Besteiro empeza polas contas o saneamento do PSdeG

Vista do Comité Nacional do PSdeG, este sábado en Compostela CC-BY-NC-SA PSdeG

Os malos resultados electorais non son só un problema político para os partidos. Son tamén unha seria dificultade económica, derivada esencialmente da diminución de ingresos pola perda de escanos e da necesidade de seguir afrontando gastos de funcionamento diario e de novos procesos electorais, todo isto combinado cos recortes estatais ao financiamento das formacións políticas. Este foi o escenario no que, por exemplo, se viu o BNG, que entre 2012 e 2013 tivo que afrontar un proceso de redución de gastos e de mingua do seu cadro de persoal combinada cunha petición de maiores esforzos económicos á militancia e, especialmente, aos cargos electos. Algo semellante aconteceu tamén no PSdeG cuxa nova dirección, encabezada por José Ramón Gómez Besteiro, decidiu iniciar o saneamento interno pola parte económica.

Condicionado polo resultado das autonómicas de 2012 e polo ERE que aplica o PSOE a nivel federal, o equipo de Besteiro iniciou o seu traballo cunha "avaliación económica e administrativa" comandada por Luis Ángel Lago Lage, secretario de Administración da Executiva Nacional. Nun xesto pouco habitual o groso do resultado desta auditoría foi exposto este sábado polo propio Besteiro ante o Comité Nacional, que "non quixen convocar sen ter feita esta tarefa e contar con todos os datos", explicou, xusto antes de traducir a números a "situación económica difícil, crítica" do partido: a débeda acumulada a 31 de decembro de 2013 era de 2,2 millóns de euros.

O partido debe 2,2 millóns de euros e terá que realizar despedimentos

Ante este panorama "a esta Executiva tócalle levar a cabo medidas encamiñadas a garantir a viabilidade económica do PSdeG", un plan que pasa polo "refinanciamento da débeda" e tamén polo "control e axuste do gasto". Esta segunda medida, admite, ten transcendencia económica pero tamén humana", xa que "nos pon na obriga de reestruturar o cadro de persoal", isto é, de tomar a "decisión dolorosa" de despedir traballadores. De aí en diante toca "facer máis con menos" e "apelar ao noso compromiso como socialistas", apelación que se traduce nunha petición de maiores achegas mensuais dos petos dos cargos públicos ás arcas do partido.

Un partido en "reconstrución"

Besteiro inscribe implicitamente este saneamento económico no proceso de "reconstrución do partido" que se propón emprender. Aínda que sen mencionar en ningún momento a etapa de Pachi Vázquez explica que a súa intención é "non avivar máis o lume que nos impediu ser unha alternativa crible nos últimos catro anos". Ao contrario, afirma, a súa "ilusión" é "facer un partido forte" e "renovado" no que "deixemos de falar de nśo mesmos para falar dos que están a agardar por nós". "Non somos unha organización máis preocupada de si mesma que dos problemas dos galegos", afirma.

Besteiro chama a "non avivar o lume que nos impediu ser unha alternativa crible"

Nesta liña, anuncia, a Executiva renuncia a votar nos Comités Nacionais, máximo órgano entre congresos, para "non distorsionar as decisións" e "reforzar o seu papel de control, desvinculándoo das decisións" da cúpula. Paralelamente, asegura, a intención do partido é "garantir a honestidade de todos os cargos públicos en prol da exemplaridade" que debe caracterizar "un partido de esquerdas". Así, subliña, calquera representante socialista que sexa "detido" ou obxecto de "medidas cautelares" será removido do seu cargo, o mesmo que se ten que enfrontarse a un xuízo oral. "Non imos actual como o PP de España en Galicia, que se escuda en denominar asuntos privados" os casos de presunta corrupción, "aplicando un criterio ou outro segundo lle conveña" e amosando así unha "ética maleable".

Besteiro diríxese ao Comité Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.