O Concello de Santiago perde os nervios

Último pleno no Concello de Santiago © Concello de Santiago

Case ninguén lembra os tempos nos que a vida política municipal de Compostela era pausada e calma e, por veces, mesmo aburrida. Un bipartito de PSdeG e BNG, con diferente correlación de forzas en función do mandato, gobernaba a cidade sen excesivas friccións e, alén dos avatares internos puntuais das forzas políticas, a xestión diaria ocupaba o centro da actividade política e, por extensión, informativa. Pero o desgaste do gabinete encabezado polo socialista Xosé Sánchez Bugallo, a crise ou o declive de José Luis Rodríguez Zapatero permitíronlle ao PP aprobar unha das materias pendentes que máis se lle resistía: gobernar a capital galega. Case tres anos despois daquelas eleccións aquel tranquilo consistorio é agora fonte constante de tensións e titulares altisonantes, cun equipo de goberno que semella transitar entre a parálise e a exasperación.

A  caída de Gerardo Conde Roa por mor da súa fraude fiscal e o seu posterior relevo, inzado de tensión no seo do PP, foi só o primeiro chanzo dunha escalada que rebentou definitivamente coa Operación Pokémon. A investigación da presunta trama corrupta que instrúe a xuíza de Lugo Pilar de Lara ten imputados ao alcalde, Ángel Currás, e aos edís de Deportes e Mocidade, Adrián Varela e Rebeca Domínguez. Polo mesmo caso viuse obrigado a dimitir o responsable de Seguridade, Albino Vázquez. Unha derivada deste caso, a presunta prevaricación por quererlle pagar con fondos públicos o avogado de Varela para defenderse na Pokémon, desembocou na imputación de sete concelleiros. Un deles, Juan de la Fuente, ten esta mesma condición nunha investigación polo uso de presuntas facturas falsas para outorgar subvencións a entidades veciñais.

A berros nos corredores

Neste contexto, con 10 dos 13 membros do equipo de Goberno baixo a sombra da imputación -tamén o está na Pokémon o socialista Bernardino Rama, antigo home forte do equipo de Bugallo-, as investigacións xudiciais condicionan notablemente o labor diario do consistorio, tanto para os cargos políticos como para o funcionariado, que ten especial precaución no movemento de expedientes. Mentres, o malestar na cidade non deixa de medrar e algúns proxectos que noutrora podían pasar máis inadvertidos, como a construción dun acceso a un aparcadoiro privado sobre un parque público en Galeras, xeran unha notable contestación cidadá. O último pleno ordinario celebrouse con cinco protestas diferentes no exterior da casa do Concello.

Currás e o socialista Rama intercambiaron acusacións de corrupción, para o BNG a situación é "insostible"

A tensión enquistada estourou o pasado venres nos corredores do Pazo de Raxoi e cos medios de comunicación como testemuños. Tras a celebración de dous broncos plenos en apenas de vinte e catro horas -un ordinario e outro de orzamentos- o alcalde e o socialista Rama encerelláronse nunha espiral de acusacións de presunta corrupción a berros que rematou coa tenente de alcalde, Reyes Leis, despedíndose do edil do PSdeG espetándolle "adeus, Padriño", alcume que lle adxudicaron os presuntos líderes da Pokémon. A xuízo de Leis, a este episodio déuselle demasiada "importancia". Para o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, "todo isto responde a un contexto de nerviosismo e desesperación do PP de Santiago cun Goberno á deriva" e unha situación "insostible".

A Fiscalía pide nove anos de inhabilitación

Lonxe de ter motivos para aplacalo, ese nerviosismo semella ir en aumento despois de coñecer que a Fiscalía, lonxe de optar polo arquivo do asunto, pida nove anos de inhabilitación para os edís que aprobaron pagarlle o avogado a Adrián Varela. Se o proceso segue adiante polo mesmo camiño a metade máis un membro do equipo de goberno terán que sentar á vez no banco dos acusados, unha imaxe que impactaría de cheo na imaxe política do presidente da Xunta e do PP galego. Alberto Núñez Feijóo, non obstante, asegura que non ten pensado pedir a intervención da corporación compostelá, cando menos "polo momento".

Feijóo di que non vai intervir no Concello "polo momento"

Neste contexto, o propio venres a que fora número dous das listas de Conde Roa e actual voceira do PPdeG, Paula Prado, que segundo se recolle nas gravacións de Vixilancia Aduaneira chegou a manifestar que se Currás era alcalde, "suicidámonos", reaparecía ante os medios e facíalle fronte como podía ao marasmo do seu antigo Concello. Entre negativas a opinar sobre o sumario por recoller "conversas privadas" Prado viuse obrigada a defender o "importantísimo labor de Currás" e, ao ser preguntada por se non formar parte da corporación municipal lle producía ledicia apresurouse en retrucar que o que a "alegra" é ser voceira do PPdeG. Segundo Feijóo, as revelacións do sumario non son máis que "salsa rosa".

Currás, ante Paula Prado tras ser elixido alcalde © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.