A cidadanía forza unha lei para dotar o hospital de Lugo dos servizos prometidos por Feijóo

Nova sobre a inauguración do Hospital de Lugo na web da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

"Pacientes con doenzas de corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano". O 26 de febreiro de 2011 o presidente da Xunta pronunciaba estas palabras no acto de inauguración do Hospital Lucus Augusti, o centro hospitalario que substituía o antigo Hospital Xeral, que literalmente caía a cachos tras case 40 anos de serivzo ininterrompido pero moitos menos de mantemento. Tres anos, un mes e incontables mobilizacións despois o PP viuse este martes forzado a apoiar a toma en consideración dunha iniciativa lexislativa popular que pide, a efectos prácticos, exactamente o mesmo que prometeu Feijóo en 2011: dotar o HULA de servizos de hemodinámica a tempo completo, de radioterapia e de medicina nuclear.

Entre os argumentos que achegou á Cámara o grupo promotor da ILP figuran os explicitados por expertos en cardioloxía -entre eles, o presidente da Sociedade Española nesta materia, o doutor galego José Ramón González Juanatey- nunha xornada clínica celebrada no propio hospital a finais de 2012, segundo os cales a ausencia dunha unidade de hemodinámica neste centro duplicaba as cifras de mortalidade por infarto que noutras áreas sanitarias con sala de hemodinámica. Malia estas advertencias o único conseguido ata o momento foi dispoñer deste servizo só en horario de mañá.

"Instalouse hai pouco tempo un bo servizo de hemodinámica", lembrou dende a tribuna parlamentaria o voceiro da ILP e ex alcalde lucense, Vicente Quiroga. "Pero só funciona en horas de oficina", o que vén ser unha orde de que os e as lucenses "infarten só polas mañás" para poder "ser atendidos con razoables posibilidades de salvarlles a vida". "Se lles dá o capricho de infartar fóra de horas, o problema causárono vostedes coa súa indisciplina", ironiza, nun contexto no que se engade os traslados, "como gando ata A Coruña ou Santiago", que sofren os doentes que precisan radioterapia ou medicina nuclear, servizos dos que o HULA non dispón nin total nin parcialmente.

Apoio por unanimidade

O grupo promotor lembra que a unidade de hemodinámica "só funciona en horas de oficina"

Como veu acontecendo nas múltiples mobilizacións e durante a campaña de recollida de sinaturas a ILP recibu apoio explícito de toda a oposición parlamentaria e, desta volta, tamén do PP. Trátase simplemente de "facer xustiza", asegurou dende o BNG Cosme Pombo, quen agarda "que a cidadanía de Lugo non teña que seguir deixando a vida" por non contar con estes equipamentos e advirte que o Bloque estará "vixilante para que non se rebaixen as demandas" durante o trámite parlamentario da lei. "Non hai razóns para votar en contra", abondou Eva Solla, de AGE, quen insiste en que a iniciativa cidadá non fai máis que demandar o que Feijóo xa prometera e que despois o PP chegou a votar en contra da mesma, o que implicou no seu momento "votar si ao sufrimento" dos doentes.

"Sucedéronse respostas parlamentarias, publirreportaxes e mesmo a aprobación dunha moción", lembrou a socialista Concepción Burgo, quen lamenta as "escusas" ofrecidas polos conservadores ao longo destes anos para negar "o dereito a ter estes servizos no HULA. "Escoitarán a escusa xa manida da herdanza recibida, será culpa do bipartito e, se se tercia, de Zapatero", advertiulle ao grupo promotor da ILP xusto antes de que tomase a palabra no nome do PP o seu deputado e tamén voceiro municipal en Lugo, Jaime Castiñeira, para quen a iniciativa non fai máis que "completar e refrendar o compromiso firme que a Xunta tivo dende o primeiro momento" neste asunto.

O PP asegura que a ILP "refrenda o compromiso da Xunta" e cuestiona os datos de mortalidade por infarto en Lugo

"Poden dicir que houbo atrasos, pero non que a Xunta non ten a sensibilidade e o compromiso necesarios para dotar o HULA destes servizos", sinalou nunha intervención na que rematou cumprindo o augurio de Burgo. "Non leron os compromisos do bipartito, nas visitas do señor Touriño a Lugo", censurou, sinalando que o socialista prometera abrir o hospital en 2009. "Ninguén estamos libres de ter que utilizar algún día estes servizos", admite, se ben a continuación cuestiona os datos segundo os cales a mortalidade por infarto é superior en Lugo. "Gustaríanos que nos dixese de onde saíron" eses datos, porque "non atopamos por ningún lado a situación", espetoulle a Quiroga.

"Estaremos vixiantes para que o que se aprobe se cumpra"

"Sei do compromiso firme do presidente Feijóo e da consellería de Sanidade", asegura Castiñeira, polo que non dubida que "máis pronto que tarde disporemos en Lugo deses servizos". "De que serven as promesas cando o tempo e a realidade se encargan de desmentilas?", retrucou Vicenete Quiroga, quen sinala que se Feijóo "estivese calado" e non prometese o que prometeu aínda lle "podería seguir botando a culpa aos gobernos anteriores". "Estaremos vixiantes de que isto que se aproba aquí se cumpra" e o faga "sen enganos nin demoras", advirte. 

Feijóo, na inauguración do hospital de Lugo, en 2011 © Conchi Paz
A conselleira de Sanidade e Vicente Quiroga, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.