemas dos cidadáns" e por iso se dispón a modificalo "cun pucheirazo legal, pero pucheirazo á fin e ao cabo". "Se non se acredita no autogoberno a conclusión lóxica é que sobra o Parlamento", censura, nun contexto no que, por tras dos "falsos argumentos de aforro" só ve unha aposta do PP por "reter unha maioría absoluta que saben que teñen perdida na sociedade".

"Fariseísmo" e "o peor rostro da dereita española"

Beiras cre que o PP fai co Parlamento "como os nazis, cando obrigaban a nazis, ciganos e comunistas a cavar as súas foxas"

O "ataque ao pluralismo" obsérvao tamén Xosé Manuel Beiras, para quen o fondo, pero tamén a forma do debate evidencian que "isto é unha ditadura disfrazada de apariencias democráticas", un "atraco ao electorado e un asalto alevoso" que ten a súa orixe no "fariseísmo político" do PP. "Inventan un problema inexistente mentres deixan apodrecer ou fan irresolúbeis os problemas da cidadanía do común", reprocha o voceiro da AGE, para quen a ausencia de calquera tipo de consenso é mostra de "sectarismo e imposición". As minorías, di Beiras, "non son sopa de letras", senón "cidadáns con dereito a pensar pola súa conta" e fronte a eles, acusa, o PP fai co Parlamento "como os nazis" cando "obrigaban a xudeus, ciganos e comunistas a cavaren as súas propias foxas antes de asasinalos".

O PSdeG lamenta o "pouco fuste intelectual" co que o PP desdeña as alternativas da oposición

Mentres os populares se enervaban por enésima vez coas acusacións de Beiras recibían tamén o rexeitamento do PSdeG, que a través de José Luis Méndez Romeu identifica a reforma co "peor rostro da dereita española", a "da intolerancia, do illamento e da confrontación", a mesma que neste mesmo pleno, en boca de Pedro Puy, leva ao lexislativo as teorías que vinculan o "fracaso" da II República pola lei electoral que a rexía. O PP e Feijóo, que ao contrario do que acontece adoito seguiu todo o debate dende o seu escano, "violentan" as institucións e "desprezan" as alternativas cun discurso de "pouco fuste intelectual", rexeitándoas por "heteroxéneas". O que pasa, evidencia Romeu, é que a oposición "non está no aplauso irracional e acrítico" ao presidente da Xunta. A reforma, en definitiva, segue adiante só cos votos do PP e co voto en contra da oposición, tamén do Grupo Mixto unipersoal acabado de estrear.

Feijóo segue o debate dende o seu escano CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.